Din que cando nacemos, sempre o facemos chorando, mais neste caso, no de Xoán, de seguro que xa fora cantando, pois desde ben cativo, cantar era algo natural, como falar ou mesmamente andar ou xogar. Calquera lugar servía para escenario improvisado: a baiuca, o barco de pasaxe, a leira, a eira ou o adro. Nin sequera debemos falar de paixón, dada a curta idade, pois andabamos polos anos cincuenta, iso viría no decorrer do tempo e chegada a adolescencia. - despois tamén.

Lembro, cando naquela actuación de Antonio Machín no cine Avenida, tamén coñecido como cine de Andrea, nos comezos dos sesenta, á que acudiramos debido á admiración que profesabamos ao patriarca do bolero, aproveitando un intermedio, Juan Martínez Edreira, que era o nome de Xoán, atreveuse espontaneamente a subir ao escenario e a capela, interpretar dúas cancións do artista cubano, sorprendendo tanto ao público que ateigaba a sala, como mesmamente a Machín, quen non daba crédito ao que sucedía, canto mais ao se tratar dun adolescente de uns doce anos. Abraiado, o artista, non dubidou en rebautizalo co nome de "Machín Blanco", denominación artística que augurabamos pasaría á historia do noso panorama musical, cousa que non chegar a suceder, seguramente tampouco fose o seu desexo. A súa humildade levouno a achegarse a súa admirada aldea, Aldán e, ás súas xentes, decidindo adoptar definitivamente o de Xoán d´Aldán, ate sucumbir.

Viaxe a Xixón

Logo deste episodio, viaxa a Xixón, onde participa de xeito relevante, no festival da canción "De Gijón a la fama", supondo un paso de xigante para a súa carreira musical. Logo vanse suceder participacións sempre exitosas nos certames da canción lixeira de Pontevedra, O Grove e Marín, para logo xe entrar a formar parte de orquestras de recoñecido prestixio como: Chicos de Jazz, Gran Casino, de Pontevedra, ou Juventus e Los seis de Galicia, de Cangas, entres as que lembramos. Logo decide seguir pero como solista, sempre na compaña do inseparable órgano e pianola, dilatada etapa animando os mellores locais de Vigo, desde o Hotel Bahía, onde anima e ambienta o espazo durante once anos, Nova Olimpia, Jardín Club, Electra, La Cabaña, Flamingo, Riomar, os cabarets Brasil e Fontoria, así como na entrañable terraza do Hotel universal.

Foi na etapa do Bahía, cando se propuxo crear unha partitura, sendo un absoluto autodidacta e, nada menos que para lla dedicar a súa aldea:

VIVA ALDÁN

Terra, terra querida onde eu nacín,

Aldán que eu quérote tanto

e que moito suspiro por ti,

cando lonxe moi lonxe

mais me lembro de ti.

Recordo o día a día a miña terra

con entusiasmo con alegría,

onde cantando de pequeniño

moitas cantigas, moitas cantigas.

Dicía o meu pobo aí ven

o noso cantor da aldeíña.

cantamos todos xuntos

viva Aldán di o cantor.

cantamos todos xuntos

viva Aldán di o cantor.

Amigos da infancia,

Moito me lembro de vos,

e ti do noso Aldán

felicidades pra todos nos.

Pasaron os anos

e chega de novo o noso cantor,

cantando, cantando pra vos.

cantamos todos xuntos,

viva Aldán di o cantor.

cantamos todos xuntos

viva Aldán di o cantor.

Lembranzas levo no meu, no meu corazón,

pensar que os días pasan

e que a xente que emigra

aínda non regresou.

Digo unha vez mais

pra o noso pobo,

cariño, felicidade e amor.

cantamos todos xuntos,

viva Aldán di o cantor.

cantamos todos xuntos

viva Aldán di o cantor.

cantamos todos xuntos,

viva Aldán di o cantor.

cantamos todos xuntos

viva Aldán di o cantor.

Coido que en escasas oportunidades, un poema, ou coma neste caso a letra dunha canción, poida identificar tanto a unha persoa, a narrar tanto sobre ela e a súa contorna, de dicir o indicible acerca do amor amosado ao seu terruño, a súa aldea convertida en patria, para amala e admirala, tamén aos seus habitadores e habitadoras.

Homenaxe a súa parroquia

Xoán d´Aldán, compuxera esta canción a xeito de homenaxe a esa parroquia que o viu nacer e que endexamais deixou de admirar, así como á súa veciñanza. Conta Serafín Docampo Menduiña, que en certa ocasión, coincidindo cunha actuación no Hotel Bahía, estaba ensaiando para concluír coa composición desta obra, co gallo de presentala a un festival, prestándose este e Sande Suárez, ambolosdous veciños e amigos, para colaborar no proxecto, obra conclusa coa que coido que participou no Festival da Canción Lixeira de O Grove, conseguindo o primeiro premio do devandito Certame.

Xoán, sempre admirador e apaixoado polo seu pobo, ata ser a voz do mesmo, aínda que por razóns do decorrer da vida, fixou residencia en Vigo desde moitos anos atrás e ate o seu pasamento, endexamáis desaproveitou a mínima oportunidade, para visitar a xeografía de nacemento e, nela aos seus amigos de sempre, sendo asemade un incondicional da Danza de Aldán, acto que por razóns de saúde, o botamos en falta esta última edición, para él, a derradeira. Incondicional asemade do San Amaro, da Santa Mariña ou do antroido e, de canta celebración de raigame da súa terriña.

Vaia pois o meu e noso -familia e amigos-, recoñecemento e ao tempo agradecemento, por tantos momentos compartidos, sempre animoso e disposto ao disfrute e a compartilo.

O son da túa voz, coma o canto do xílgaro, non deixará de soar ate a eternidade, ate a fin dos tempos, o que te fará inmorrente.

(*) Artista e coordinador cultural de Cangas