"O meu avó falaba galego en estrados, cando iso era motivo de represalias"

Lembra a figura do seu familiar, que recibiu a título póstumo o nomeamento de Fillo Predilecto de Moaña

MOAÑA

Jaime Barreras Pastoriza é o neto do avogado e militante galeguista Roberto González Pastoriza (1898-1985), que este martes foi nomeado como Fillo Predilecto de Moaña por toda a corporación. Foi o familiar que participou e tomou a palabra no pleno no que se concedía esta distinción a título póstumo ao seu avó. Destaca a estreita relación que mantivo con el.

-Que sinte a familia con este recoñecemento a Roberto González?

"O meu avó falaba galego en estrados, cando iso era motivo de represalias"

"O meu avó falaba galego en estrados, cando iso era motivo de represalias"

-Don Roberto non era un home nin de agasallos nin de homenaxes. Era moi humilde e discreto. Pero seguro que este recoñecemento sería o único que aceptaría de bo grado. Os familiares estamos encantados e agradecidos a Xosé González, de Irmandade Xurídica Galega -impulsores da iniciativa-. Eu tiven a sorte de ser o neto que máis estivo vivindo con Roberto. Todos o queríamos. Foi o que me ensinou a falar galego e a persoa que son hoxe é, en gran parte, grazas a el. A miña nai cumpriu a súa vontade de doar parte da súa finca do Con para que se fixera un parque público ou escolas. Como dato curioso, no seu testamento deixou escrito que prohibía cortar calquera carballo desa finca se non fora imprescindible, e para iso tería que contar cos permisos do alcalde e do responsable do Pósito de Pescadores.

-O seu avó mantiña vinculación con Moaña pese a desenvolver a súa actividade profesional en Vigo?

"O meu avó falaba galego en estrados, cando iso era motivo de represalias"

"O meu avó falaba galego en estrados, cando iso era motivo de represalias"

-Moita. Ata que morreu non se vendeu a finca. Viña moito a Moaña. Todos os meus irmáns fixemos Dereito e seguimos esa carreira, pero eu son o máis vinculado con esta vila. Exerzo en Vigo, pero herdei clientes en Moaña e durante moitos anos tiven despacho na rúa Ramón Cabanillas e fronte ao clube de remo.

-Como lembra o trato humano do xa Fillo Predilecto de Moaña?

-Era un home liberal. O mellor que se pode dicir é que incluso os que non eran da rama política del o definían como "un home de ben". Axudaba no que podía aos que llo pedían, pero sobre todo se era xente de Moaña. A súa coletilla era: "é que é de Moaña", como dicindo que había que facer un esforzo extra. Sempre levou a esta vila no seu corazón e os netos tamén. Aínda que eu son nado en Vigo levo toda a vida dicindo que son de Moaña.

-Cal cre que foi o seu legado e o de máis xente da súa xeración comprometida co idioma galego e coa democracia?

-A concelleira de Cultura, Colomba Pérez, fixo no pleno una glosa bastante extensa dos seus méritos e da súa vida. Era un home liberal. Non tiña grandes empresas, presumía de que non era millonario pero era avogado. Sempre dixen que daba todo polos demais e era un traballador incansable. Falaba galego en estrados cando iso estaba mal visto e implicaba represalias. Sempre seguiu falando galego. Foi un galeguista amigo de Castelao e Bóveda. Axudou a redactar o Estatuto de Autonomía e como representante do círculo cultural vigués atendeu a García Lorca na súa visita á cidade e incluso lle pronunciou unhas verbas en galego. Como avogado non puido consentir a condena a morte de cinco sindicalistas en Vigo. Cando ninguén se atrevía el se encargou da súa defensa. Como resposta das autoridades foi desterrado a Verín e acto seguido os condenados a morte foron executados.

Tracking Pixel Contents