Segundo o relato do Marqués de Campo Sagrado, o día 23 de decembro, véspera de noiteboa, deixan saír aos presos pola cidade de Santiago mentras se presentaban tres compañeiros que estaban escapados e incluso permitíronlle ir á casa coa condición de que voltasen cando lles tiñan prefixado. Despois de presentados os tres escapados, e como as súas declaracións coincidían coas dos seus compañeiros, multaron aos de Cela con 50 ducados e aos de Moaña con 100 por seren máis obstinados, ademais das costas ocasionadas. Un mes máis tarde serían postos en liberdade a últimos de xaneiro de 1813.

O día 8 de xaneiro de 1813 o Secretario de Estado e da Gobernación pediulle ao Marqués un informe sobre todos estes feitos, que lle foi enviado por este o 6 de marzo. Entre tanto o 17 de xaneiro a Comisión de Constitución das Cortes emite un dictame examinando o Oficio da Rexencia e diversas Representacións e Órdenes do Jefe Político de Galicia sobre a formación de axuntamentos e dous recursos do de Moaña e Domaio pola prohibición de constituilo cando o artigo 310 da Constitución os amparaba. A Lei Constitucional está clara: deben ter Axuntamento os pobos de 1.000 almas, cúmprase e todo estará arreglado. No citado dictame da Comisión de Constitución, en 6 puntos contundentes explica o dereito dos pobos a formar axuntamentos. Un mes máis tarde, o 15 de febreiro as Cortes Generales debaten o dictame e deciden que o punto cuarto debe quedar: Ningún Jefe Político por ningún pretexto nin motivo podrá estorbar aos pobos a formación dos seus axuntamentos, a menos que lle conste que non teñan a poboación que require a Constitución, sen podelo impedir en consecuencia aos de Moaña e Domaio senón pola referida circunstancia.

En consecuencia deste e demáis puntos que expuxo no citado dictame procede cese desde luego la Junta de Galicia. No mesmo debate créase unha Comisión Especial por motivo da reclamación, para á maior brevidade calificar e dar exemplar castigo aos excesos denunciados.

O 27 de febreiro de 1813 a Comisión Especial emite dictame no que se repasa todo o acaecido con motivo da formación das Institucións Constitucionais, e particularmente a formación do Axuntamento de Moaña e Domaio, e en consecuencia de todo declaran en catro puntos:

Primeiro- Que hai motivos para a formación de causa contra o Marqués de Campo Sagrado quedando en suspenso no exercicio das súas funcións.

Segundo- En canto ao ocorrido cos individuos do Axuntamento de Moaña e Domaio, se forme unha Comisión no Congreso autorizada para verificar a certeza dos feitos representados.

Terceiro- Que se fagan saír a unha distancia de seis ou oito leguas ós responsables que prudentemente se estime necesario.

Cuarto- Que sen perxuicio de todo, se comunique á Rexencia que dea ordes para que se poñan en libertade as persoas presas por formar Axuntamento, se non o están, e se a única causa para prendelos fora a formación do axuntamento e a negativa a disolvelo.

As Cortes Generales e Extraordinarias de Cádiz en sesión de 22 de marzo de 1813 aproban os puntos un e catro, e o dous e tres sustitúennos por: "Que en cuanto a las ocurrencias particulares con los individuos de Moaña y Domaio, se encargue a la Regencia que haga se proceda a la información de los hechos que se refieren y castigo a los que resulten culpados, con arreglo a la Constitución y a las leyes". Polo que quedaba suspenso do cargo de Jefe Superior de Galicia o Marqués de Campo Sagrado e desencadenaría novas solicitudes de formar axuntamentos constitucionais no Morrazo, tales como o de Darbo, en abril de 1813, e Beluso xuntamente con Aldán, días despois.

O día 24 de xuño un grupo de trinta e catro veciños de Domaio encabezados por Juan Agustín Palmás Pereyra e rematado polo cura párroco da freguesía D. Andrés Alonso y Comesaña diríxese á Deputación Provincial expoñéndolle a necesidade de formar axuntamento propio aínda que a parroquia ten dous centos trinta e seis veciños e oitocentas setenta e cinco almas, que debido a que o río os separa das outras parroquias, e as distancias son de dúas millas a Moaña e Meira, que no inverno o río está intransitábel moitas veces e que son un pobo agricultoso e que os desprazamentos a outras parroquias privaríalles de tempo para os seus labores e doutro xeito non terían unha pronta administración de xustiza. Este escrito sería publicado no periódico Gaceta Marcial y Política de Santiago nº 88 o día 19 de agosto.

