Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Día da Muller · A emigración á sega nos campos de Castela

A cruz de ferro e as alugadas da seitura

O autor aborda o trasfondo do terrible traballo da sega nos campos de Castela

Unha recreación de segadoras no século XVI.

Unha recreación de segadoras no século XVI.

As redes sociais ferveron estes días con multitude de improperios e rancios tópicos sobre os galegos, avivados pola postura ambigua do actual presidente en funcións do goberno que como todos sabemos é oriundo de Pontevedra. Mais a descualificación e desconceptuación dos galegos é algo que xa vén de vello e os estudos sobre este tema veñen datala a partir dos tempos da chamada "doma y castración" do Reino de Galicia ditada polos Reis Católicos. Os "Séculos escuros" que viñeron despois e a prepotencia participativa dos autores do "Siglo de Oro" castellano, contribuirían desde aquela, a forxar unha falsa e tópica imaxe de Galicia e dos galegos.

Naquelas datas, a postración económica e a sobrepoboación do ainda chamado Reino de Galicia, motivarían un involuntario éxodo migratorio masivo cara as "terras de foris" (Castela, Portugal e logo América) onde os galegos, ao igual que os emigrantes de hoxe, exerceron aqueles traballos (mozos de corda, augadores, serenos...) que non desexaban os naturais do país de recepción. Entanto, as heroicas e esforzadas mulleres, viúvas da emigración, facíanse cargo da casa e dos fillos sendo que moitas xóvenes marchaban ás vilas e cidades para empregarse como mandadeiras e mozas de servir nas casas podentes.

Ainda que as referencias de seitureiros [segadores] do Morrazo cara Castela son exiguas, o padre Sarmiento, a mediados do século XVIII, recompón un coloquio de rústicos no retorno a casa, composto en coplas polo seu alter ego, o poeta Marcos da Portela. Entre os protagonistas figuran doce seitureiros, catro respigadeiras e dous mozos e mozas, criados de servir en Madrid, todos do arciprestado do Morrazo que daquela abranxía 35 freguesías. Cadanseu era dunha aldea e entre as citadas aparecen "Coyro, Hermelo, Beluso, Aldám, Cobres, Figueirido...," testemuñando así tamén o efecto migratorio da seitura nestas terras.

Unha Real Provisión de 1742, pregoada en Pontevedra, ordenaba que se controlasen as xuntanzas de homes e mulleres que "sin reserbasión de estados" frecuentaban as romarías utilizando para ilícitas actividades o interior de santuarios e ermidas. Esta provisión estendíase ás mozas e tamén ás casadas, que ían á sega a Castela "envueltas en tropas de hombres de todo lo que se venían caídas de genérica clase, desfalco de honra y pérdida del temor de Dios". Por iso se prohibía que ningunha moza solteira fose a romaría sen compaña familiar, que non vivise soa e menos que viaxase á sega a Castela ainda que fose con pai, nai ou irmáns.

Esta migración estacionaria dos seitureiros galegos a Castela, Andalucía, Extremadura? e a sua presenza masiva (ata 70.000 traballadores) durante os meses do estío, orixinaría non só os populares cantares de seitura e de andadura (as Marelas), senón tamén todo un corpus descalificatorio da man de moitos autores casteláns. Da dureza do traballo, do camiño e das privacións dá boa fe o vello retruco galego emitido cando alguén andaba desmellorado: "Eló, foches a Castela?"

Nos últimos anos, téñense investigado e documentado estes fluxos migratorios, celebrando exposicións e congresos cuxo fin é o recoñecemento da aportación laboral (e pouco lucrativa) dos nosos devanceiros ao progreso dos campos de Castela (dependían dos galegos), moi a pesar dos fidalguiños e terratenentes que daquela os posuían e cuxa catadura social tampouco se lle escapaba aos seus propios escritores:

"Venga el gallego a segar,

miserable jornalero,

que los hombres de Castilla

tienen el trabajo a menos"

O papel das mulleres

Mais neste contexto, cabe tamén destacar o papel que xogaron as mulleres nesta migración. Sabemos da sua saída a Castela polos decretos e prohibicións eclesiásticas que velaban para que as mozas solteiras, casadas, irmás e fillas non se desprazasen fóra do país. No texto do Padre Sarmiento, como dixemos, son catro as respigadeiras -Lucía da Esculca, Thereixa do Cerro, Farruca da Braña e Marta dos Rexelos -as que retornan ao Morrrazo despois de cinco anos na sega. E esta situación migratoria tamén a reflicte nas dúas raparigas, Maruxa das Rulas e Minguiña do Rego, que como moitas marcharan como criadas de servir. Sobre a condición e trato destas atopamos referencias no escritor Vélez de Guevara que nunha das súas obras recolle como o amo da casa, amante indignado, sentenza: "Fregona injerta en doncella, doncella de Dios lo sabe, mula gallega en efecto". E tamén con certa malignidade e ponzoña se lle veu atribuir á muller galega unha certa promiscuidade e deshonestidade: "...que son muchas gollerías pedir doncellez gallega".

A fame obriga

Mais a miseria, a fame e a necesidade que sufrían os galegos nestas datas era moi superior a calquera ordenanza ou decreto e a documentación, ainda que escasa, fai alusións á presenza feminina nas partidas que saían desde Galicia para a sega. Xa fose formando parte das cuadrillas de homes, xa constituíndo grupos femininos con estrutura similar e organizados por maioralas como nos grupos de homes. E así, pronto apareceron os galegos e as galegas como personaxes cómicos, o pailán rústico, nos entremeses que alcanzan a sua máxima expresión no anónimo e exclusivo "Entremés de los Gallegos", no que un dos personaxes con tono burlesco di: "Vengo a segar y traigo una cuadrilla de mozas, que con gusto voluntario, servirán si les dan buen salario".

