Johan Carballeira: "Sabía que me ían matar unha noite, pero non sabía cando"

A "entrevista imaxinada" contén extractos de artigos, poesías e textos escritos polo propio Johán Carballeira

Unha das imaxe que se conserva de José Gómez de la Cueva "Johan Carballeira"

Unha das imaxe que se conserva de José Gómez de la Cueva "Johan Carballeira" / Fdv

Arturo Sánchez Cidrás*

Foi unha tarde no que o sol aínda non se agochara tralo monte Roxo de Bueu cando achegueime ata o costaneiro Castrelo. Como queréndome dala benvida permitíuseme plasmar na retina para sempre unha proxectada sombra quixotesca dese cabaleiro que sentado nas escalas do patín, que ascendía cara a vivenda blasonada, sostiña nos longos dedos unhas amareladas follas de papel as que tentaba encher de vivencias que a mirada puidera sonsacarlle á paisaxe ou mellor á alma do seu pobo.

Un, Boas tardes!" foi ó saúdo que asonou e desfixo aquel enfeitizo que permitiu comezar a conversa distendida con Johán Carballeira, sinxela, sen guión e sen pretensións de ningún tipo onde as respostas xa estaban premonitoriamente plasmadas con letras de chumbo nas revistas e xornais nos que colaborou.

-Bueno Pepe! Vou comezar disparando ao corazón. Unha amiga común, Mª Eugenia Bolíbar, contábame que nunha época na que estabas namorado e ata cantabas miudiño nos bancos da igrexa a unha moza para que soubera do teu querer. Falanos algo dela, Como se chamaba?

- Queren os meus beizos balbucir a voz / reveladora do meu afán secreto,/ pero non podo.../ Tamén meu curazón se vai abrindo/ en doente ledicia / namentras soño ben contigo/ Margarida, / baijo os piñeiros, n-a saudade / da noite estrelecida)

- Grazas pola confidencia! Logo pensabas nela cando escribías? Era a túa musa poética?

- Traballei sempre pensando nos posibles lectores e deixábame guiar por moitas ideas que xordían espontaneamente e tamén polas musas... (Aquí esbozou un sorriso). Algunha vez, poucas, decidín dedicarlle algún poemas ou artigos a pouco máis dunha ducia de amigos ou amigas pero en especial, un poema dedicado para a divina sensibilidade de Marta Longoria Abril, na lembranza dunha noite inmensa, baixo o ceo asturiano e, sobre todo, ás dúas mulleres que foron miñas verdadeiras musas e coas que compartín corazón: Margarita primeiro e Lolucha para a que foron meus últimos poemas e o meu último alento.

-Vexo que a poesía sempre foi importante para ti. Como definirías a poesía?

-Poesía (é) esa ciencia pura con ás.

-Pensaches publicar algún libro de relatos, teatro, contos, poesía ou reportaxes?

-De feito estiven recompilado poesías, publicadas ou non, e tiña dous libros de versos en preparación e ata pensei os títulos: "Con la frente en la noche" e "Cartafol". Tamén pensei facer unha recompilación dos meus contos e ata estiven preparando un de reportaxes que xa tiña título "Desfile de Figuras, de problemas y de ideas" e logo mudouse a "Desfile de figuras y cosas de Galicia". Mais pasado o tempo, e por distintos avatares, estes proxectos nunca chegaron a xermolar. Como o antigo rapabarbas son autodidacta e capaz, como o mestre Nicolás do "Quixote", de meterme ata en libro de cabalarías se fixese falta.

-Hai aínda quen pensa que ti e a túa pluma estabades ao servizo dos intereses dos xornais para os que traballaches?

-Aquí non somos fámulos (criados). Colaboradores nada máis. Todos con conducta limpa. - coa suficiente liberdade de movemento para expresar as nosas conviccións máis íntimas. Aos cabaleiros bástalles a palabra. Eu aínda non atopei límites para a miña liberdade.

-Con respecto ao idioma galego, ti e outros xornalistas, defensores da galeguidade, cómo escribides maioritariamente en castelán na Prensa galega?

-Capítulo amargo que agora habería que redactar, para aplicar contra a inercia mental do gran público, que despois de todo non ten a culpa de non recibir a debida aprendizaxe do idioma nativo na escola. Pero dicimos máis, cando estea gañada no político esta cuestión do idioma, entón xa nin quizá temamos a que non nos lean en galego todos os lectores. Agora, ademais doutras, temos que dar esa mostra de transixencia...

