"A crise está deixando poucas vías para reflexionar sobre a violencia de xénero"

O seu poemario "Días escuros" foi elexido onte polo xurado do premio e antes xa gañara en dúas ocasións o Matilde Bares

María del Carmen Caramés Gorgal, xunto ao alcalde de Bueu, na entrega do último premio Matilde Bares.  // FdV

María del Carmen Caramés Gorgal, xunto ao alcalde de Bueu, na entrega do último premio Matilde Bares. // FdV

BUEU

María del Carmen Caramés Gorgal é a gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Poesía, un recoñecemento que vén a confirmar unha especial conexión entre a autora natural de Santa Comba, aínda que residente en Santiago, e a vila do Morrazo. En 2009 e 2011 xa gañara o Premio Matilde Bares de Relatos de Igualdade con "Días para namorar" e "Lola". Onte o xurado escolleu o seu poemario "Días escuros", no que volve a abordar a problemática da violencia de xénero. O tribunal estaba presidido por Marta Dacosta Alonso, que gañou o premio do ano pasado, e por Miriam Ferradáns e Alberte Momán.

-Este recoñecemento é o xa o terceiro que recibe dende Bueu e parece que tamén é unha especie de confirmación dunha relación especial con esta vila.

-A verdade é que case coñecín Bueu por estes premios. Estou moi contenta por este novo galardón. Apetecíame moito gañar o certame Johán Carballeira porque xa ten unha traxectoria longa e un prestixio.

-O poemario co que participou títulase "Días escuros" e ao igual que os dous relatos que gañaron o premio Matilde Bares está relacionado coa violencia de xénero, unha temática na que parece especialmente sensibilizada.

-É un pomario bastante recente e aborda a temática da violencia de xénero dende diferentes perspectivas. Dalgunha maneira apetecíame escribir sobre este tema, que está aí todos os días machacando en nós. Paréceme que desgraciadamente nunca rematarei de escribir e de reflexionar sobre este asunto. Quedan aínda moitas cousas por dicir e por contar e esta é unha maneira diferente de facelo. Gustaríame que se poda reflexionar ao redor deste tema a través da poesía.

-Nas dúas ocasións anteriores abordou á violencia de xénero dende o ámbito da narrativa e agora o fai dende a poesía. Como é o proceso da escrita dende esta nova perspectiva?

-A poesía é moito máis intimista e é unha forma non tan explícita de falar do tema, aínda que abórdase con máis sentimento, con máis paixón. Neste caso a interpretación tamén queda máis aberta, non é como na narrativa, na que todo o mundo pode entender o mesmo. Na poesía esa interpretación queda máis aberta ao lector en función das súas circunstancias ou a súa forma de ver este tema.

-O xurado no seu ditame valora a súa capacidade "para retratar unha situación tan difícil como a dos malos tratos e que isto se faga cunha linguaxe poética tan acertada, mediante a utilización de imaxes moi potentes (...); e a unidade do conxunto e a capacidade de secuenciación creando un itinerario que vai adquirindo intensidade até acadar o punto final que nos conduce directamente á realidade". Concorda coa interpretación que fan os membros do xurado?

-O xurado é experto e penso que eu non o podería describir mellor. Trátase diso que din: quería estruturar a violencia de xénero a través de distintos apartados e visións, pero chegando a ese punto da realidade tráxica, que é a cantidade de mulleres que están a morrer por esta causa. Aí é a onde eu quería levar o poemario, sen medias tintas, así de duro e tal como é.

-Dicía antes que desgraciadamente a traxedia da violencia de xénero aínda dá para moitas máis reflexións e a realidade parece empeñada en darlle a razón.

-Podería dicir que é un tema do que me gusta escribir, pero non é así. É algo que me indigna moito, pero tamén é algo que necesito contar, dicir e que se saiba, que non quede aí nunha noticia e logo no esquecemento. Dalgunha maneira estamos xa tan desensibilizados que xa non lle damos a importancia que ten e volveuse algo cotiá.

-Vostede é a última gañadora do certame Matilde Bares, que tamén convocaba o Concello de Bueu e que era unha maneira distinta de ter presente o problema da violencia de xénero. Pero parece que a crise tamén se levou por diante ese premio. Como o valora?

-A crise está levándose por diante moitas cousas importantes, entre elas moita parte da cultura e da problemática vencellada coa igualdade, violencia xénero ou a dependencia. O premio Matilde Bares é un reflexo de cómo está a situación. Queda o Johán Carballeira e outros poucos concursos pola traxectoria tan importante que teñen. Eu entendo que se hai que recortar a isto tamén lle toca, pero xa non hai moitas opcións para sacar esta temática á luz. Nada máis que polos medios de comunicación e xornais, sempre coa noticia póstuma. Temos xa moi poucas vías para que a xente reflexione sobre isto. Se me permites, o do Matilde Bares é unha auténtica lástima porque eu quería seguir gañando ese premio! (risos)

Tracking Pixel Contents