Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

No centenario de Ángel Botello (III) · (Cangas, 1913- Puerto Rico, 1986)

Dende o Caribe a Cangas

O artista, exiliado, viaxou no 1956 no "Antillas"a Vigo para visitar á vila, pero non lle permitiron desembarcar

Ángel Botello, no obradoiro na Habana en 1943.

Ángel Botello, no obradoiro na Habana en 1943.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

CAMILO CAMAÑO - CANGAS

Andabamos polos anos sesenta, cando por casualidade, estando no establecemento de Baldomero Sotelo, na Rúa Real de Cangas, coñecendo o meu interese polo mundo da arte, faloume dun artista local, que residía polas Américas e, que posuía moita sona e recoñecemento como pintor. Convidoume a que pasase en días, pois ía ensinarme algunha pintura súa, que tiña enmarcándose na de Honorato Parcero. En efecto, aos días, mandoume razón de que pasase para me mostrar as obras. O impacto emocional foi maiúsculo, toda vez que a primeira vista xa se observaba que se trataba dunha obra de gran factura. Tres cadros de mediano formato, de corte costumista, maxistralmente executados, cunha pincelada diáfana e segura, cun dominio do espazo e unha composición cromática exquisita, representaban, quero lembrar: unha paisaxe urbana de Cangas, unha visión do porto igualmente de Cangas e unha mariña seguramente recreada nalgunha zoa portuaria do sur, polo tipo de embarcacións e a propia paisaxe. Para min supuxo unha das grandes leccións de arte, que deixou pegada imperecedoira.

Baldomero faloume escasamente do autor, por mor dos poucos datos que en Cangas se tiña sobre él. Que se chamaba Ángel Botello, que era fillo dun finado conserveiro, que era familiar dos Ocaña Barros e, pola súa aparencia física e abondoso cabelo e máis crecido do normal para a época, adoitaban chamar Ángel Guedellas. Logo desta primeira información sobre Botello e, grazas á amizade que foi crecendo coa familia Ocaña, fun obtendo máis datos, sen seren excesivos, pola escasa relación coa familia asentada en ultramar, no novo mundo, pero si importantes. O Finado de Fernando Ocaña, contárame que sabía que nos anos cincuenta estivera en Vigo, sen concretar moito máis, e nos sesenta estivera en Cangas, que visitara á familia e convidara aos seus curmáns a un xantar na de Simón, a base produtos da ría: xoubas, empanada de xoubas e sardiñas asadas, regadas con moito viño, xantar polo que pagara dez mil pesetas. Efectivamente, Botello no ano 1956, viaxou a Europa con Christiane, no vapor Antillas, cunha permanencia uns catro meses, coincidindo co tamén exiliado Pau Casals. A súa chegada a Vigo, como primeira escala e con toda intención de visitar á familia, non lle fora permitido o desembarco, pola súa condición de exiliado No ano 1968, pasa desapercibido e si pode visitar á familia, como relataba antes contado por Ocaña.

Dende o Caribe a Cangas

Dende o Caribe a Cangas

Teñen que pasar os anos para retomar o tema Botello e, o primeiro artigo que fago sobre el, é en xullo de 1994, onde recollo algúns datos máis aportados por Fernando Ocaña e sobre todo, moitos outros recollidos de dous curiosos artigos de Manuel de la Fuente, insertos no Faro de Vigo baixo os títulos " Postal do ano 18- Un pintor galego nas Antillas" e "Postal con selo de urxencia-Ángel Botello: o Gauguin do Caribe". De la Fuente, recolle expresións de Marissa Maldonado eloxiando a obra de Botello como: Son unha explosión de colorido, lembran un tanto a Picasso, pero a súa composición fermosa, tranquila, de formas sinxelas, revela unha personalidade propia, en volcánica persecución coa beleza". Di de la Fuente, que nin aquí, nin en Galiza enteira, ninguén sabía de Ángel Botello. Ben certo, porque ningunha publicación de arte galego, nin sequera realizados por galegos na diáspora, fan referencia a el, nembargantes, Marissa Maldonado, dedica a tese do Máster de Historia da Arte que obterá na Universidade de Navarra, a Botello, onde asegura estar diante dun gran artista, obxecto de importante prensa nas Antillas. Temos polo tanto que agradecer a Marissa Maldonado, esa investigación, posto que grazas a iso, Galiza, recobra algo perdido, agradecemento extensible a Manuel de la Fuente, pois coas súas postais, divulgou datos que nos axudou a entender e coñecer a Botello e, colocalo no alto lugar que se merece.

