A tráxica morte dun párroco de Moaña
Manuel Iglesias finou o 3 de febreiro de 1897 ao caerlle enriba a figura dun anxo tras a misa de San Brais

Sobre estas liñas, a portada de FARO DE VIGO do 5 de febreiro de 1897 e ampliación da noticia. // FDV
Manuel uxío garcía barreiro*
Arredor da lareira da casa centenaria onde nacín, no lugar do Cruceiro, a carón da igrexa de San Martiño, na década dos 50 do pasado século escoiteille á miña avoa unha estrofa da cantiga que se compuxo despois dun tráxico accidente ocorrido ao finar a misa solemne da festividade de San Brais do ano 1897, cando ela tiña catorce anos. Dicía así:
"Ay que tristeza

A tráxica morte dun párroco de Moaña
Ay que amargura
El Padre Eterno

A tráxica morte dun párroco de Moaña
Mató al Cura"
Para obter máis datos sobre dita estrofa que, parece ser, proviña do carnaval moañés de finais do século XIX, dirixinme á hemeroteca de FARO DE VIGO onde, na portada do exemplar correspondente ao 5 de febreiro de 1897, atopei unha nova relacionada coa morte instantánea do párroco da freguesía de Moaña, D. Manuel Iglesias, no intre en que : "Celebrábase en la iglesia de la referida parroquia una solemne misa a la que asistía un público numeroso. El párroco de aquella feligresía D. Manuel Iglesias Vázquez que oficiaba en la misa había terminado las preces de esta y ya se disponía a retirarse del altar cuando, desprendiéndose de la cúspide del retablo, un ángel de madera que coronaba el mismo, vino a tierra, con tan mala fortuna que cayendo sobre la cabeza del abad, le produjo a este la muerte".
Este apartado contradí a historia que me contara miña avoa pois, non se desprendera a imaxe do Pai Eterno senón a dun anxo. Non obstante, o erro non é grave pois, no cumio do retablo da capela maior, rematado en 1774 no estilo barroco, a talla do Pai Eterno atópase escoltada por dous anxos como se pode comprobar cando se visita o templo.
O xornal daba datos interesantes sobre o finado crego, procedente de Teis, subliñando que era "? hermano del médico de esta ciudad, D. Nicolás Iglesias y tío del abogado D. Eduardo Iglesias Añino".
Describe tamén FARO DE VIGO, que o 31 de maio de 1882 tivo lugar en Teis o pasamento do médico D. Pedro Iglesias, irmán do párroco e pai do avogado; este último, ocupou o cargo de alcalde do concello vigués entre os anos 1887 e 1888.
Obsérvase pois, que o crego procedía dunha familia burguesa, con boas relacións co daquela señor do pazo do Rosal, D. Manuel Saavedra Costas, que xa vivía de cotío en Vigo aínda que, de vez en cando, cruzaba a ría para visitar as súas abondosas propiedades moañesas. Debido a tales relacións, como posuidor do padroado e dereito de presentación de abades na igrexa de San Martiño, promoveu a D. Manuel Iglesias para substituír, no ano 1878, ao seu tío paterno, D. Gregorio Benito Saavedra Román, sétimo e último cura propio de Moaña, procedente da casa fidalga do Rosal. Esta dende mediados do século XVII gozaba de tales dereitos sobre a súa igrexa matriz na que situaba aos fillos segundoxénitos da familia paceña pois, ata o ano 1841, era o primoxénito do señor do Rosal quen herdaba a totalidade da facenda paterna, acolléndose á lei de vínculos e morgados que, dende o ano 1623 rexía no pazo. Ante tal circunstancia, aos demais fillos non lle quedaba outra saída que facerse cregos ou militares se non querían vivir dependendo do herdeiro.
Este foi o caso do propio D. Gregorio Benito que tivo dous irmáns servindo no exército de terra e na armada, falecidos ambos os dous en plena xuventude, durante a Guerra da Independencia.
Don Manuel Iglesias, primeiro párroco burgués de Moaña, habitara durante 19 anos na súa reitoral, gozando das abondosas potestades que lle daba a Constitución de 1876, vixente ata o ano 1923. No arquivo diocesano de Santiago consérvase a carta de aceptación do pago da súa nómina polo Ministerio de Gracia y Justicia, asinada en Madrid o 5 de decembro de 1877; o seu encabezamento é como sigue: "En vista de cuanto resulta en el expediente instruído en este Ministerio con motivo de la provisión del Curato de San Martín de Moaña, en esa diócesis de patronato anejo al Señorío de la Casa y Pazo del Rosal, el Rey (q. D. g.) se ha servido mandar que Don Manuel Iglesias, agraciado con el referido Curato sea comprendido en la nómina de los de su clase..."
A única pegada que se conserva del na igrexa de San Martiño, é a inscrición do seu nome na campá de son grave que foi instalada no campanario en 1883, xunto coa de son agudo.
*Veciño e historiador de Moaña
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares