"Soan" os poemas de Díaz Castro

O dúo "2nafronteira"edita un disco cos poemas do homenaxeado nas Letras Galegas

Penim e Polsinelli, nas salinas de Vilaboa, na portada do disco.

Penim e Polsinelli, nas salinas de Vilaboa, na portada do disco.

MOAÑA

Non todo é escrito no día das Letras Galegas. A música, e neste caso dende Moaña, toma a palabra a través do dúo "2nafronteira", que acaba de presentar un novo traballo na honra do poeta homenaxeado neste 17 de maio, Día das Letras Galegas, Xosé María Díaz Castro (Guitiriz, Lugo,1914-Lugo, 1990). Composto pola cantante arraina do Couto Mixto Carmen Penim e o pianista romano Maurizio Polsinelli, o dúo creouse no 2008, cando ambos inician a súa andaina xuntos en Italia, onde Carmen estaba a estudiar canto. Dende o verán pasado están afincados en Moaña e desde estas terras compuxeron a música para o seu terceiro traballo, "Zapatiños para Díaz Castro", que conta co apoio da Consellería de Educación e unhas palabras introductorias do presidente da Real Academia da Lingua Galega, Xesús Alonso Montero, nas que destaca, como as notas musicais e a voz de Carmen Pením, constitúen un achegamento á sutil poética de Díaz Castro.

Trátase de músicas orixinais do dúo para catorce poemas de "Nimbos", o poemario que foi a única publicación de Díaz Castro. No disco, o harmonio adquire máis presenza e aparece tamén xunto co piano nalgúns temas como "Ai, capitán" ou "Nimbos". O disco, co que o dúo intenta reunir calidade e paixón nos seus directos, xa foi levado como preestrea ao centenario do nacemento de Díaz Castro no seu Guitiriz natal e ao Museo Provincial de Lugo.

Carmen Penim estudou Filoloxía en Santiago e doctorouse pola Uned en Educación. Publicou o seu libro de poesía "Cambio versos por champán" no 2010. Estudou canto lírico en Italia tres anos e no 2011 empezou os seus estudos de canto lírico e jazz e de didáctica do canto. Pola súa banda, Maurizio Polsinelli realizou os seus estudos de Filoloxía en Roma e os de piano no Conservatorio de Santa Cecilia nesta cidade. Compositor, intervén habitualmente en radios e televisións italianas. Ten tres discos publicados anteriores ao dúo 2nafronteira co grupo romano Pane.

Tracking Pixel Contents