Ate entón, a escasa información coa que contaban os investigadores, reducíase a un artigo de Ángel Sevillano de data 16 de marzo de 1935, daquela xoven redactor de El Pueblo Gallego, referido a primeira e única exposición individual de Botello en España, organizada en Vigo polos Amigos da Arte, na Sala do Ateneo e, pola que pasou toda a súa poboación, entre os día 9 e 24 de marzo do ano 1935, que permanecera aberta, onde eloxia a técnica, a mensaxe que transmite así como a personalidade do pintor, ao que augura un maiúsculo futuro. Tamén no día da inauguración, pechaba a edición de Faro de Vigo do día 9 de marzo do devandito ano 1935, un artigo de Xaime Solá, que baixo o título "Artistas galegos. No camiño do triunfo", fala da excepcional obra de Botello, un mozo xigantesco, pero case imberbe, ao que coloca na primeira liña desa nova xeración, que está sementando de floración espiritual a terra de Galiza. Para Solá, a arte de Botello, é a árbore que arranca o zume da terra natural. Con traballos executados en Burdeos e en Cangas, paisaxe éste que sorprende cos recunchos e perspectivas con maxistral acerto. Solá ben sendo o primeiro que nos ilustra sobre Botello, sendo asemade un gran admirador da súa obra, polo que volta reproducir artigos sobre o pintor, en Vida Galega (nº 22 de 10.III.35), o que vai repetir noutros números, usando a cotío frases eloxiantes, como, "pinta coma un clásico, coa cor que teñen as cousas, etc.".

Dende o Caribe a Cangas

Dende o Caribe a Cangas

No número 626 da mesma revista, amosando a grande devoción que profesa a Botello, volve a dedicar outra páxina ao artista, na que o destaca como vigoroso e triunfador, destacando nesta ocasión o cadro "Porto de Cangas", "é unha tradución do orixinal- todo cor, viveza, luz,..."

Debo recoñecer, que grazas aos pioneiros na investigación e publicacións sobre Botello, puidemos chegar ao coñecemento que hoxe temos sobre tan xenial creador. Por iso a todos e todas, grazas.

Dende o Caribe a Cangas

Dende o Caribe a Cangas

Retomando os tempos, un ano máis tarde, no 1995, chéganos a información de que se vai organizar en Vigo, producida pola Fundación Ángel Botello Barros e Caixavigo, comisariada por Xosé David Miranda e, a coordinación de Juan Botello, unha mostra antolóxica de Botello. A asistencia era moralmente de obrigado cumprimento e, así foi. Acompañado dun vello amigo, asistimos ao solemne acto inaugural, ateigado de autoridades, incondicionais e interesados no fenómeno plástico, tristemente ningunha representación da institución local e, de Cangas, algúns familiares e nos dous. So chegar, Agar Ojea, preséntame á Christiane e familia, conversando cordialmente, algo que tivo continuidade ao remate do protocolo. Con desbordante amabilidade, á conversa sumouse o agasallo dunha publicación de recente cuño da Fundación, así como pola miña e nosa parte, a proposta da posibilidade de poder contar coa antolóxica para expoñer en Cangas, ao que a viúva e fillos acolleron con satisfacción. Diante da afirmación, so me quedaba que buscar os medios, que non eran pouca cousa. Aproveitei para nun primeiro momento, falar do tema co señor Brea, quen me indicou os pasos a dar, sen garantirme nada. Ao seguinte día, sen demora, fixen todo o requirido polos responsables da exposición, sen demasiadas esperanzas de conseguila, pero a sorpresa foi que de contado, recibo a resposta afirmativa, que poño en coñecemento da corporación, e altero de inmediato o calendario da sala, para dar cabida a tan importante espectáculo artístico-cultural.

