Máis de cen anos de electricidade (II)
En 1940, Fenosa compra as pequenas empresas eléctricas e continúa coas oficinas na Casa das Luces que foi vendida nos 80

Casa das Luces de Cangas co porto en construcción. // Arquivo X.D.
XERARDO DASAIRAS | CANGAS
Sería La Hulla Blanca quen, en setembro do 1925, se fixese co contrato do tendido dunha liña de baixa tensión desde Cangas. A aceptación do contrato con esta empresa deberíase a que ofrecía prezos máis baixos (5 pts./mes frente a 7 pts./mes da outra empresa) e catro lámpadas de dez buxías 7,50 pts por 14 pts. da competencia. Ademáis, ofrecía mellores contraprestacións como a ampliación gratis da liña, superando o contrato de dez anos con penalidade (de non cumprirse) que esixía a outra empresa.
En febreiro de 1925 os cortes de luz faríanse moi frecuentes, tanto que, incluso os obreiros da fábrica de Cervera irían a protestar ante o xerente da fábrica e o Concello, alegando que, ao estaren de folganza, non percibían os seus salarios completos, o que nos dá unha idea das condición de traballo da época. No ano 1929, La Hulla Blanca é absorbida pola Sociedad General Gallega de Electricidad, tutelada polo Banco Pastor de Barrié de la Maza, e en nuns anos a estampa das reas de homes descargando carbón no peirao cangués deixaría de ser habitual ao conectarse o fluído á rede eléctrica dos encoros hidroeléctricos e pasar a ser unha central auxiliar. Outro dos problemas que viña arrastrando a central térmica era a da carencia de auga, captada na mina do "Mau-mau" en Darbo e xa insuficiente para atender ás empresas conserveiras e ao porto.
Nos últimos anos do seu funcionamento, as caldeiras tiñan xa que utilizar auga de mar para a produción do vapor cunha maquinaria obsoleta. Isto provocaría unha carestía do fluído e a comezos do 1931 sería o Círculo Mercantil e Industrial de Cangas, en representación das outras sociedades, quen realizase xestións coa Hulla Blanca para que lles rebaixasen a tarifa aos veciños, solicitando que esta se equiparase coa de outros lugares como Marín ou Pontevedra que a tiñan máis barata. En solicitude desta rebaixa, celebraríanse varios mítines na Praza do Mercado, onde ante máis de 5.000 persoas, o alcalde e a corporación mediarían para que a empresa eléctrica mantivese, ao menos sen suba, as tarifas vixentes. Como nos meses seguintes a empresa eléctrica seguise sen atender as demandas de bonificación eléctrica, o sindicato "La Alianza Marinera" de Cangas, sumaríase ás reivindicacións veciñais. Finalmente sería aceptada a suba da tarifa e, en troques, La Hulla Blanca comprometeríase a ampliar o suministro de luz en Cangas e nas parroquias.
Xa que logo, desde maio do 1931, a empresa comezaría unha nova expansión do tendido e para iso melloraría o transformador de saída, ubicado detrás da fábrica nun solar da rua Fomento no que logo se pretendeu reedificar a Capela do Hospital. Asemade, tamén solicitaría a venda ou cesión municipal dun terreo na rúa do Atranco para ubicar alí outro transformador que permitise a instalación do alumado público nas rúas República, Galán, Sequeiros, Montero Ríos e xardíns de Soage, instalando postes desde o peirao de viaxeiros ata a fábrica de Pellín. Ao tempo, o Ministerio de Fomento, através da Xunta de Obras do Porto de Vigo, tamén contribuiría á expansión eléctrica ao se facer cargo das obras do alumado das Avenidas.
Despois dunha primeira suspensión por mor da chuvia, produciríase a finais de xullo do 1931, a inauguración dos novos alumados públicos coa presenza das autoridades e concertos da banda e gaiteiros. No mesmo día a empresa prometería comezar a instalación da luz nas parroquias e en outubro xa tiña alcanzado a moitos lugares chegando ata Nerga.
Non obstante, as queixas polas deficiencias da instalación e as reclamacións de suministro polos veciños, ían ser constantes. Un novo transformador perto da ponte do Señal contribuiría á mellora do alumado cara esa zona de Cangas e Moaña.
A finais do 1934 xurdirían problemas entre o Concello e a empresa por culpa do arrendo da luz pública por cuxo concepto a Hulla Blanca viña cobrándolle a 25 cts. o alumado de toda a noite e a 35 cts. o de media noite.
A chegada da luz eléctrica iría acabando pouco a pouco cos numerosos muiños espallados polos pequenos rios do comarca, contando como precedente a instalación en 1885 do primeiro muiño mecánico a vapor, propiedade do comerciante Juan Buet. Dez anos despois, sería Curbera quen instalaría outro destes na sua fábrica de Ameixide para facer a fariña de peixe. Tamén se instalaron outros movidos a gas posteriormente, mais coa chegada do fluído eléctrico, mudarían a esta nova fonte de enerxía sendo que no 1934 xa funcionaban catro, conectados á forza motriz.
Na altura de 1940 e dentro dos proxectos monopolísticos franquistas, a maioría das pequenas empresas eléctricas serían compradas polo novo ente denominado FENOSA que tamén continuaría coas oficinas no edificio da Casa das Luces. Estas dependencias pasarían logo á rua Gondomar e cara finais dos oitenta sería vendido o vello casarón de fachada modernista para levantar nel o edificio actual no que se encontra a redacción do Faro de Vigo. Ainda que a denominación de "casa ou fábrica da luz" foi habitual para estes establecementos ao longo de Galicia, en Cangas adoptaría a de "Fábrica das Luces" por dedicarse primeiro á produción de luz de gas e logo eléctrica.
(*) Mestre de Cangas
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares