Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa
Bernardino Graña, mestre humanista e republicano
Fundou a Academia Morrazo e alí formáronse varias xeracións de mozos da vila

Unha imaxe de 1954 de Amalia e Serafín na Academia Morrazo.
Fernando cuñarro pintos/ Amalia soage molanes | Cangas
Don Bernardino Graña Refojos (1909-1990) nace en Cangas o 13 de decembro de 1909. Ao quedar orfo moi cedo, ingresa no convento de Herbón onde se forma en latín e humanidades. Os frades franciscanos mírano con capacidade para o estudo e envíano ao Seminario de Santiago a estudar para crego; pero non amosa moito interese e abandona.
De volta en Cangas prepara por libre a carreira de Maxisterio e faise mestre. Casa con Amparo Villar e teñen dous fillos: Bernardino e María del Carmen.

Bernardino Graña, mestre humanista e republicano
O seu amor polos libros lévao a participar como bibliotecario na directiva da agrupación Alianza Mariñeira e a presidir o Progreso do Mar. A partir de 1930 empeza a escribir crónicas no xornal vigués El Pueblo Gallego.
No 1933 o mestre de Cangas Eusebio Taboada propón a don Bernardino como mestre auxiliar. Pero nese mesmo ano gaña praza nas oposicións e vaise para Ribadavia como profesor do colexio de Fundación Martínez Vázquez.

Bernardino Graña, mestre humanista e republicano
E chegamos a 1936 e don Bernardino, de ideas republicanas ten problemas políticos e laborais como lle acontece na novela de Manuel Rivas a don Gregorio, o mestre de "A lingua das bolboretas". Ábrenlle un expediente de depuración e queda sen traballo. Cos novos aires fascistas triunfadores o novo crego de Ribadavia díxolle: -"Vostede é das persoas que deberan estar xa no outro barrio". Outros mestres de Cangas son apartados da docencia, depurados, paseados e asasinados coma os mestres de Coiro Víctor Sánchez Martil e Vicente Sáez Ruiz.
Superados aqueles primeiros anos moi difíciles decide, con varios compañeiros, montar unha academia particular: o colexio Academus de Ribadavia. Aquí vai estudar un neno veciño, natural de Ventosela do Gaiteiro e que andando o tempo vai ser profesor, investigador e Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero que chegaría a comentar na súa biografía: "Alí tiven a ocasión de me entusiasmar coa palabra, coas palabras organizadas en textos e coa palabra como obxecto de estudo, circunstancia que determinou que elixise para os meus estudos universitarios a carreira de Filoloxía Románica" E lembra que o mestre lle lía páxinas da súa novela inédita ("Por los Caminos de la carne"). Conta a súa alumna Amalia que en Cangas a admiración do mestre era recíproca, "A don Bernardino enchíaselle a boca gabando a dedicación aos estudos filolóxicos do escritor".

Bernardino Graña, mestre humanista e republicano
Esta experiencia na capital do Ribeiro, válelle a don Bernardino ao volver a Cangas (1951) para abrir a Academia Morrazo, onde se formaron moitos mozos e mozas da Vila. Na nova academia particular impartiu aulas o seu fillo, daquela coñecido familiarmente como Dinito, a súa filla Maricarmen e Aurora Ros Ayera, muller de Pepe Poeta. Alumnado como Tucho, Amalia, Arturo, Mariano Abalo, Tucho Perete, Merchi Santos, e tantos outros formáronse nestes tempos da posguerra na Academia Morrazo.
Como seguidor de santo Agostiño, pensaba que "no necesario, unidade; na dúbida, liberdade; e en todo, comprensión". Coa chegada da democracia (1977), fóronlle recoñecidos os seus dereitos laborais e reingresa, a piques de cumprir os 70 anos, no corpo de Profesores do Estado no colexio público de San Roque en Darbo. Os novos tempos fixéronlle xustiza.

Bernardino Graña, mestre humanista e republicano
Estivo en activo pouco tempo e os seus compañeiros lémbrano como unha persoa pacífica, moi tranquila e que tiña unha pátina especial de tenrura. Unha persoa con pensamento de esquerdas, de fondas convicións relixiosas e, ao tempo, profundamente laico. Falar con el era como un remanso de paz. Don Bernardino retirouse e os colegas e os antigos alumnos que lle querían ben, rendéronlle unha sentida homenaxe de xúbilo, cun xantar na Casa Simón de Balea.
Unha persoa que o coñeceu ben foi Amalia. Foi alumna e profesora na academia Morrazo, casou co seu sobriño e afillado e foi a súa compañeira no colexio de San Roque. Amalia sentiuse honrada por levalo en coche, durante os últimos dous cursos, desde o seu domicilio ao centro de traballo e seguir a gozar da súa sabedoría, da súa elocuencia e da tranquilidade que o paso do tempo deixou na súa personalidade. Don Bernardino era: amorosamente, severo. responsablemente, esixente. Comprensiblemente, crítico. Afablemente, profesor. Intelixentemente, sabio e entrañablemente preocupado pola boa marcha do seu alumnado e das súas familias.
O gran mestre foi sempre un gran Humanista. Falece en Cangas en 1990, aos 81 anos, sendo soterrado no cemiterio parroquial de Darbo.
*Membros de A Cepa
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría