Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A nova igrexa de Aldán e a caída do campanario

O 28 de marzo de 1888, cando as obras do novo templo de San Cibrán estaban preto de rematar, caeu un lóstrego sobre a torre

Gaceta de Galicia, 17 de marzo de 1890.

A actual igrexa parroquial de Aldán data do século XIX (1886) e está situada onde se atopaba o anterior templo do S.XVI. Pola extensa e precisa información xenealóxica que nos ofrece o libro "Las Hidalguías del Morrazo a través de sus Piedras de Armas", de Rafael Rodríguez Fernández-Broullón, sabemos que dentro deste templo parroquial tiveron os señores de Aldán un nicho e dúas sepulturas. Nunha delas foi soterrada Dna. Ana María de Aldao Castro y Maldonado, falecida o 25 de xaneiro de 1693 e na outra o seu esposo D. José Francisco de Gayoso Aldao y Figueroa o 15 de xaneiro de 1696, quen en 1679 foi o primeiro mordomo das Constitucións da Confraría de San Sebastián ao que se lle honra en Aldán con misa e danza desde tempos inmemoriais.

É ben sabido que tiñan os señores do Pazo de Vista Alegre de Aldán a súa rama familiar entroncada coa liñaxe da Torre de Aldán, sendo de notoria importancia a actuación de D. Antonio María Romero Bermúdez, coronel de Los Reales Ejércitos, quen exerceu dereitos de presentación e padroado e gozou de de enterramentos propios nesta igrexa.

Este artigo está relacionado coa edificación dunha nova e elegante obra de estilo neoclásico. Sitúase o templo nun fermoso lugar rodeado por varios elementos e construcións dun gran valor patrimonial como son a tumba medieval antropomorfa, ponte medieval sobre o río Orxás, pombal, panteón da familia Graña Gamallo, cemiterio municipal de finais do século XIX, Pazo de Vista Alegre, Pazo da Torre de Aldán e o muro de considerable altura que o circunda. No seu interior atópanse dous escudos das liñaxes dos pazos mencionados, dos que o seu estado de conservación é bastante bo. A fachada conta cunha fornela que alberga a imaxe do patrón, San Cibrán, e a espigada torre do campanario componse de dous pisos de balaustradas.

A miseria que padecían os veciños e a pouca renda da fábrica parroquial, que había moitos anos estaba sen pagar por D. Antonio María Romero, non era suficiente para afrontar os gastos da obra. Os señores do Pazo de Vista Alegre arrastraban a débeda que se demoraba xa desde 1740, polo que foi condenado o Sr. Romero nunha visita pastoral ao pago anual da renda de 10 ferrados e medio á dita fábrica.

As peticións para pedir unha reparación do templo existen xa polo menos desde o 3 de abril de 1835, data na que lle foi enviada unha carta ao arcebispo de Santiago, diocese á que pertence a freguesía de San Cibrán de Aldán. Foi redactada polo daquela actual mordomo fabriqueiro Baltasar Bastón en representación dos veciños da parroquia. Nela suplicaban e clamaban á voces polo seu arranxo, por mor da enorme ruína que o templo parroquial ameazaba. Temíase polo seu derrubamento, debido ao desnivel do teito e das paredes, e pedíanse novas roupas e demais ornamentos para unha mellor celebración do "divino culto".

Pero si algo se temía, algo sucedeu, e a igrexa derrubouse a consecuencia dun forte temporal en 1884. Así di textualmente o documento asinado por Francisco Montes na Alcaldía de Cangas a 12 de febreiro de 1885: "...En 22 de Febrero de 1884, se derrumbó dicho templo quedando tan solo en pie las paredes laterales y la reducida Capilla mayor, en donde actualmente tiene lugar el culto de no existir en la parroquia un sitio a propósito, santuario alguno que pudiera provisionalmente sustituir a aquel, por lo cual los fieles á la intemperie durante la celebración..."