O 25 de xullo de 1813 o Teniente General Marqués de Campo Sagrado despois do seu cese como Jefe Superior de Galicia presenta para a súa defensa ante o Supremo Tribunal de Justicia unha Representación de vintecatro páxinas nas que explica xa na primeira que desexa ardientemente que se lle formen cargos coa maior brevidade posible polo Supremo Tribunal de Justicia, por sentirse amparado polo distinguido aprecio de toda a Provincia (Galicia) en contradición de somente dous pobos que se queixaron das súas providencias: "Todos saben de la abultada queja a las Cortes Generales y Extraordinarias del Ayuntamiento Constitucional de Moaña y Domaio que ha contribuido al decreto de suspensión y formación de mi causa..." Tamén fai referencia a que agora Domaio pediu o 24 de xuño separarse de Moaña e de Cela, polos obstáculos que puxo a natureza á súa reunión.

Continúa explicando que o primeiro de abril de 1813 recibe unha orde da Rexencia do Reino na que o Secretario das Cortes Generales e Extraordinarias en 28 de marzo comunícalle que queda en suspenso no exercicio das súas funcións polo entorpecemento e suma lentitude para establecer as autoridades constitucionais e tamén polos recursos feitos ao Rey polo Axuntamento de Moaña e Domaio e polas reclamacións das mulleres dos concelleiros. O 15 de abril acata a soberana resolución e cesa no desempeño do seu cargo. Dedica cada unha das vintecatro páxinas da Representación a expoñer os seus desvelos para establecer as autoridades e institucións constitucionais, aportando na súa defensa e xustificación 50 documentos.

O 15 de xaneiro de 1814 Manuel Brotóns y Ortiz remite un artículo comunicando ao periódico El Procurador General de la Nación y del Rey no que di na quinta das oito páxinas que: Las Cortes Generales y Extraordinarias por su soberano decreto de primero de abril de 1813 con presencia de dos recursos hechos por San Martín de Moaña y San Pedro de Domaio le declararon suspenso del empleo de Jefe Superior Político de Galicia?O autor do escrito di que serviu ao Marqués de Campo Sagrado durante 15 anos e refírese a el como o seu amo, facendo un panexírico da súa persoa e rematando: un hombre que llora con lágrimas de sangre la mancilla de su honra, adquirida por tantos años a costa de tan preciosos sacrificios, en la vida el vil, es peor que un muerto. El honor siempre se ha comparado a la existencia de la propia vida?

Nos últimos meses de 1813 suscítase un pleito entre o Fiscal de SM e o Alcalde da Parroquia de Moaña contra o Alcalde da Parroquia do Coto de Meira polo dereito á xurisdición da conciliación nunha disputa pola propiedade dunha Fundación Vincular. O de Meira di que Juan Curra, veciño de Moaña, finxe ser Alcalde desa parroquia sen obter da Autoridade a correspondente autorización que o de Meira di ter. Pola documentación do expedente, tamén sabemos que o Secretario do Axuntamento de Moaña era José Benito Pereira, cirurxián da parroquia.

O día 29 de xaneiro de 1814 un auto da Audiencia Nacional de esta Provincia da Coruña dálle a razón ao Alcalde Constitucional da Parroquia de Moaña.

"Auto: Se declara pertenecer el conocimiento de este asunto al Alcalde de Moaña, y en consecuencia el del Coto de Meira deje a aquel expedita su jurisdición y disponga, que Matías Martínez y su mujer concurran al juicio de conciliación ante dicho alcalde de Moaña. Lo mandan los señores D. Julián Cid, D. Francisco Xavier Vázquez y D. Manuel Lejalde. Coruña 29 de enero de 1814". Este auto déixanos claro que a Audiencia recoñece a autoridade do Alcalde e do Axuntamento de Moaña.

O 22 de marzo Fernando VII (el Deseado) volve de Francia a España e o día 4 de maio en Valencia, aconsellado por un grupo de deputados absolutistas e apoiado por militares, promulga un decreto restablecendo a Monarquía absoluta, e voltando ao Antigo Réxime. O día 30 de xullo, mediante Real Cédula, restablece os axuntamentos anteriores a 1808, ordenando a disolución de todos os demais iniciándose o que se deu en chamar a Primeira Restauración.

Moaña aínda tardaría sesenta anos en ser capital do Axuntamento das catro parroquias antes citadas, aínda que no trienio liberal (1920-1923) a parroquia de Tirán formaría Axuntamento con Coiro e entre 1836 e 1874 a capital quedaría establecida en Meira.

*Presidente da Agrupación Cultural Nós, de Moaña