Cando a fotógrafa portuguesa Isabel Leal comezou a colgar en Internet unha serie de imaxes tomadas por ela probablemente non imaxinaba o percorrido que acabaría tendo a súa iniciativa. Eran fotos diferentes, pero todas con algo en común: o obxecto retratado asemellaba á forma dun corazón. Por iso a páxina chamabase "Quem vê corações". Pronto empezou a recibir fotos doutra xente seguindo o seu exemplo e a cousa comezou a medrar. Unha das persoas ás que lle chamou a atención o proxecto foi á cantante galega Uxía Senlle e a partir dese momento "Corasons" tivo un carácter multidisciplinar.

Primeiro decidiuse montar una exposición na Casa das Crechas en Santiago, algo que levou a pensar nun acompañamento musical, o que a súa vez animou aos artistas invitados a gravar un disco e posteriormente un documental con todo este proceso creativo. O resultado deste traballo é un libro-disco e un documental de 82 minutos editado por Kalandraka e no que se recolle o concerto de presentación de "Corasons", na Illa de Arousa, e intervencións dalgúns dos protagonistas. Ese traballo preséntase hoxe en Bueu, a partir das 19.30 horas no Centro Social do Mar.

Dentro do equipo artístico que traballou nese documental está o buenense Manuel Buceta, que se encargou xunto ao director Paco Abilleira da montaxe do documental. Foi unha tarefa gratificante, pero tamén complexa posto que as sesións de gravación sumaban un total de 16 horas. "Como todos os que participamos neste proxecto acabei abducido por "Corasons", sobre todo polo cariño e amizade que hai neste traballo", explica Buceta. O documental trata de meter ao espectador no que foi o proceso de xestación do disco e da posterior presentación en directo. "Intenta retratar como este grupo de amigos reúnense para gravar o álbum. O máis interesante é ese clima de convivio, de convivencia entre os artistas e como ao final "Corasons" trascende máis aló da música", explica Manuel Buceta.

A cinta permite ao espectador ser testemuña de excepción dalgúns dos momentos máis íntimos da creación artística. "Moitas veces os artistas son reacios a mostrar como é o proceso de creación, pero neste caso Paco Abilleira puido entrar ata a cociña. O documental mostra como se compuexeron e gravaron algunhas das cancións. É como se un pintor lle deixa a un ver como prepara as cores ates de poñerse a pintar", explica emocionado Manuel Buceta. Neste proxecto tamén hai outro motor fundamental, que é o actor Carlos Blanco, que ademais foi o encargado de conducir aquela presentación na Arousa.

A gravación de "Corasons" reuniu a artistas das dúas beiras do Miño e a presentación de hoxe no Centro Social do Mar de Bueu incluirá unha pequena actuación musical. A organización confía en que un dos motores deste proxecto, Uxía Senlle, poida estar na vila buenense, pero quen si que vai estar seguro é a cantante galego-palestina Najla Shami.