Por se fose pouco, os problemas agravábanse coa delicada situación do antigo cemiterio, xa que tiña pouca profundidade, en ocasións nun máximo de tres pes (menos de un metro). Das sepulturas emanaban cheiros noxentos derivados da descomposición dos corpos. A saúde dos veciños estaba en perigo, polo que este feito tivo que notificarse ao Goberno Civil. Así o acredita a prensa dese ano no seguinte artigo:

A 1 de decembro de 1884 notifícase o presuposto da reedificación en cantería da igrexa parroquial de Aldán, saíndo á poxa nun total de 23.893,65 pts. A maior parte do recadado eran sufraxios aportados por persoas adiñeiradas ou pequenas esmolas e doazóns dos veciños. Do proxecto da obra ocupouse o arquitecto diocesano de Santiago D. Domingo Rodríguez Sesmero. Entre as numerosas condicións facultativas da magnitude desta obra podemos destacar as seguintes:

"11- El desmonte en roca en el pavimento interior del Templo se verificará á pico y cuñas y de ninguna manera se empleará el barreno con pólvora o dinamita, abonándose el contratista por metros cúbicos a dos pesetas y media

12- El pavimento del Templo será compuesto de baldosas de medio metro de lado de cemento Portland una blanca y otra negra formando un tablero de damas, la composición de este pavimento será sobre una capa de arena perfectamente apisonada sentando la losa sobre ella y tomadas sus juntas con el mismo cemento, el grueso de las baldosas será de seis o siete centímetros abonándose por metros superficial á nueve pesetas....

14-La construcción de las mesas de altar de fábrica de sillería de granito fino se compondrán de una altura de noventa centímetros por tres metros de longitud forrados de perpiaño de treinta centímetros de sillería labrada de pino con molduras y pilastras del orden dórico en sus tres paramentos y mesa en su cornisa para sobre esta recibirlos retablos; su ejecución será esmeradísima sugetándose a las plantillas que se suministra al contratista; abonándose en presupuesto quinientas pesetas por las tres mesas..."

As obras deben comezar canto antes, pero pola información que nos ofrecen os xornais, podemos afirmar que se vai demorar un tempo.

O 19 de outubro de 1885, o párroco de Aldán, D. Manuel Fandiño, e demais fregueses asinan e remiten outra carta a Santiago pedindo a pronta reparación da igrexa. O 19 de marzo de 1886, noutra carta asinada por D. Constantino Míguez (cura do Hío), D. Francisco González, D. Juan Buet , D. Antonio Rosales e D. Enrique Mandado, industriais de Aldán, solicitan ao Sr. Ministro de Gracia y Justicia unha axuda económica para rematar as obras, xa que non podían ser sufragadas na súa totalidade, unha cantidade de 12.000 pesetas que finalmente se conceden para rematar a reparación extraordinaria do templo. As xestións realizadas polo deputado Sr. Vicenti, acadaron un positivo desenlace para aprobar esa axuda económica e así poder finalizar a construción da igrexa.

Para colmo, o 28 de marzo de 1888, no treito final e cando estaban a piques de rematar o campanario, un inoportuno lóstrego alcanzou a cruz de ferro que coroaba a torre da igrexa: "Santa Bárbara bendita!!", deberon exclamar os veciños ese día.

O raio derrubou por completo todo o campanario, ferindo a catro mulleres e ao cura que estaba celebrando a misa na horta da Casa Reitoral. Todas as pedras da torre viñeron abaixo en segundos, caendo algunhas delas no muro que circunda o adro e alcanzando varias casas próximas ao templo. Na cornixa máis ao norte e á caída do campanario, aínda se poden apreciar a falta dalgúns anacos de pedra que poden estar relacionados coa caída das pedras situadas na parte máis elevada da torre. A información que nos ofrecen os xornais da época non é moi extensa, pero si suficiente para imaxinarnos o grao da catástrofe que supoñía para a parroquia.

Distínguese a diferente fe que profesaban os xornalistas que describen o feito nas seguintes crónicas.

É de obriga mencionar neste artigo algo máis que fai referencia a este acontecemento. Na extensa toponimia de Aldán existe un nome coñecido como A Pedra do Raio. Este topónimo aparece citado no libro "El Nido de la Gaviota", escrito por María Paz Mariño Barros, neta de D. Serafín Barros, veciño da Espiñeira (Aldán) e alcalde de Cangas en dúas ocasións a primeiros do século XX. O narrado nas páxinas 59 e 60, incluído no capítulo de "El Palomar", fai mención claramente sobre este acontecemento variando o feito por mor da tradición oral que se vai deformando pouco a pouco.