-Din de ti que pertenciches a algunha sociedade secreta...

-O que o di é porque non me coñece ben... Ah, xa sei! Polo artigo dos "Rotarios". Había algún tempo que con frecuencia aparecían nos periódicos noticias relativas aos Clubs Rotarios e iso chegou a ser, xa que non unha preocupación se certamente unha curiosidade pública; e esta natural e lexítima curiosidade é a que satisficen nese artigo. - máis nada... Xa non me lembraba!

-Pasados os anos, como ves os cambios nos pobos e cidades galegas?

-A nosa moderna civilización todo iguálao, é dicir, todo o afea, e baixo o pretexto do Progreso mutila con indiferenza fría a paisaxe e a cidade antiga.

-Que lle pedirías ao Bueu desta época?

-Non pido eu que Bueu teña tan alerta o degoro i-a sensibilidade que seja unha antena receutora do vangardismo universal... Mais é preciso que haja unha reaición intensa no intre, sobor todo, da mocedade. Preñar o ar de inquedanzas e facer un pobo con vontade, ancelo, arelas, responsabilidade, en fin; con todol-os síntomas dun pobo vivo, que camiñe. Non ser habitantes de un montón de lares e uns eidos, senón cidadáns de algo vertebrado que rebulla e teña o reló pol-a hora do meridiano que lle corresponda... - sacudir a perguiza, escorrentar a fasquía, ceibar os degoros.

-Cambiando de rexistro, vouche a realizar tres ou catro preguntas dunha etapa dolorosa para España e para ti en particular,.. refírome á Guerra Civil e aos teus últimos momentos antes de ser fusilado... Un ano antes avisáches publicamente de que a guerra civil era inevitable... Por que non se evitou?

- Efectivamente había escrito: "É inútil disimulalo e pretender ignoralo, a guerra é inevitable, e tal vez, desgraciadamente, nin sequera por anos poida contarse o prazo que dela nos separa. Tan só poderían desmontala unha profunda acción revolucionaria que, polos sinais, aínda vai á súa zaga e non hai esperanza de que poida alcanzala..." - non se evitou porque falábase da guerra como algo inevitable e até se pretendía xustificala como algo preciso, permanente e eterno.

- Algunhas persoas descoñecen ou non entenden o por que felicitaches a Alexandre Bóveda cando soubo a data cando o ían matar...

- Simplemente era unha forma de explicar, el tamén así o entendeu, que a incertidume é quizais máis dolorosa que a mesma verdade. Eu sabía que me ían matar unha noite calquera pero non sabía cando (xa fixeran dous amagos baixándome aos depósitos dos que "ían a matar"). Iso era unha tortura horrible. Logo dun mes, Non é mellor morrer cen veces?

- Cal pensas que foron os motivos polos que che condenaron a morte se todos os que declararon ou aportaron informes sobre ti, na famosa Causa 1363, descartaban os feitos dos que te acusaban ("Rebelión militar") e ata te conceptuaban "de boa conduta política e social, sen antecedentes en contra da mesma, aínda que de tendencia esquerdista, (...), sen que se distinguise por ideas extremistas de ningunha clase, ..."

- As razóns poden ser moitas e as veces estas mesturadas con outras circunstancias... Bueno, vou dar pistas para que os estudosos poidan investigar e acotar as verdadeiras razóns: - Vontade de ser exemplarizantes na miña persoa... - Ser un blanco perfecto para os industriais, e non necesariamente de Bueu, relacionados co mundo do mar pola miña participación nos conflitos do prezo da sardiña... e - Na "vida" as coincidencias aparecen a cada paso e curiosamente... Un explosivo pon en peligro a un candidato na praia de Beluso despois dun mitin. Poucos anos despois serían uns explosivos semellantes postos na ponte de Bareses os que levarían a prisión a xentes de Bueu (do que se me implicou a min tamén) que curiosamente pasariamos polas estancias dos gardas cívicos ao mando do citado individuo ata o último día antes de ser fusilado... As voltas da vida fixo que o que casara cunha antiga noiva miña fóra familiar deste... Case mellor non sigo...!

(Fin da primeira parte)

*Mestre e investigador

Tracking Pixel Contents