Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A 100 anos do nacemento de Ángel Botello en Cangas

Camilo Camaño, artista e director da Casa da Cultura, rinde homenaxe ó "Gauguín do Caribe" nun acto hoxe no Concello

Ángel Botello, na eta final da súa vida no Caribe.

Ángel Botello, na eta final da súa vida no Caribe.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

CAMILO CAMAÑO | CANGAS

Botello (Cangas, 20 de xuño de 1913-Puerto Rico, 11 de novembro de 1986), creador nato, coñecido e recoñecido internacionalmente, foi o grande descoñecido na súa vila, onde nace e pasa os primeiros seis anos da súa nenez, así como asiduo visitador á menor oportunidade, Cangas, onde deixa a maior parte da súa familia,tamén amizades, algo que vai deixar pegada para o resto da súa existencia, tamén Vigo, onde pasa desde o 1918 ate o 1926, para logo residir en Burdeos, no veciño país francés. Creador prematuro, aínda coas primeiras súas dúbidas, posto que os estudos que nun principio estaban orientados á agronomía, de contado se decata que a pesares do apego á terra e á natureza, a súa paixón non é outra que o sacrificado e ao tempo fermoso mundo das Artes Plásticas. Matriculado na Escola de Agricultura de Limou, abandona esta disciplina para se matricular na Escola de Belas Artes de Burdeos, onde baixo a dirección de Fraçois Maurice, estuda debuxo e pintura, que complementa logo con deseño e modelado. Esa calidade da que falabamos como creador nato, queda manifesta desde o primeiro dos catro anos na devandita Escola, amosando extraordinarias facultades e, acadando varias distincións e premiacións, sendo considerado o destacado e número un do centro.

¿Quén diría que aquel cativo nado ao tempo que Xoán de Borbón e Battemberg e, que grazas a iso o ceo das españas se vise lostregado de fogos de artificio, ía ser quen de nos dar tanto, de aportar tanto ao fenómeno plástico? Ben certo que así foi, aínda que non acadase ser profeta na súa terra, nin recoñecido en vida polo seu traballo na súa xeografía, por mais que como adoita suceder, obtivo o merecido recoñecemento internacional.

O observador e interesado no mundo das Belas Artes, non ten mais que deterse e se recrear, debruzándose nos seus primeiros traballos, ateigados de mestría, de sutileza, de altos valores creativos, cromáticos e estéticos, de pincelada firme, diáfana e certeira, dunha profundidade pouco usual, mais propia dun maduro e experimentado artista, algo que vai mantelo o resto da súa vida creativa e en cada obra realizada, etapa correspondente a súa xuventude en España e Francia. Logo virían etapas de marcado carácter impresionista, que van evolucionando ate acadar maneiras tan persoais, que debemos consideralas como propias e, sen absoluto rubor nin medo a nos equivocar, imos definilas como "movemento botelliano", etapas pertencentes á República Dominicana,

Santo Domingo, Haití, Nova Iorque, Cuba e Puerto Rico. Botello, como gran artista, logo dunha ampla traxectoria e sólida formación, afonda na investigación e experimentación e, logo de navegar pola historia da arte, vai reducir, tanto a paleta como o trazo, ate nos agasallar con todo ese conxunto de pinturas e esculturas, que definen o seu movemento ou estilo. A contundencia do simplificado trazo, reforza e define a sinxeleza das formas, que adquiren valores xeométricos, sen por elo perderen a súa volumetría, a maxia envolvente da obra definitiva, os altos valores como obra de ARTE.

Gran creador

Estamos pois, diante dun gran creador, que desfrutou infindamente do seu traballo, manifesto nunha cita que J.D. Miranda recolle do artista: "Pintar, pintar sobre todo. Lo demás es secundario. ada en la vida me podría proporcionar el placer que me proporciona mi arte, esa lucha dolorosa y feliz...al tiempo, por captar los misterios de la armonía y encerrarlos en el lienzo",(Botello 1941), que aportou xestos importantes ao fenómeno plástico, que foi considerado internacionalmente (concretamente no ano 1943, José Gómez Sicre, nun dos artigos que lle dedica a ÁNGEL BOTELLO, utiliza o cualificativo de "EL GAUGUÍN DEL CARIBE", cecáis polo paralelismo que observaba nas obras de ambos artistas), que creou un estilo propio, pero que foi o gran descoñecido no seu pobo.

Oxalá que esta humilde escrita, xunto coas entregas anteriores, poidan ser quen de contribuír a un mellor coñecemento do artista e obra, da recuperación de tan singular personaxe, de nos sentir orgullosos de ser nado na nosa xeografía e de ter sido cangués ate a medula, tamén de que se poidan cumprir o resto dos acordos plenarios, que a pesares do decorrer dos tempos seguen pendentes. Por todo grazas.

Tracking Pixel Contents