Pero foron Cervantes, Góngora e outros autores casteláns quen máis cargaron as tintas no tema da descualificación de Galicia e dos galegos e galegas. E incluso o frade mercedario Tirso de Molina, que escribiu "María Hernández La Gallega" no convento de Monterrei, tampouco se reprimiu na hora de airear os tópicos sobre os galegos do seu tempo. Nunha das súas obras, aludindo á ausencia temporal dos homes ao deixaren soas ás mulleres na casa durante tan longo tempo, alude á sua franquía, adxectivo que nestas datas significaba libre, aberta:

"Por no se que fayancas

mi madre, ausente el marido,

jugando perdió el partido:

(Son las gallegas muy francas)"

Tamén a presenza de mulleres nas cuadrillas ou en exclusivos grupos femininos de seitureiras (alugadas) deu pé para que se acuñase na literatura castelá e na copla popular (mesmo galega) o termo "pasar a cruz de ferro" como significativo da perda da virxinidade ou de predisposición á libertinaxe sexual.

E o Tirso, ao que se ve moi preocupado polo tema, seguía insistindo no mesmo através dos seus personaxes moralizadores:

"Mas dudar en esto es yerro.

-Pasaste la Cruz de Ferro?

Que vendrás deshojaldrada.

¿No has querido a nadie?"

E o enigmático e pícaro Estebanillo González (din que era de Salvaterra e que posiblemente perdeu a presença de espírito en Italia) tamén airea a suposta mala fama das nosas mozas:

"...no era tan inocente que al cabo de su vejez y habiendo pasado en su mocedad por la Cruz de Ferro y siendo tan vergonzosa y recatada, fuese al Limbo..."

E en "La Niña de los embustes", Castillo Solórzano insiste sobre o símbolo:

"Supo cuan cerca estaba de la Cruz de Ferro, tan nombrada en aquella tierra: pasó por cerca de ella e hízola oración, sin tener cuidado en la promesa que todas las gallegas la hacen, pues ya Tadeo con su buena diligencia la había sacado de ella".

E mesmo os curas das nosas parroquias, moi preocupados pola condición feminina, insistían pertinazmente no tema virxinal, asunto que mesmo callou en certo modo nas nosas coplas populares:

"Mozas que van á seitura,

mozas que á seitura van,

mozas que van á seitura,

lévana e non a tran"

Outras veces eran os familiares ou os noivos quen reflectían a sua preocupación:

"Maruxa se vas á seitura

escríbeme do camiño

se non topares papel,

nas ás dun paxariño.

Os ollos que a min me queren

nesta terra non están

pasaron a Cruz de Ferro

e por Castilla andarán"

E así se foi xestando e crecendo o simbolismo da Cruz de Ferro, segundo se recolle nunha obra do padre Gumersindo Placer que pón en voz de muller:

"Yo pasé por la Cruz de Ferro

voto fize volverme luego;

non volví porque allí en Castilla

de follona soy polidilla"

A coñecida hoxe como Cruz de Ferro era todo un símbolo para os segadores que saían de Galicia cada ano, sabendo do trato (maltrato) que ían recibir. Tense pola Cruz de Ferro a que se levanta en Focebadón, entre Ponferrada e Astorga e fito no Camiño de Santiago onde se di (W. Dalrymple) que os romeiros e os galegos que retornaban, amoreaban en milladoiro as pedras ao entrar en Galicia. Mais sobre isto hai discrepancias e Taboada Chivite di que era ao revés, que quen deixaba un anaco da terra no linde, eran os que marchaban. Como fose, a Cruz de Ferro converteuse nun fito simbolóxico e a existente no camiño do sur, na Portela do Padornelo, tiña o mesmo significado, a pesar de que cando Castelao a debuxou sobre un monolito (miliario?) este xa lucía no seu cimo unha feita en pedra.

Bautismo iniciático

Nela, os segadores e segadoras novatos recibían o seu bautismo ao saíren por vez primeira cara lugares moitas veces descoñecidos e cuxo ámbito se definía coa frase ainda existente hoxe de "máis alá do Padornelo". A ceremonia bautismal consistía en dicirlle aos primeirizos que, se achegaban a cabeza á cruz, poderían saber o que estaba a acontecer na sua casa. Ao facelo, un dos mais veteranos dáballe unha zoupada contra a pedra, sendo obxecto de burla por parte dos demais presentes e considerado isto como un ritual afecto á viaxe á seitura en Castela.

Os camiños da seitura son os mesmos que desde a Idade Media usaron os peregrinos a Santiago (e ao Cristo de Ourense): O que pasaba por Focebadón e Pedrafita para os de arriba e os do sur por Allariz, Laza, Serra Seca e a Gudiña un, e o de Verín - A Gudiña, lugar onde confluían ambos para seguir polas Portelas cara Castela.

Cando se producía o retorno a Galicia, os segadores e segadoras adoitaban deixar as fouces vellas como exvoto na ermida de Virxe das Angurias ou da Tuiza (Lubián). E a ledicia de voltar á terra tamén ficou reflectida no cantigueiro popular:

"Ao pasar a Cruz de Ferro

a Gudiña ben a sei

e agora voume chegando

aos aires de Monterrei.

E tamén a lembranza das angurias, esforzos e sensabores pasados:

Castellano de Castilla:

Onde queda o meu irmán?

-Queda na Serra Morena

cunha fouciña na man"

* Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats