Alfredo Saralegui, o fundador dos pósitos
O mariño e sociólogo nacido en Ferrol foi impulsor das actuais confrarías de pescadores, que a súa vez foron o punto de inicio do Instituto Social da Mariña

Placa no faro de Fisterra.
F.Cuñarro/J.L.Lorenzo "Colón"
Alfredo Saralegui Casellas nace en Ferrol o seis de xaneiro do 1883. Mariño e sociólogo, está considerado como o fundador e impulsor dos Pósitos de Mariñeiros que deron orixe ao Instituto Social da Mariña (ISM).
De familia paterna de mariños, con 16 anos entrou na Escola Naval Flotante que levaba este nome por estar a bordo da antiga fragata Asturias. Gradúase de alférez de Navío e nos seus destinos como Axudante de Mariña en Andalucía, País Vasco e Galicia, concienciouse dos problemas económicos das familias dos mariñeiros.

Alfredo Saralegui, o fundador dos pósitos
Alfredo Saralegui, persoa moi próxima á xente, comproba que a miseria para moitas familias era insoportable e funda unha cooperativa obreira en Benidorm. Aos 30 anos organiza a asociación Protectora do Pescador en Biscaia dedicada á educación dos mariñeiros e dos seus fillos, distribución de axudas, beneficencia, creto e pensións.
Saralegui viaxou polas localidades costeiras dando conferencias (Vigo en 1917) concienciando aos mariñeiros de facer ben o seu traballo, coa idea de deixar de depender dos intermediarios e de armadores aproveitados, mellorando a vida do sector.

Alfredo Saralegui, o fundador dos pósitos
Foi o creador dos Pósitos de Pescadores que no 1918 estiveron xa oficialmente regulados. Contaban con axudas e dietas para enfermidades, asistencia médica e farmacéutica, subsidios por defunción, mutualidade de accidentes do mar e retiro obreiro; seccións de cultura con salas de lecturas, conferencias, escolas de orientación marítima e cooperativas de produción e consumo.
O Pósito de Cangas foi creado no 1924. Nos anos seguintes e patrocinados tamén por comerciantes como Benigno Soage, foron abrindo outros locais e escolas en Darbo, Coiro e Aldán.

Alfredo Saralegui, o fundador dos pósitos
Estas escolas, cunha orientación cara o mar e a pesca, foron creadas polos Pósitos e preparaban aos alumnos nos labores propios dos mariñeiros. No tempo da República serian homologadas coas escolas públicas pero conservando temas específicos relacionados co mar: cartas náuticas, xeografía das rías e da costa, visitas a barcos, sinais marítimos, ...
Saralegui foi nomeado secretario xeral da Caixa Central de Crédito Marítimo, unha cooperativa de creto popular que foi asumindo novas competencias en materia de protección social e que en 1930 pasou a denominarse Instituto Social de Mariña (ISM) do que asemade foi Secretario Xeral
Nunha emotiva carta aos fillos dos mariñeiros, Saralegui escribe: "Sede tenaces como o mar para realizar a obra do voso perfeccionamento. Poñede cada día o voso empeño en aprender algo novo, estudade, que non se apague xamais en vos a sede de saber". Vai ser precisamente Cangas onde se vai instalar a primeira Escola Elemental de Pesca do Estado (1930) dirixida e activada polo bo facer do mestre Felipe Carnicer e sostida tamén con pequenas axudas do concello.
No verán de 1931, Alfredo Saralegui será obxecto dunha homenaxe en Cangas, organizada polos Pósitos locais. Presidiu un xantar nun hotel da vila e na sobremesa analizaron o funcionamento, os problemas e a situación dos pósitos da zona.
Naquela altura estaba destinado na Axudantía da Mariña da vila, Carlos de la Piñera que, seguindo as instrucións de Saralegui, convoca aos armadores para que cedan unha pequena porcentaxe da pesca como axuda para o labor dos Pósitos. Cinco familias de Cangas asociadas no Pósito recibiron axudas económicas pola morte dos mariñeiros no naufraxio da motora "Azaña" (1932).
As actividades do ISM foron suspendidas en agosto do 1936. As ideas e as inquietudes de melloras sociais avanzadas que defendía Alfredo Saralegui fixérono sospeitoso de comunista diante do novo réxime franquista, caendo en desgraza. Foi cesado no seu cargo e as actividades e funcións do Instituto Social da Mariña foron interrompidas e transferidas ao Ministerio de Traballo.
Aínda que a mediados de 1938 se restableceron as funcións do ISM, Saralegui non volveu ocupar o cargo de Secretario Xeral. Viuse obrigado a esconderse durante a guerra na zona de Valencia. No 1940 regresa a Madrid coa idea de recuperar o seu posto pero foi detido e xulgado; non atopando cargos contra el, deixárono en liberdade e foi reincorporado como asesor técnico á Dirección Xeral de Pesca.
No ano 1944 decretouse a desaparición dos Pósitos pasando a denominarse Confrarías de Pescadores. Saralegui tivo que agardar ata 1946 para que o Ministerio de Traballo lle recoñecese a súa categoría de alto funcionario do ISM ata a súa xubilación aos setenta anos.
Alfredo Saralegui escribiu moitas ensaios e obras sobre a España Marítima. O seu derradeiro libro leva por título, El turismo y Galicia froito dunha conferencia pronunciada no centro Galego de Madrid en 1951.
Morre en Madrid o 27 de marzo do 1961. No ano 1983 recoñecéuselle o seu labor como fundador do Instituto Social de Mariña concedéndolle a medalla ao Mérito Social Marítimo.
Unha placa de mármore na casa onde viviu en Madrid, outra en bronce no mítico faro de Fisterra que amosa a gratitude dos mariñeiros da Costa da Morte e en Cangas o nome dunha rúa que leva o seu nome, son algunhas das mostras de agarimo que quedan a este mariño e sociólogo que tanto quixo e defendeu aos mariñeiros e ás súas familias.
*Asociación Cultural A Cepa
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría