Dende a pedagoxía
Limiar Teatro confía na personalidade do retratado para espertar o interese do público

Un momento da representación de "A Lingua na boca", de Limiar, na Praza do Costal. // Gonzalo Núñez
Manuel Xestoso*
Quizais forma parte da idiosincrasia galega: malia as miles de páxinas escritas sobre el e malia a súa enorme importancia para a cultura e o pensamento deste país, Castelao segue a ser un gran descoñecido para a maioría da poboación. A lingua na boca semella partir da convicción de que existe un exceso de solemnidade na forma en que tratamos a súa figura, un superávit de seriedade que estorba o entendemento. E, daquela, opta por presentar un perfil máis persoal e afastado da pompa con que se adoita falar da súa herdanza.
É só un retrato posible, que conta coa vantaxe comercial de evitar posicionamentos políticos cos que unha parte do público podería sentirse incómodo. Sacrifícase unha parte do legado intelectual de Castelao en favor da pedagoxía: a teoría di que un achegamento máis humano propicia unha maior empatía. E, a fin de contas, por que non: a imaxe à la Warhol de Rosalía fixo tanto pola difusión da súa personalidade coma varios grosos volumes sobre a súa vida e obra. Ou talvez máis.
Asistimos daquela a un relato sobre o rapaz que acaba a carreira de médico por amor a seus pais pero que non exerce "por amor á humanidade"; sobre amoríos e bailes nas festas de Rianxo; sobre a sede de coñecemento dun mozo que viaxa constantemente (a xente viaxada goza de moi boa reputación ultimamente) pero que sempre sitúa o seu país, Galiza, no centro das súas preocupacións. Búscase un retrato ancorado na contemporaneidade que sexa quen de xerar afecto e adhesión. Ou, polo menos, que non suscite rexeitamento. A estas alturas, cando tanto prexuízo aínda anda ceibo, non se pode dicir que sexa unha estratexia superflua. Aínda que na reivindicación desa lingua que esmorece e que lle dá título ao espectáculo, as cautelas son tantas que apenas se percibe a importancia esencial da cuestión. Para Castelao e para nós.
Limiar Teatro é unha compañía relativamente nova que ataca pola parte escénica do mesmo xeito que pola parte teórica: desprexuizadamente, dándolle máis importancia ao discurso que á corrección da caligrafía con que se escribe. Confía na personalidade do retratado para espertar o interese do público e deixa que o espectador poña os detalles que faltan. Non explicita as conclusións pero mostra meticulosamente o itinerario que hai que seguir para chegar a elas. E con eses vimbios e moita música constrúe unha velada de cabaré literario no que todo discorre con comodidade e sen sobresaltos.
*Crítico teatral
Suscríbete para seguir leyendo
- Vuelan los tejados de los Institutos Rodeira y María Soliño en Cangas
- Reabre la carretera general en Domaio tras 8 horas de corte y el temporal levanta la cubierta de la Escola de O Con
- Investigadas madre e hija por pagar en Cangas con billetes falsos para rodajes en el cine
- La entrada de cuatro caballos obliga a cortar la autovía en el límite entre Cangas y Moaña
- En honor a la componedora de Bueu
- Goteo de dueños de fincas en el Concello para preguntar por el plan de A Rúa
- Las primeras ráfagas de la borrasca Martinho en Cangas.
- Un colegio de Cangas anuncia una querella por acoso contra el centro y algunos profesores