Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Cerviño, o mestre canteiro do cruceiro do Hío

Tiña o seu taller na antiga casa dos Míguez, viviu no Igrexario e na rúa dos Loureiros e está soterrado no Porriño

Cruceiro do Hío por Ignacio Cerviño.

Deixou escrito o poeta Ramón Cabanillas que "Cando a pedra durmida e acochada/ da terra- nai no agarimoso seo /esperta do seu sono milenario / e quer ser oración e pensamento,/ florece nun varal, estende os brazos, / e póndose de pé faise cruceiro".

Castelao deixou dito que "o cruceiro é unha creación gótica que non naceu en Galiza, aínda que alí se aclimatara e difundira polo vello costume de plantar cruces de pedra na beira dos camiños, ao ar libre./.../ Se reparamos na semellanza case que absoluta dos nosos cruceiros cos de Bretaña: se lembramos o longo comercio marítimo que Galiza sostivo cos outros Fisterras; se nos decatamos de que a maior densidade dos cruceiros galegos corresponde ás comarcas do litoral; todo, nos induce a discorrer que viñeron polo mar"

En Cangas temos preto de 30 cruceiros. Todas as parroquias teñen os seus: o Cristo da Virxe do Amparo coñecido como cruceiro de Síngulis, o do Sinal (1721), o da Laxe (Darbo) ou o da Cruz de Castro (Cimadevila). Érguense nos cruces de camiños, nas pontes, coa fin de santificar lugares onde se realizaran cultos pagáns ou como sinal para marcar os límites dun lugar. Nos cruzamentos, nos adros das igrexas, onde houbo un suceso grave levántanse unha cruz de pedra. Outros foron levantados por devoción dun particular para conseguir indulxencias polas oracións dos fieis. Por veces tiñan unha mesa de pedra onde pousar os cadaleitos que eran transportados a ombros ao camposanto.

No adro da igrexa no Hío, o mestre canteiro Ignacio Cerviño Quinteiro (1830-1905), natural de Santa María de Augasantas (Cotobade), labra en 1872 o máis coñecido dos cruceiros galegos que conta con moitas figuras acompañando o desencravo de Xesús no Calvario. Unha representación en pedra da Historia da Salvación.

Catro anxos sosteñen nos seus ombreiros a cruz que representa a escena do desencravo. Un home en cada brazo, en cadansúa escaleira e coas súas ferramentas, axudan a descender un Cristo xa morto. Tres figuras agardan o corpo ao pé da cruz. No medio está a Dolorosa cos brazos estendidos, a nai que recibe o corpo do seu fillo.

No fuste circular está representada a promesa da salvación, Adán e Eva, espidos, son expulsados do Paraíso; a imaxe da Purísima e dous anxos. No baseamento, sobre tres pasos de planta rectangular, a Virxe intercede polas ánimas do purgatorio, Cristo resucita no limbo dos xustos e os primeiros pais no paraíso, Adán reza mentres Eva conversa co diaño. Dende o exilio bonaerense, no libro As Cruces de pedra na Galiza (1950), Castelao atribuíble a José Cerviño (Pepe da Pena) a paternidade do Cruceiro, e ninguén o puxo en dúbida. Ata que Eugenio Eiroa, despois dun longo e demorado labor de investigación e documentación, demostrou en 1964 que o mestre canteiro era Ignacio, de profesión escultor con residencia en Cangas na altura daquel ano 1872. E chega a esta conclusión despois de ler o Libro de Fábrica da confraría do Cristo da Luz e de ollar a célula persoal expedida polo Concello a seu nome.

Eiroa dedicou moitos anos ao estudo do mellor desencravo dos sete que hai na Galiza, feito dunha soia peza, agás a imaxe da Magdalena. Investigou moito sobre a vida de Ignacio Cerviño, o seu verdadeiro autor, o gran mestre canteiro que tiña o seu taller na antiga casa dos Míguez (pasando o actual bar Stop). No ano da construción do Cruceiro, a parroquia pertencía a Bueu e Ignacio residía no Igrexario coa súa muller a coruñesa Xosefa Linares e unha filla nacida en abril dese mesmo ano, María do Carme Remedios. Datos confirmados polos párrocos Ricardo Touriño (ata 1930) e Antonio Graña González.

Aos poucos meses, falece a súa muller e Ignacio Cerviño veu vivir para rúa dos Loureiros no barrio antigo de Cangas entre os anos 1873 a 1877. Aquí realiza boa parte das imaxes da Semana Santa e o Cristo xacente do Descendemento. Despois, xa vivindo en Ponteareas, cruzaba a ría nunha dorna para tallar a Santa Cea e outra gran obra coñecida como panteón de Ranqueta no camposanto cangués de columnas salomónicas e os sarcófagos superpostos, obra encargada polo fomentador cangués Joaquín Francisco Graña Rodal (1830 - 1899).

Destaca o profesor Moreira Pumar o labor nestes anos do alcalde e boticario D. Francisco Martínez Budiño para levar adiante o primeiro alumeado público, a colocación do reloxo da igrexa, o monumento ao apóstolo Santiago (1880) que idealiza o poderío guerreiro do apóstolo Santiago na batalla de Clavixo e a colocación da fermosa fonte do Cabalo encargada ao mestre Ignacio Cerviño. Quen asemade foi autor do remate da torre da igrexa parroquial de Cangas e doutro panteón no atrio da igrexa parroquial de Aldán.

Ignacio Cerviño, que padece bronquite crónica, asociada a silicose, enfermidade típica dos canteiros, morre o 28 de outubro de 1905 sendo soterrado no cemiterio de Santa María no Porriño.

E aquí quedaron entre nós, as súas obras e o cruceiro do Hío. En palabras de Castelao, "Os cruceiros, estes obxectos de culto popular onde cada un é unha oración petrificada, a perpetuidade que se aplica en sufraxio das almas. Templos erguidos polo pobo galego nos que o deus da bondade expande a súa beizón".

(Bibliografía: Castelao: "As cruces de pedra na Galiza". Edit Galaxia)

(*) Directivos da Cepa

Compartir el artículo

stats