Nun escrito que remito ao goberno municipal rexistrado o día 20 de abril de 1995, informo da tramitación, tanto coas entidades, institucións, patrocinadores, e familia, así como de que a obra de Botello xa se encontraba baixo a nosa custodia, que se nos achegara o día anterior, co rogo de que se dese trámite á Comisión de Cultura, Comisión de Goberno e Pleno, para o seu tratamento, diversas propostas:

Dende o Caribe a Cangas

Dende o Caribe a Cangas

Informar da exposición de Botello a celebrar na Casa da Cultura no mes de maio, por medio da cal imos estar na presenza do cangués máis universal. Entre outros moitos apartados, dado o excepcional acontecemento, propoñer á corporación municipal, que a Sala de Exposicións da Casa da Cultura, se denominase "Sala de Exposicións Ángel Botello da Casa da Cultura de Cangas". Con iso era intención, resarcir ao xenial artista do agravio ao que fora sometido, así como ao descoñecemento, acaso intencionado. A comisión municipal de goberno, da tratamento ao devandito escrito, en sesión do 5.5.95, e traslado o día 11.8.95, que en síntese recolle: esta comisión de goberno, por unanimidade dos señores asistentes, acorda que pola concelleira de cultura se estude a proposta do director da Casa da Cultura. De seguro que este traslado e notificación, foi efectuada por mor dun segundo escrito de data 10.7.95, posto que nunha anterior sesión fora deixado o tema sobre a mesa. Pazos Varela, como presidente da Comisión Informativa de Cultura e Xuventude, emite o seguinte informe: Que na xuntanza da devandita Comisión celebrada o 19.7.95, ACORDOUSE POR UNANIMIDADE informar favorablemente á proposta de denominación da Sala de Exposicións da Casa da Cultura: "Sala de Exposicións Angel Botello", acordo que se me traslada con data 2.8.95, do que poño en antecedentes á prensa, na mesma data, á Christiane e familia, nova que se traduce nunha grande satisfacción, posto que Botello ata o seu pasamento, levaba a Cangas no seu corazón, tal e como llo reflectíra a cotío ao seu entorno familiar e, como consecuencia igualmente así o sentía.

Nunha anterior carta, con data 27 de abril de 1995, que remito a Christian Auguste, viúva de Botello, e familia, infórmolles dos pasos dados e da inminente posta en escena da obra en Cangas, concretamente a súa inauguración estaba sinalada para o día 5 de maio de 1995, convidándolles así mesmo, aínda entendendo as dificultades, da honra que suporía para nos, poder contar coa súa asistencia ao protocolario acto inaugural. No referido escrito, engadía información e díptico da homenaxe póstuma que realizaramos a Botello, na edición de Arte no Morrazo de 1994, así como dun artigo propio que tiña publicado sobre o artista en San Cristovo 94 e outro que se engadiría na edición do 95.

Dende o Caribe a Cangas

Dende o Caribe a Cangas

A esperanza que se abría co informe favorable e unánime emitido pola Comisión de Cultura de data 19 de xullo de 1995, tanto no relativo ao nomeamento de Sala de Exposicións, como a outros posibles aspectos relacionados con Botello, como o de dar nome a unha rúa, viuse esmorecida, coa pasividade institucional e, sobre todo cos cambios corporativos. Lamentablemente a partires de aquí, teremos que facer referencia a situacións menos gratas, pero que si forman parte da realidade. O caso Botello, que tanta ilusión e expectativa espertara en seguidores e interesados na cultura e especialmente no fenómeno plástico, así como en todo aquel que recibía as primeiras novas desde excepcional artista, comezou a sufrir toda sorte de vicios. Algo que debemos lamentar é, que os vaivéns políticos, chegasen a decidir en algo tan evidente, de xustiza, ademais do recoñecemento internacional.

¿Acaso incidiría o seu pasado de recrutado no bando republicano e conseguinte condición de exiliado? É triste, que a estas alturas, o pensamento teña que deixar de ser ceibe, para estar sometido a esas mediocridades e, as liberdades manexadas por intereses duns poucos, ou mesmamente pola ignorancia, ou mala fe.

Dende o Caribe a Cangas

Dende o Caribe a Cangas

(*) Director da Casa de Cultura de Cangas e artista

---> PASA A la PÁGINA SIGUIENTE

Tracking Pixel Contents