Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Historia dun personaxe de novela · O alcalde Barros

Serafín Barros, entre a realidade e a ficción

Os autores achegan un documentado traballo biográfico sobre o que fora alcalde de Cangas e o seu entorno familiar

Esquela en FARO DE VIGO, o 4 de abril de 1912. // FdV

Sorprendido e asombrado quedaría calquera cando coñece o carácter e amabilidade de Agar Mª del Carmen Ojea Barros. Nunha enquisa feita a Agar no xeriátrico de Aldán, preguntábaselle se nos podía facilitar datos sobre os seus antepasados que foron amos e señores dunha granxa en Aldán, coñecida como a "Granxa de Barros". Con 96 anos conserva todas as súas facultades mentais e lanzábase a manexar o ordenador e navegar por internet como se dunha moza de agora se tratase. Agar naceu o 30 de abril de 1920, no kilómetro 0 de Galicia, na parroquia de Santiago de Gresande, en Lalín. Traballou en Vigo nunha oficina facendo recibos, cun pequeno soldo de 100 pts. Despois estivo empregada no Banco de Bilbao ata a súa xubilación.

Filla de don Andrés Ojea Castro, propietario, natural de Lalín, e de dona Acacia Barros de Lamo, que foi mestra interina no mencionado concello no 1899, pero orixinaria de Aldán. Os seus avós paternos eran Antonio Ojea, natural de Oleiros (Silleda) e Presentación Castro, de Gresande (Lalín).

Na inauguración do monumento da Batalla de Pontesampaio, que se levou a cabo na cidade de Pontevedra en 1909, a súa nai colabora cunha contribución de 5 pesetas que, sumada aos 60 céntimos dos seus alumnos, facían un total de 5,60 pesetas. En 1913 solicita tomar parte nas oposicións para escolas de quenda restrinxida. Remata as oposicións en marzo do 1914, no posto 36, cunha puntuación de 123 puntos. En 1919 e 1920 concrétanse as subidas de salarios para os mestres pasando de 1.500 a 2.000 pesetas. O traslado como mestra de Gresande para Cabral, en Lavadores, ocorre en 1924. Un novo traslado lévaa en 1931 a Riomao (Lavadores). Xa en 1935 aparece nos xornais como mestra na parroquia de Guláns, en Ponteareas.

Pero o verdadeiro patriarca destas xeracións foi don Serafín Barros Otero, un aldanés que acadou relevancia política e social na segunda metade do século XIX. A súa historia chéganos a través dunha mestura de datos documentais e de tradición oral. A súa vida móvese entre a realidade e a ficción. Neste traballo biográfico intentaremos distinguir esta dualidade.

A información oral móvese entre a necesidade de dar respostas á familia e unha novela con connotacións románticas. A principal fonte deste tipo de información provén do libro biográfico dunha das netas de Serafín, María Paz Mariño Barros, co título "El Nido de la Gaviota". Esta información foi repetida por outros familiares ao longo do tempo ata facela real e crible, aínda que a realidade se impoña, poñendo en dúbida parte de esa historia. De todos os xeitos, estes datos deben utilizarse para cubrir aqueles baleiros que o rexistro documental non pode acadar ou ben por dormiren eses documentos sen espertar dun longo sono.

Nace Serafín na Espiñeira o 16 de maio de 1837, fillo dunha muller solteira do mesmo lugar de 29 anos, chamada Carmen Barros Otero. Seu pai é descoñecido. Recibe o nome de seu tío. Os documentos confirman que súa nai finou o 22 de febreiro de 1849 cando Serafín aínda non contaba con 12 anos. Deixou unha fundación de varias misas sobre a casa de habitación co seu circundado que posuía na Espiñeira e deixaba como herdeiro ao seu fillo. Nesta situación, foi acollido polo Conde de Aldán e coidado polas súas criadas. O Conde morreu poucos anos despois, pero seguiron pagándolle os estudos e a carreira de Leis, segundo a tradición familiar, xa que non hai ningún documento que acredite tales feitos.

Na cidade da Habana traballou na administración de Aduanas. A súa partida de matrimonio acredita a permanencia de Serafín en Cuba dende marzo de 1856 ata que volve para Aldán en xuño de 1862. Aquí en Aldán coñece a súa futura muller, Catalina del Amo Arís, nada en 1837 en Villavicencio de los Caballeros (Valladolid), de onde era nativo o seu pai Joaquín del Amo Herrero. A súa nai era Josefa Arís, que naceu en Meiro (Bueu), filla e neta de notarios (José Benito Arís e Pascual de Juncal, respectivamente). Esta familia trasladouse a Aldán, onde Joaquín, segundo acredita Agar Ojea, traballou na administración dos bens dos condes. Na documentación máis recente apréciase unha tendencia a mudar o apelido "del Amo" a "de Lamo", que segundo o libro de Mª Paz Mariño, débese a problemas coa herdanza paterna de Joaquín.

De feito, nun documento notarial dunha venta súa, datada o 1 de marzo de 1869, cítase literalmente "...Consiguiente a lo mal trasladados a D.Joaquín del Amo y su consorte, Dª Josefa Arís del Pueblo de Villavicencio en Castilla la Vieja para esta de Aldán...".

