Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O petróglifo da Borna

Jacinto García defende que trátase dun vestixio medieval para a delimitación de xurisdicións diferentes como Meira e Domaio

Fotografía do petróglifo da Borna. Agrupación Cultural R.D. "NOS". Caderno nº2.

Que son os petróglifos? Con este nome coñécense os conxuntos de gravados rupestres ó aire libre, que poden ser de época prehistórica e histórica, e que teñen diferentes funcións e significados. Polo xeral atópanse nos montes, a media ladeira, e o mesmo aparecen sobre superficies planas, a rentes do chan, que sobre das caras oblícuas de grandes batólitos. Aínda que está moi estendida a crenza de que esta enorme cantidade de figuras "debuxadas" en penedos foron feitas en tempos moi remotos, basicamente na Idade do Bronce, tamén hai manifestacións deste tipo, de factura claramente moderna, que datan de etapas posteriores -concretamente da época medieval, e incluso máis tardías. Este é o caso do petróglifo da Borna, na parroquia de Meira, con insculturas realizadas en datas relativamente recentes, en calquera caso históricas, do que agora pasamos a ocuparnos.

Gravado sobre unha laxe granítica, dividida en dúas por unha fenda, á beira do antigo camiño que comunicaba Meira con Domaio, presenta un gran número de insculturas a base de figuras cruciformes -algunhas de aparencia humana-, varias formas en "U" aberto, que alguén ten interpretado como representacións esquemáticas de embarcacións de coiro, cazoletas e estrelas de cinco puntas. Foi descuberto por Fernando Alonso Romero, quen o datou como resto arquelóxico prehistórico, no contexto das relacións atlánticas entre Galicia e as Illas Británicas na Idade do Bronce.

Tendencia errónea, por outra parte bastante común na bibliografía, é pretender converter calquera gravado sobre rocha ó aire libre en prehistórico, sen considerar, entre outros moitos aspectos, o estado de conservación dos sucos e a iconografía particular dos deseños; como tal, ten sido refutada, aínda que con escaso éxito, por parte de estudosos na materia como Sobrino Lorenzo-Ruza e J.Ferro Couselo. Non obstante, o petróglifo da Borna, tanto pola técnica empregada no gravado das figuras, como polos motivos alí representados, delata un conxunto arqueolóxico de cronoloxía posterior, máis recente ca a establecida para os gravados rupestres do NO peninsular de comezos da Idade do Bronce; así se deduce dos traballos que ó respecto teñen realizado J.M.Vázquez Varela, F.J. Costas Goberna e Antonio de la Peña Santos, entre outros. Amosan estas figuras incisións relativamente profundas, con sucos ben nítidos e pouco desgastados pola erosión; unha típica sección transversal en forma de V, cos bordes angulosos e paredes ásperas ó tacto, sen dúbida resultado dunha técnica de percusión que utiliza instrumentos moi duros, afiados e puntiagudos- probablemente punteiros de ferro- na realización das insculturas. En canto á temática, destaca a presenza de cruces, ou elementos cruciformes, e outros signos que nada teñen que ver coas representacións circulares, espirais ou labirínticas, nin tampouco coas figuras de animais e armas que tanto abundan nos petróglifos do Morrazo ( tamén na parroquia de Meira: Devesa do Rei, Chan do Caeiro, A Escada, As Meáns, Pozo Garrido etc.) e zonas próximas. Características, estas, que diferencian claramente o petróglifo da Borna dos gravados verdadeiramente prehistóricos, con sucos xa moi esvaídos, de sección en U moi abertos, cos bordes anchos e redondeados, suaves ó tacto, enormemente desgastados pola erosión e o paso dos milenios?; do que se pode concluír que non todas as insculturas rupestres son prehistóricas.

En definitiva, o petróglifo da Borna é o típico exemplo de gravado de época máis recente, en opinión de Antonio de la Peña, compartida igualmente polo Grupo Arqueolóxico do Morrazo. Responde ó modelo establecido por Ferro Couselo para os "petroglifos de término", realizados con técnica máis moderna e cunha temática ben diferente, na que predominan as representacións cruciformes, "ferraduras" e figuras cadradas de ángulos moi pronunciados. Trátase, pois, dun vestixio da época medieval, ou incluso posterior, que perdurou ata os tempos modernos cun significado e cunha función, polo que sabemos, diferente ás dos petróglifos prehistóricos; isto é, como sinais empregados para a delimitación xurisdicional de coutos e de heredades; tamén de parroquias e outras propiedades eclesiásticas e comunais. Hai que recordar que Meira, dentro da división territorial e de goberno existente ata 1836 -en que se implantan os concellos constitucionais- tiña a consideración xurídico-administrativa de COUTO, dependente do señorío xurisdicional do marqués de Valladares, titular da Casa de Meira, mentres que Domaio, Tirán e Moaña eran territorios de señorío eclesiástico. Impoñíase, pois, a necesidade dunha delimitación entre xurisdicións diferentes, como eran as que correspondían a Meira e Domaio. Neste sentido, a cruz foi o signo de demarcación do territorio máis empregado e o de maior pervivencia no tempo; desde os comezos da Idade Media ata o século XIX.

A todo isto, pódese engadir a referencia, recollida da tradición oral por A. Costa Iglesias, que aparece no Caderno Nº 2 da Agrupación Cultural "Nós" na que se di que "Esa pedra é límite das parroquias (Santa Olaia de Meira e San Pedro de Domaio) e alí iban os párrocos con testigos - persoeiros principais de ambos lados- e cada testigo facía unha cruz ou marca na pedra, autentificando así a división parroquial". Noutros lugares, a liña divisoria entre Meira e Domaio aparece sinalada sobre o terreo mediante marcos coa inscrición M/D.

(*) Profesor de Historia e veciño de Meira

Compartir el artículo

stats