O texto di:

"...-¡Ya estamos cerca de la Piedra del Rayo!

La Pena del Rayo era un peñasco grande, que como los monolitos de granito, abundan en los montes de Galicia redondeados por el norte y medio cubiertos de musgos y de líquenes que siempre señalan el norte. Son piedras fáciles de escalar por sus oquedades y propicias para otear el lugar donde estás por encima de la copa de los árboles. Aquella Pena, tenía una historia lo bastante reciente para ser creíble, aún cuando cada cual tenía su forma de contarla, adornándola más o menos, con el aspecto meigo que se daba en Galicia a cualquier acontecimiento extraordinario. Lo cierto es que a nosotros nos contaron como una noche de gran tormenta un rayo la partió de arriba abajo, y se quedó desgajada en dos, como una sandía partida hasta su base. Pero lo curios es que dicen que ese mismo rayo salió disparado monte abajo hacia Aldán y entró por la puerta de la iglesia y le quitó todos los clavos a las botas que llevaba el cura que estaba arrodillado, en las gradas del altar, rezando a Santa Bárbara la patrona de las tormentas. Desde allí dicen que el rayo se salió por el campanario, sin hacer daño a nadie, pero tocando las campanas al vuelo a su salida, y esto había ocurrido cuando mi madre y mis tías eran adolescentes..."

O 12 de marzo de 1890 as obras da reparación extraordinaria son adxudicadas ao mestre de cantería José García Vidal, de 59 anos e veciño de Redondela. O 16 de abril dese ano, procedeuse a apertura dun único prego formulado polo contratista, que se comprometeu a cumprir no prazo de seis meses a execución da reparación extraordinaria da igrexa.

O cura de Aldán D. Manuel Fandiño Martínez expuña ao Arcebispado o seguinte escrito:

"...Que después de hecho el proyecto de las obras que faltaban para la terminación de esta Yglesia parroquial, desgraciadamente una extralación atmosférica cayó sobre la torre inutilizandola y destruiendo parte de la fachada de dicha Yglesia. En tal estado, no pudiendo subsistir el peligro que amenaza contante e infaliblemente la ruina de la expresada torre...

Aldán 2 de octubre de 1890"

Co fin de supervisar as obras, fórmase o 18 de xuño de 1890 unha Xunta Parroquial de reparación do templo de San Cipriano de Aldán, composta por:

-D. Manuel Fandiño y Martínez, cura párroco e Presidente.

-D. Manuel Bermúdez García, secretario, notario eclesiástico e mestre de Instrución Primaria.

-D. Juan Lago, coadxutor.

-D. Manuel Sequeiros Matos, alcalde presidente do concello de Cangas.

-D. Manuel Soage, procurador síndico.

-D. Serafín Barros, maior contribuínte.

-D. Román Cerviño, maior esmoleiro.

-D. José Nogueira.

O 11 de decembro de 1890 o mestre canteiro suplica mediante un escrito á Xunta Diocesana de Santiago que prorroguen en seis meses o tempo de execución da obra, xa que se ve na imposibilidade de rematalas por mor do estado ruinoso da torre e da fachada da igrexa. Deste xeito, relata o canteiro, veríase máis cómodo e desafogado para poder buscar madeira seca e proseguir a obra na procura tamén de bos operarios, moi escasos na época, debido ao gran índice de emigración e á dureza do inverno que obrigaba a aqueles a abandonar os traballos que se realizaban á intemperie.

É fácil pensar, e así o creo, que un deses canteiros que participou nesta construción, foi José Pazos, natural de Sta. María de Tourón (Pontecaldelas), sendo o antepasado de toda unha saga de bos canteiros de Aldán.

Tan só oito días despois contesta o párroco Fandiño a este escrito, para sinalar que existen almacéns con madeira seca para seguir a obra e que o mestre García Vidal ten as obras abandonadas por estar máis ocupado na construción da igrexa de Moscoso, en Pazos de Borbén. Neste período celébranse en Aldán varias procesións pola teima de que caian as pedras que quedaron mal situadas na torre.

O 24 de outubro de 1891 faise a revisión e aprobación das obras, estando presente o cura, o arquitecto diocesano e o mestre canteiro. Seis meses despois, os mesmos individuos volven facer revisión de maneira definitiva.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats