Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro en Cangas 1975-1985 (VI)

O Colectivo Múa era dos que máis representacións facía dentro dos circuitos teatrais da Deputación

Representación de "Viva o duque, noso amo", do Colectivo Múa, con Casilda Alfaro, Toño Pazos, Carlos Soliño. // Arquivo Teatro de Ningures

Nesta obra de Aristófanes á crítica mordaz e ao humor sobre a vida dos atenienses vai sumarse a xenialidade de Nieva, que vai transformar a dimensión circunstancial do cómico grego nunha linguaxe poética co sentido universal do grotesco. De novo vai ser Xosé Manuel Pazos o autor da tradución e da dirección escénica. Cun elenco renovado van agora formar parte do grupo Xoán Carlos Chillón, Mercedes Fernández e Ismael Bernárdez.

Compre recoller como anécdota que aos ensaios -xa comentamos tiñan que facerse nas fins de semana debido ás diferentes ocupación dos integrantes do grupo- Chillón adoitaba chegar tarde porque el -argumentaba- "guiábase pola hora canaria"?

Para esta montaxe vaise contar coa colaboración e complicidade do pintor Camilo Camaño Xestido, quen vai realizar a escenografía.

Os diferentes personaxes da obra - Corifeo, Escravos, Trineo, Hermes, A Guerra, A Paz?- foron interpretados por Casilda Alfaro, Ismael Bernárdez, Xoán Carlos Chillón, Mercedes Fernández, Mari Carme Mallo, Antonio Pazos, Xosé Manuel Pazos e Carlos Soliño.

A estrea foi en maio de 1983 en Cangas, na Casa do Pobo (antiga lonxa), e participa con actuacións abondo nos Circuítos da Deputación de Pontevedra.

A próxima montaxe fai ser tamén unha tradución do texto "Viva el duque, nuestro dueño", de José Luís Alonso de Santos. Unha peza moi do gusto de Xosé Manuel Pazos que ao fin é aceptada por todo o grupo.

O seu argumento é o seguinte: ambientada na España de 1680, un grupo de cómicos ensaia unha peza de teatro para representala ante o Duque de Simancas. Esta actuación aliviará, aínda que só sexa momentaneamente, a profunda miseria na que viven. No último momento sen embargo o Duque notifícalles, por medio dun mensaxeiro, que para as festas dese ano decidiu organizar unha corrida de touros e que quizais para o próximo ano conte cos servizos da compañía teatral.

Nesta ocasión a colaboración na plástica do espectáculo vai ser do escultor César Lombera, quen ademais de realizar os cabezudos tamén impartira un curso para os membros do colectivo.

O reparto de "Viva o duque, noso amo"será: Casilda Alfaro, Xoán Carlos Chillón, Mercedes Fernández, Mari Carme Mallo, Antonio Pazos, Xosé Manuel Pazos e Carlos Soliño. Ademais de actuar, Xosé Manuel Pazos será tamén o seu director.

A peza foi estreada en xuño de 1984 en Barrantes. E formará parte da programación da I Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Un evento cultural importantísimo do que falaremos no seu momento.

Vemos durante todos estes anos como hai un núcleo de persoas que permanecen varios anos e outras que o van deixando por motivos de estudos ou laborais perante a dedicación cada vez máis grande do Grupo. O Colectivo Múa estaba, naquel momento, entre os dous ou tres grupos da provincia que máis actuacións facían no circuíto da Deputación.

Unha das persoas clave no desenvolvemento do grupo e que polo demais vai ter relevancia no panorama do teatro galego contemporáneo será Xosé Manuel Pazos Varela. Lembremos que cando Vázquez Pintor deixa o Grupo Matamoura en 1979, será Pazos quen colla a dirección escénica e escriba os seus primeiros textos para este grupo. Logo, xa con Múa, principiará o seu labor de tradutor que continuará coa Compañía de Teatro de Ningures -da que por certo é cofundador-, con Teatro do Atlántico, o Centro Dramático Galego e para a Revista Galega de Teatro da que, por outra banda, formou parte durante moitos anos do seu Consello de Redacción. (Na actualidade é membro do seu Consello Editorial).

Este continuado labor de tradución que fixo posible escoitar e ler en galego a tant@s autor@s de teatro de fóra, seralle recoñecido ao chegar como finalista nos Premios María Casares de 2005 á mellor tradución-adaptación por "Troianas".

Igualmente a súa creación de textos dramáticos será galardoada nos Premios Max ao Mellor Autor Galego (2008) por "Emigrados". Un premio compartido con Cándido Pazó, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Delgado.

Ademais das súas facetas de actor, director, autor e tradutor Xosé Manuel Pazos impulsará -xunto con Casilda Alfaro e outras persoas- a creación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas da que será director durante un decenio.

Desde Teatro de Ningures fomentará a relación de intercambio con Portugal e será tamén, desde a súa actividade política como concelleiro de Cangas na oposición, quen presente a moción para que se constitúa na Biblioteca Pública de Cangas o Fondo Teatral María Casares. Moción que será aprobada en Pleno (1995) sendo concelleira de Cultura Alba Cordeiro e Chapela Seijo, alcalde polo Partido Popular. A isto se lle chama política construtiva en beneficio de tod@s.

Hai uns anos, sendo eu profesor de Filosofía e responsable da actividade de teatro no Instituto de Rodeira, pedinlle a Xosé Manuel en dúas ocasións, se podía escribir un texto para o grupo de teatro. E como pedagogo que valora a importancia educativa do teatro respondeu xenerosamente a ámbalas dúas solicitudes. As pezas que logo representamos en diferentes ocasións foron"Galaegaria" -un texto a partir de Plauto ambientado na época na que os romanos dominaban a actual Galiza- e "Crónicas da peste", inspirado pola traxedia do Prestige.

"Titiriteiro" e "Pallaso" son os calificativos que soen lanzarlle como dardos envelenados nas disputas políticas, sempre en sentido pexorativo e desde posicións moi de dereitas, claro está. Neses pensamentos e voces aínda resoan ecos cavernícolas de séculos pasados onde os cómicos, sempre incómodos co poder, eran xulgados como xentes de mal vivir e de baixo nivel social. Podería escribirse un breve tratado sobre este tema pero en fin que a estes "insultos" ben lles podería responder: "A moita honra". E recomendarlles que fosen máis ao teatro e ao cine.

Compartir el artículo

stats