O Centro Social do Mar de Bueu acolle o sábado o terceiro Festival Poético do Morrazo, un acto organizado pola Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta e pola Concellería de Cultura de Bueu. Este evento será tamén o acto de entrega do Premio Johán Carballeira de Poesía 2014, que este ano recaeu no poemario "Dos días escuros" de Carmen Caramés, e a presentación do libro gañador da edición 2013, "Dun lago escuro", de Marta Dacosta.

O festival poético comezará a partir das 20.00 horas e incluirá unha actuación musical de Os Mulos, que entre outros temas interpretarán o seu famoso "Falemos galego", e un recital poético a cargo dos poetas Xosé Daniel Costas e Miriam Ferradáns. A celebración rematará coa actuación musical de Tino Baz.

A intención da organización era que este festival fose tamén o marco para a entrega do Premio Johán Carballeira de Xornalismo, pero os compromisos profesionais do gañador, Cristian López, obrigaron a pospoñer esa cerimonia ata o vindeiro fin de semana. Será o sábado no salón de actos do Concello de Bueu e coa presenza de representantes da Asociación Amigos de Johán Carballeira e do Concello de Bueu.