Segundo a biografía familiar, Catalina coidaba de seu tío, ancián e solteiro, que era xuíz da comarca do Morrazo e vivía en Ermelo. Mentres, Serafín traballaba de pasante para el, que non aprobaba o seu matrimonio. Pero si o fixo seu irmán, prior do mosteiro de Santiago de Ermelo, que os acolleu cando fuxiron xuntos e os casou en segredo. O enlace entre Serafín e Catalina prodúcese en 17 de decembro de 1863, e con esta terá cinco fillos chamados: Timoteo, Eugenio, Acacia, Carmen e Dolores Barros de Lamo. Os varóns fixeron vida en América sabéndose que Timoteo casou con Blanca Martínez. As féminas casaron con Andrés Ojea e Marcelino Pérez Conde en dobre ocasión respectivamente.

A primeira referencia do domicilio de Serafín é na Espiñeira, como queda acreditado no censo de poboación de 1872. Máis tarde, Serafín construíu unha casa nun lugar moi alto do monte entre San Cibrán e Erbello, coñecida popularmente como "A Granxa".

Esta casa, de dous pisos e dous balcóns, tiña ao seu redor un terreo de 80 hectáreas cun hórreo de seis pés por banda, pombal, cortes para burros, mulas e cabalos, xardín con estanques, árbores ornamentais como camelias e mimosas, ceador, horta, viña, fontes, un cruceiro e ata unha cova, a modo de adega, para gardar o viño, casualmente costume que aínda perdura nas terras de Castela e León. Hoxe en día atópase totalmente en ruínas.

A finais do século XIX foron caseiros na Granxa de Barros e demais terreos Ramón Gago Novoa e Josefa Blanco Tenreiro, naturais de San Lourenzo de Piñor, Barbadás, Ourense. Este matrimonio foron os ascendentes dunha longa e moi esparexida saga familiar que está afincada maiormente na parroquia do Hío (os Gagos).

Serafín acometeu varias compras de terreos, coma a levada a cabo o 18 de febreiro de 1870, na que merca a Manuel Antonio Rodriguez y Nobas, veciño de Erbello, o terreo preto da súa casa chamado Chan de Soutelo, "que se riega con el agua de la Fuente de los Pescadores y Mexarela en el mismo lugar de Herbello".

Na casa da Granxa

Catalina morre en 1878 durante un parto aos 40 anos, deixando os cinco fillos menores de idade. Unha irmá menor súa, chamada Bonifacia, quedou a cargo dos cinco fillos, trasladándose a vivir á casa da Granxa. Segundo costume da época, para non dar lugar a sospeitas sobre relacións extraconxugais, Serafín e Bonifacia casaron o 6 de xullo de 1881 en Santiago de Vigo. Con "Bonis", como lle chamaban cariñosamente, tivo 5 fillas máis que foron Alicia, Marina, Bonifacia, Nieves e Enma Barros de Lamo. Estas casaron con Manuel Mariño, Ramón Ocaña Larrín, Ángel Botello Suárez, José Bolívar Massó e Manuel Lagoa respectivamente.

Serafín seguía viaxando a Cuba durante o outono e o inverno, traballando alí na Administración de Aduanas. O Archivo Histórico Nacional proporciónanos información dunha viaxe a Cuba, co nomeamento de funcionario de Aduanas en 1889. Alí levou tamén aos seus dous fillos varóns: Eugenio (os seus descendentes seguen residindo en Cuba) e Timoteo. Volvía na primavera e verán para traballar en Galicia e en Madrid como xurista. En Aldán tamén foi propietario dunha fábrica de salgado.

Recibiu a Cruz Sinxela da Orde de Isabel a Católica en 1872 pola súa especial relación con América, apadriñado polo importante político asentado en Vigo, José de Elduayen. Estudando a documentación da concesión desta insignia tan importante, faise evidente o clientelismo político tan característico do século XIX. Algo máis tarde chegou a ser alcalde de Cangas en dúas ocasións: entre 1899 e 1903 e en 1910.

Serafín fixo tres testamentos ao longo da súa vida: o primeiro en 1889, en Bueu; o segundo, pouco tempo despois, en Cangas, e o derradeiro e definitivo en 1910 en Pontevedra. Neste testamento, Serafín declara que o seu pai se chamaba Ángel, pero non sabemos a quen se pode referir. Nel solicita que se lle devolva o diñeiro que lle mandou o seu fillo Timoteo dende América e se asigne o terzo de mellora como intereses de ditos préstamos. O demais repárteo a partes iguais entre os dez fillos (todos vivos, agás Carmen, que morreu deixando seis fillos). A presenza de seu fillo Timoteo creemos atopala en 1911 como propietario dunha tenda mixta nunha aldea abondosa en plantacións azucareiras. Esta aldea estaba situada no centro da costa norte da illa de Cuba, chamada Sierra Morena, no municipio de Sagua La Grande.

Morre na súa casa de Cangas, situada na rúa Real, con 74 anos, de bronquite crónica, o 3 de abril de 1912. De alí partiu a comitiva fúnebre ata o cemiterio de Aldán, onde foi soterrado o Xoves Santo (un 4 de abril), no seu panteón, datado en 1887, situado á dereita da entrada principal.

As crónicas necrolóxicas destacan a clase social do finado que foi acompañado na súa derradeira viaxe por autoridades importantes en toda a comarca do Morrazo.

Súas fillas casaron todas no municipio de Cangas con homes dunha clase social elevada. Tivo máis de 40 netos, entre os que destaca o pintor Ángel Botello Barros e tamén o alcalde de Cangas na década dos 60, José María Pérez Barros.

*Veciños de Cangas

Compartir el artículo

stats