Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa
Lola Rodal, vítima da represión franquista
Filla de sindicalistas que sufriron a represión, un dos seus irmáns foi asasinado con 16 anos e outro exiliouse

Lola Rodal na exposición "As escolas de Cangas", organizada por A Cepa.
Fernando cuñarro pintos/ánxela fandiño boubeta | Cangas
Dolores Rodal Blanco (Lola) naceu na rúa Nova, 10, en Cangas (1921), a cuarta filla de seis irmáns. Foi á escola ata os 15 anos e encantáballe a Xeografía.
O seu pai, José Rodal Lanzós "O Marrixo", mariñeiro, patrón de costa, concelleiro republicano, cofundador da agrupación socialista de Cangas e Presidente da sociedade Alianza Mariñeira (1934) foi detido na ditadura de Primo de Rivera. "Viñeron buscalo de noite os gardas de asalto e estaba agochado no faiado. Cando se foron fuxiu para Darbo a casa duns parentes; despois foi para Tui e botou cinco meses ata que se entregou". Foi de novo encadeado en xullo do 36, aos sete días do alzamento, e estivo preso na illa de San Simón e nun cárcere de Pamplona.

Lola Rodal, vítima da represión franquista
A súa nai, Dolores Blanco Montes, redeira, traballaba como atadeira na fábrica de conservas, tamén estivo presa durante a ditadura de Primo de Rivera en distintas ocasións por reivindicar melloras salariais e denunciar os abusos que cometían os patróns cos traballadores. Foi detida, "paseada" e logo encarcerada en Pontevedra e Santurrarán.
Cando se instaurou a República, Lola Rodal tiña 10 anos. Lembra que un día estaba na escola que había preto da igrexa e viu un grupo de persoas subindo con bandeiras cara ao Concello Vello: "Cando chegaron quitaron a bandeira nacional e puxeron a republicana; entón saen as beatas da igrexa e comezan a berrar que vai vir o comunismo e que van queimar as igrexas".

Lola Rodal, vítima da represión franquista
E chega xullo de 1936. Os Falanxistas patrullan o centro de Cangas polas noites metendo o medo no corpo á xente. Lembra Lola: "Naquel terrorífico mes daquel verán de moita calor veñen buscar a mamá á casa de madrugada, ás 2 da mañá. Baixa descalza cuberta simplemente cun mandilón de listas. Chámana para declarar no cuartel da Garda Civil. No camiño mirou un coche cunha moza presa. Lévanas a Pontevedra; pero ao chegar á curva do matadoiro en Mogor deteñen o coche. Sae un garda e leva á rapaciña presa, síntese un tiro e un grito. Outro dos gardas que era coñecido dela, agarra a Dolores cara ao lado do monte e dille: 'Marcha para Cangas, camiña, camiña,...' largándolle un disparo que a fire nun brazo. Andou dous días ferida vagando polos montes camiño da casa. Non podía achegarse aos núcleos habitados para que non a descubrisen. Sen comida, con sono, febre e bebendo nos regatos. Coa febre entran os delirios. Mira lucecús brillando nas beiras dos camiños e parécenlle os faros de coches".
(Aparecen persoas mortas polas cunetas. Sóase que os falanxistas cachean os montes na procura dunha muller fuxida polo monte. Dan o aviso que é unha muller perigosa, que anda armada e de que avisen se a miran por algures).

Lola Rodal, vítima da represión franquista
Dolores lémbrase que en Ervello vivía unha rapaza que traballaba na fábrica con ela. Contáralle onde tiña a súa casa e alá foi. Ao vela, axudoulle. Veu a Cangas e avisou. E grazas a O Piñeireiro de Loira, que repartía gasosas polo Morrazo nun coche de cabalos, conseguiu chegar a casa despois de pasar calamidades durante tres días. Zafou.
"Os falanxistas aínda volveron por ela á noite seguinte. A mamá deulle un ataque de nervios e gritou con toda e só lle tomaron declaración. Ao seguinte día puxeron de garda a un falanxista que vixiou durante dous meses aquela casa onde agora estaban vivindo en Síngulis".

Lola Rodal, vítima da represión franquista
Andando o tempo os pais foron xulgados en Pontevedra e condenados a recrusión perpetua. Alí coñeceron a morte do seu fillo Ángel asasinado aos 16 anos despois de pasar cinco meses prisioneiro en Vigo. "Fómolo a buscar a Xinzo, no Concello de Ponteareas e atopámolo nunha carballeira cun tiro na gorxa; pedímoslle ao cura que o soterrara porque non tiñamos cartos para traelo e respondeunos que non quería máis roxos no seu cemiterio. Tivémolo que soterrar no atrio da igrexa", lembra con bágoas nos ollos. (Recentemente puideron soterralo no panteón familiar no cemiterio de Cangas).
José, outro dos irmáns, tamén mariñeiro, participou na guerra no bando republicano no barco "Libertad". Ao rematar estivo nun campo de concentración en Túnez e no exilio en Francia ata 1975. Morreu no 2003. Outros familiares foron castigados sufrindo unha dura represión.
Coa guerra chegou a fame, a lambrica e a escaseza de todo. "España tivo que pagarlle a Alemaña o seu apoio bélico e mandoulle grandes cantidades de aceite, azucre e o trigo que viña de Arxentina. Déronlle todo, ata as castañas. Xeneralizouse o estraperlo e o litro de aceite púxose pola nubes. Na nosa casa estivemos tres meses sen guca (anaco pequeno de pan). A xente chegou a tinxir os sacos de patacas, de fibra vexetal, para facer roupa".
"Moita miseria en Cangas. Os homes podían ter o oficio de carpinteiro, xastre ou albaneis; pero a maioría ían ao mar, con embarcacións pequenas e con fortes temporais nos invernos e as mulleres novas a servir a Vigo ou a traballar con baixos salarios nas fábricas de conserva ou de atadeiras nos areais de Rodeira. A miña nai saía coas estrelas e volvía coas estrelas. E todo para gañar dúas pesetas".
Lembra un noivo que tivo aos 14 anos. Co Alzamento fuxiu para Ferrol e alí topouno un xefe dos falanxistas de Cangas que lle dixo: " Mañá xa desapareces!" El puido agacharse e fuxir para América e morreu en Bos Aires.
Lola tivo dous fillos co seu home, quen se salvou pola intercesión dun cura. "A República fixo moito pola educación. Abriu moitas escolas; pero agora chegaron os bárbaros con 'Abajo la inteligencia, muera la intelectualidad y Viva la Muerte.' E alá se foron asasinados nas cunetas, don Lino, don Víctor, don Vicente, magníficos e queridos mestres de Cangas". E todos os do Anguieiro.
Lola Rodal participou no 2006 en Santiago de Compostela nunha homenaxe da Consellería de Cultura da Xunta ás mulleres vítimas da represión franquista. "Está ben que se fagan esas cousas e que se saiba o que fixeron con nós e con tanta xente inocente". Para ela, peor aínda que os recordos é pensar "que había tanto medo que non podías nin chorar polas persoas que che mataban".
Hoxe, con 94 anos, viúva, segue vivindo na mesma casa onde nacera. Hai xente que lle di que esqueza, aínda que o intenta, non pode. Asegura que todos os días se lembra do que tivo que pasar.
*Membros de A Cepa
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría