Un novo rexurdir do millo corvo de Meiro

A festa pechou a súa decimoséptima edición cunha gran afluencia de público - A última xornada incluiu un obradoiro de sementes ecolóxicas e outro sobre manteigas aromatizadas

Un dos expositores presentes na xornada de onte. // Gonzalo Núñez

Un dos expositores presentes na xornada de onte. // Gonzalo Núñez

Bueu

A aposta da Asociación Cultural Meiro de impulsar de novo a programación dos Encontros co Millo Corvo estivo recompensada cun éxito de público e de participación. O evento pechou onte a súa decimoséptima edición e o fixo con ánimos renovados de cara a seguinte, na que esta celebración declarada como Festa de Interese Turístico Galego cumpre a súa maioría de idade.

A carpa instalada na explanada do recinto da Casa da Aldea abriu novamente as súas portas a partir das 11.00 horas coa apertura da "ecotaberna", sen dúbida unha das iniciativas con máis éxito da festa. Os visitantes puideron comprar produtos, como o pan, feitos coa fariña corva ou degustar deliciosos pratos nos que esta variedade de millo estaba moi presente.

Un novo rexurdir do millo corvo de Meiro

Un novo rexurdir do millo corvo de Meiro

A programación da derradeira xornada incluiu dous novos obradoiros demostrativos. O primeiro correu a cargo da empresa de agricultura ecolóxica A Hortinha da Ponte, da zona de Terra de Montes. A súa actividade inclúe a produción de todo tipo de hortalizas e legumes a partir de sementes ecolóxicas. Onte o seu taller incluiu explicacións sobre o emprego de xerminados e os usos alimenticios das sementes. Unhas explicacións que se completaron coa elaboración de dous pratos: un frío, consistente nunha ensalada de verduras e froitos secos, e outro quente, que foron unhas lentellas vexetais. O segundo dos obradoiros foi o de Milhulloa, especializada en plantas medicinais e especias. A súa demostración estivo centrada na elaboración de manteigas aromatizadas.

A programación desta última xornada incluía a actuación do grupo tradicional Viruxe de Outono, da parroquia de O Hío. E a festa proseguiu pola tarde, co público dando boa conta dos produtos da "ecotaberna", xogos e máis música tradicional.

Tracking Pixel Contents