"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

Os galardóns, sen dotación económica, entréganse hoxe nun acto no Auditorio que comeza ás oito da tarde e no que haberá música, baile e proxeccións - O premio ás artes plásticas queda deserto por renuncia do elexido

Maite Quiñones, ao frente das súas alumnas.  // FdV

Maite Quiñones, ao frente das súas alumnas. // FdV

GONZALO MARTÍNEZ | CANGAS

A Asociación Cultural A Cepa, a dramaturga Vanesa Sotelo, o musicólogo José Pena Collazo e a bailarina e mestra de danza Maite Quiñones son os galardoados cos premios Xohan de Cangas á labor cultural, á creación literaria, á música e ás artes escénicas e musicais, respectivamente, mentres que o mestre e historiador Xerardo Dasairas recibirá o galardón á recuperación e promoción do patrimonio que se entregan esta noite durante a Gala da Cultura no Auditorio. O premio ás artes plásticas queda deserto ao renunciar a el o artista que foi proposto polo xurado. Todos eles recibirán a distinción, que non leva aparellada dotación económica, no acto que comezará ás oito da tarde, presentado polo actor moañés Salvador del Río e con entrada libre ata completar aforo.

A primeira distinción a entregar será á labor musical, concedida a José Pena Collazo, un veterano mestre de música, canto coral e frauta nos colexios públicos de San Roque e O Hío, así coma noutros centros educativos fóra do municipio. En 1974 fundou, xunto cun grupo de pais e nais do colexio Compañía de María, a coral polifónica Lestonnac, sendo o seu director durante tres décadas, sempre de forma altruista. Tamén fixo unha importante labor na recuperación de música galega en América, doando á biblioteca pública de Moaña máis de mil obras do seu arquivo particular, así como libros de técnica vocal e cintas con gravación musicais. Alumnos do Conservatorio e a Escola de Música, unha proxección de actividades culturais e a Escola de Gaitas porán a ambientación.

"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

A actuación da Escola de Danza Maite Quiñones servirá de preámbulo á concesión do premio ás artes plásticas, que non se entregará por renuncia do artista seleccionado. A representación de "Agorafobias" pola Escola Municipal de Artes Escénicas dará paso á entrega do premio ás artes escénicas, que recae en Maite Quiñones Alonso, licenciada en pedagoxía da Danza e cunha ampla traxectoria profesional como bailarina e formadora desde a escola que abriu en Cangas en 1991, coa que participa en multitude de actos, moitos deles solidarios.

A gala continuará cun recital poético na honra de Xosé María Díaz Castro, escritor homenaxeado no Día das Letras, e de autores do Morrazo, antes de entregar o premió á creación literaria a Vanesa Sotelo (Cangas, 1981), actriz, dramaturga e directora teatral, ademais de xornalista. A súa traxectoria está repleta de premios e recoñecementos, así como de obras publicadas. Traballou en 2008 como artista residente no Centro Dramático Galego coa creación de "Estigma" e foi seleccionada pola mesma institución en 2009 co proxecto "Corpo-puta-vaca-berro". En 2010 acada o premio do xurado do certame Diario Cultural con "Indoor" e o premio Josep Robrenyo con "Memoria do incendio". En 2011 logra o premio Abrente con "Campo de cobardes", e seleccionada en 2014 polo Instituto Nacional de Artes Escénicas co proxecto "Nome: Bonita", mentres a súa peza "Kamouraska" ven de ser editada no libro "Dramaturgas del siglo XXI". Tamén é subdirectora da Revista Galega de Teatro (RGT).

"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

A actuación do coro do conservatorio dará paso ao premio Ignacio Cerviño á recuperación e promoción do patrimonio, que se entrega a Xerardo Dasairas Valsa, nacido en Verín pero vencellado a Cangas desde 1974 e residente na localidade desde 1987, cando consegue praza como mestre no Hío, Rodeira e San Roque. Historiador, etnógrafo e escritor prolífico, ten publicado máis dunha ducia de libros, entre eles "Asalto á vila de Cangas polos piratas turcos no 1617", "Memorias da II República en Cangas" ou "Darbo na memoria", así como máis de media ducia aínda sen publicar. Tamén colabora en diferentes revistas e xornais, entre eles o Faro de Vigo, e ten realizado tamén traballos audiovisuais e videos didácticos.

O coro da Escola de Música amenizará o acto antes de entregar o último premio, á labor cultural, á asociación A Cepa, que se constituíu en 1995 e desde aquela non parou de promover iniciativas, organizar festivais, cursiños, obradoiros, cursos de lingua galega, excursións para coñocer a xeografía galega, exposicións e unha morea de libros que recuperan figuras históricas e populares de Cangas, que trascenden así a memoria oral para lembrarse tamén en documentos e desde as bibliotecas. O alcalde, José Enrique Sotelo, despedirá o acto, e a Gala da Cultura pecharase solemnemente coa interpretación do himno galego polo coro do Conservatorio.

"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

"A Cepa", Vanesa Sotelo, José Pena, Maite Quiñones e Xerardo Dasairas, premios Gala da Cultura de Cangas

Tracking Pixel Contents