Un parágrafo das ordenanzas e constitucións da antiga confraría da Virxe da Soidade, asinadas no ano 1672, salienta que nun altar colateral da igrexa de San Martiño de Moaña, encontrábase, "un santo cristo en el santo sepulcro", e que nel, entronizaran unha imaxe de vestir da Virxe, mercada polos confrades. Entre os anos 1763 e 1770, coincidindo co alongamento do templo de San Martiño, o lugar do altar ocupouno unha capela co seu correspondente retablo; ambos os dous, no estilo barroco.

A finais do século XIX, segundo lle explicou o antigo párroco D. Donato Bernárdez a un fregués, o abade daquela encargou a imaxe dunha Virxe Dolorosa de madeira, co obxecto de substituir á citada de vestir; feito que non agradou aos moañeses que desexaban que a nova talla puidera ser cuberta cun manto negro, como acontecía coa anterior.

No ano 1926, Xosefa Freire, de familia emigrante posuidora de meirandes posesións en Bós Aires, adquiriu unha nova imaxe da Virxe Dolorosa, esta de vestir, xunto coa dun Cristo do Desencravo e urna para situalas, cada Venres Santo, na capela maior da igrexa matriz de Moaña, co obxecto de continuar representando un dos poucos Desencravos que van quedando en España; neste caso documentado pola primeira vez no citado ano 1672, aínda que posiblemente proceda do século XIV, en que se iniciaron estes dramas da paixón de Cristo en Galicia.

A Dolorosa de madeira deteriorouse durante o incendio que no 1936 sufriu o templo e foi mandada restaurar, na década dos 70 do século XX, por persoas relacionadas cos accidentes pesqueiros, no cumprimento de antigas promesas de cando na praia moañesa abondaban os barcos da ardora.

En canto a historia e tradición, os actos do Venres Santo moañés seguen celebrándose de acordo co capítulo das devanditas constitucións que ordenaban:

?que el mayordomo ha de ser obligado a traer un predicador que predique el Viernes Santo por la mañana el sermón de la pasión de nuestro Señor Jesucristo y a la tarde el sermón del mandato y descendimiento de la cruz y le pagará el mayordomo a costa de dicha cofradía lo que concertare con dicho predicador y en la procesión que el mayordomo sea obligado a tener prevenidos cuatro sacerdotes para que lleven en el sepulcro a nuestro señor por la parte que sea costumbre hacer la procesión y lo mismo estén prevenidos para hacer el descendimiento de la cruz el viernes a la tarde ?Nesta época, faltan cregos, acompañantes e incluso os gaiteiros que tocaron nas procesións do Santo Enterro ata 1875; pois, a partir do ano seguinte a confraría comezou a contratar unha banda de música; tradición que continúa actualmente a través da actual banda moañesa de "Airiños do Morrazo".

No que atinxe ás mostras de arte sacro que no Venres Santo pódense contemplar na igrexa de San Martiño encóntrase, nun primeiro lugar, a representación medieval do Desencravo e despois, a beleza das tallas esculturais que lle serven de soporte, obras do mellor imaxineiro galego do século XX, o compostelán Xosé Rivas Rodríguez quen, anos máis tarde, tallou outras semellantes para á senlleira Semana Santa de Viveiro

Mención aparte merece a citada Dolorosa de madeira, por saír da gubia dun dos mellores escultores españois do século XIX, o catalán Agustín Querol i Subirats, autor de monumentos en pedra e mármore esparexidos por toda España; entre eles, os dedicados en Vigo a Méndez Núñez e José Elduayen. Outra Dolorosa súa, tamén de madeira, encóntrase na capela da Misericordia de Tui e unha terceira, esta de mármore, no Museo do Prado, en Madrid.