O Día das Letras Galegas · Actividades na comarca
Corais, libros e gaitas
A programación cultural polo "Día das Letras" encheu todos os recunchos do Morrazo con actos do máis variado

Romaría das Letras no adro de Sanamedio, en Beluso. // Santos Álvarez
F.G.S. | O MORRAZO
O Día das Letras Galegas, nun ano adicado a Xosé María Díaz Castro, non puido caer mellor no Morrazo. O bo tempo e o feito de coincidir en fin de semana fixo que cada recuncho da comarca vivise unha das datas máis sinaladas no calendario festivo da comunidade. Houbo actos culturais de todo tipo, sempre cun fío común: a lingua e a cultura propia de Galicia.
En Cangas, máis aló da concurrida Gala da Cultura na que se entregaron os Premios Xohan de Cangas, foron moitos os colectivos e asociacións que programaron actos pola súa conta. Entre eles a Asociación cultural O Gato, de Vilariño, que festexou conxuntamente os Maios e do Día das Letras. No entorno do seu local social levaron a cabo un obradoiro de empanadas pola mañá, seguido da confección de colares e adornos do maio que se preparou antes do xantar popular. Aínda houbo tempo para unha sesión de cancións de taberna.

Corais, libros e gaitas
Pola tarde os asistentes cantaron e bailaron os maios coa actuación do grupo de pandeireta "Son do Arieiro". O grupo de baile galego "Os Tardíos" tamén actuou, xusto antes de que o gaiteiro Óscar Ibáñez, a través dunha charla-concerto, presentase o disco "Alén do Mar".
No centro da vila canguesa, o espazo cultural "Agustín Bastón Estudio" acolleu o seu primeiro acto, que consistiu na reedición dun libro de relatos inspirados no Nadal de Magdalena Landa. Asistiron medio centenar de persoas a un evento que rematou coa actuación do cantautor Pablo Costas musicando un poema da propia autora.

Corais, libros e gaitas
IES Monte Carrasco
Os actos arredor da figura de Xosé María Díaz Castro continuarán nos vindeiros días nos centros de ensino. Destaca a exposición que está á vista no IES Monte Carrasco centrada no poema "Penélope", do autor homenaxeado. A mostra está formada por 27 traducións desta peza distribuídas en cinco paneis. Cada unha das traducións vai acompañada de diferentes ilustracións realizadas polo alumnado deste centro cangués e do IES Carlos Casares de Vigo.
Este poema foi traducido a linguas como o portugués, o catalán, o francés, o inglés ou o italiano, pero tamén a outros idiomas máis exóticos como o ruso, o chinés, o quechua ou o suahili. O obxectivo é "amosar a diversidade lingüística partindo do noso idioma".
Reparto de Libros
En Moaña as actividades do Día das Letras xa comezaron hai uns días, da man do tecido asociativo e cultural. Onte a literatura foi a protagonista á primeira hora da tarde. A Lonxa Literaria encargouse de repartir decenas de libros no paseo marítimo a todo aquel que se achegou. Todos os exemplares foron doados por veciños que os depositaron na Biblioteca de Quintela ao longo das últimas semanas.
O bo tempo fixo que moitas persoas que acudiron a pasear á alameda moañesa se visen gratamente sorprendidas co agasallo dun libro.
A música e o baile tradicional tomaron o relevo coa celebración, no palco da música, dun festival no que participaron os grupos folclóricos Breogán (Moaña), Solaina (Berducedo) e Charaviscas (Domaio). Actuou tamén a Banda do Trisquele.
Os amantes da música coral tamén tiveron o seu momento na programación cultural de onte en Moaña. A Coral Moañesa organizou un concerto na igrexa do Carme a última hora da tarde. Participou a propia Coral Moañesa e outras agrupacións como o Orfeón Moaña, o Grupo de Cámara Brass in Crecendo ou a banda de música Airiños do Morrazo.
Romaría
No que respecta a Bueu, os actos centrais no día adicado á literatura no idioma propio de Galicia tiveron o seu epicentro no adro da capela de Sanamedio, na aldea de Bon (Beluso). Celebrouse lía a Romaría das Letras coa actuación de mañá da agrupación folclórica Recordos da Nosa Terra, seguida da Coral Polifónica de Bueu.
Xa de tarde, o adro foi o escenario de xogos tradicionais no que participaron distintos nenos da zona.
En Bueu tamén houbo un concerto coral. Foi pola noite, na igrexa parroquial San Martiño e organizado pola Coral Marusía. Ademais dos organizadores actuaron o Coro San Xulián (Marín), a Coral Atlántida de Matamá, a agrupación de Santa María de Cambre, e a Coral Tierras Altas de Sanabria y Carballeda (Zamora).
Teatro para os cativos
As actividades culturais non remataron onte. Na xornada dominical de hoxe serán moitas as citas que rivalicen coa praia por atraer xente.
En Moaña, por exemplo, ás 12.00 horas o Centro Cultural Daniel Castelao de Quintela acolle a obra "Os Bolechas e o Sabichón". Trátase dun espectáculo de monicreques para os máis cativos. A obra organizada polo departamento de Normalización Lingüística do Concello pretende acadar, a través destes coñecidos personaxes, que o público infantil teña acceso a actividades de ocio en galego.
No entorno da praza de abastos, o colectivo Olladas amosará, ao aire libre, centos de fotos cedidas por fotógrafos da zona no marco da actividade "Pon unha foto na rúa".
En Bueu este martes voltan as actividades cun concerto sobre poetas galegos titulado "Un paso sempre adiante". Comezará ás 13.35 horas no auditorio do IES Johan Carballeira con entrada libre.
- Operativo exprés para salvar a una bañista
- Cangas, con problemas para limitar una sola noche a las caravanas
- Una cama en la playa
- Denuncian un intento para matar los «loureiros» de la playa de Bueu
- La gasolinera de A Portela, a trámite público y prevé vender 2 millones de litros al año
- Cangas cortará el suministro de agua potable durante seis horas la próxima madrugada
- Moaña modifica el Plan Xeral para salvar el gran proyecto comercial de Tirán
- El PP apela al convenio con Portos para recuperar la pesca deportiva