Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Aniversario da Garda Civil · Tres tempos de casas cuartel (I)

O Corpo de Cangas cumpre 125 anos

Xerardo Dasairas relata a historia da Benemérita nesta vila á que chegou no 1887

Inauguración do Cuartel da Garda Civil de Cangas no 1929.

Inauguración do Cuartel da Garda Civil de Cangas no 1929.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

XERARDO DASAIRAS - CANGAS

Por Real Orde de 25 de febreiro de 1882, ordénase o traslado do posto da Garda Civil de Cerdedo a Cangas, orde que o Gobernador Civil executa a 1 de marzo do mesmo ano solicitando do concello cangués un local para ubicar o posto. Tras desta decisión, intúese o cesamento de actividade das faccións carlistas (moi activas na zona) e do bandoleirismo, froito das guerras e das situacións de depauperación económica conseguintes. Descoñecemos o número de gardas que integraron este primeiro continxente pero por datos contrastados con outras localidades semellantes, debíanlle corresponder ao redor de dez ou doce números. Porén, ao ser un traslado doutro posto, coidamos que a dotación que chegou a Cangas serían os seis números que tivo ata a construción do novo cuartel en 1929 considerando que a vila contaba tamén cun destacamento de Carabineiros que atendían basicamente a área portuaria. Para a ubicación da Casa Cuartel, o concello ofreceríalle á institución armada un inmoble gratis (faríase cargo do aluguer) que debería estar disposto para o día 1º de abril seguinte. Mais acontece que, a 5 de abril, a comandancia de Pontevedra decide suspender o traslado, aprazando o cumprimento da Real Orde. Finalmente, sería cinco anos despois, no ano 1887, cando chegase definitivamente a Garda Civil a Cangas. Por referencias orais, semella que o posto da Garda Civil se ubicaba perto da vella ponte do río do Señal, hoxe soterrada.

No ano que se anunciou a chegada da Garda Civil (1882), exercía como alcalde de Cangas, César Arnaud Gómez a quen sucedería no cargo Benito Ferrer Blanco. No ano da chegada definitiva da Garda Civil (1887) era alcalde, desde abril, Francisco Martínez Budiño quen facía encabezar as actas coa pomposa exhibición do título de comendador da Real e distinguida orde de Isabel La Católica. Apesar disto, semella que a maioría dos concelleiros non aceptaron de bo grao este nomeamento e foron acusados de usurpación de atribucións, recaéndolles sete anos de inhabilitación para exercer cargos públicos, 200 pesetas de multa e os custes do xuízo, segundo ditame da Audiencia de Pontevedra. Nestas datas, para información horaria dos vivos, encárgase un novo reloxo para a torre da igrexa e para os mortos un novo cemiterio en Darbo pois o adro xa non contaba con parcelas abondo. - sen ánimo de alterar o presente, cabe dicir que o tenente coronel Juan Ortega Blanco vaille doar ao alcalde (ao Concello), un bastón de mando de cana das indias con puño de ouro e regatón (punta) de prata. O obsequio foi entregado a perpetuidade pero moito nos tememos que este prezado ben municipal xa non sexa, nin por asomo, o que veñen utilizando hoxe os nosos rexidores.

O Corpo de Cangas cumpre 125 anos

O Corpo de Cangas cumpre 125 anos

Nestas datas xa se encargaba da parte espiritual dos veciños, o párroco Valentín Losada quen anos adiante sería nomeado fillo predilecto da vila. O concello contaba cuns 8.600 habitantes e xa había uns anos (1873) que coa nova división municipal integrara as parroquias de Aldán e Hio, pertencentes ata esta a Bueu. Cangas contaba con médico, practicante, boticario, notario e xuiz.

Aparte dos traballos relacionados co mar, destacaban as tendas de panos e de produtos alimentarios (abacerías) e oficios como canteiros (xa exercía Lorenzo Corbacho), carpinteiros, ferreiros, zapateiros ou panadeiros.

O Corpo de Cangas cumpre 125 anos

O Corpo de Cangas cumpre 125 anos

Por outra banda, Cangas, xa era cabeceira de partido xudicial (reclamárao varias veces anteriormente) con cárcere (repárase nestas datas) e contaba cunha importante poboación. Asemade, afloraban continuamente os conflitos na pesca entre os que usaban a arte tradicional do xeito e os da xávega, arte de arrastre importada polos "fomentadores" cataláns, considerada esquilmatoria. Nestes anos, ainda que hai escaseza de pesca vai haber certa tranquilidade entre os pescadores, ainda que a industria da salgazón está xa a sofrer un declive por culpa da falta de produto, o encarecemento do sal e a suba de impostos. As fábricas de salgazón esténdense polo Hio, Aldán e o Salgueirón sendo a sardiña e o polbo os produtos de maior venda e exportación.

Mentres aquí, como dixemos, e gracias á Benemérita, desaparecían os últimos bandoleiros, nos EEUU os marshalls tamén daban cabo dalgúns famosos facinerosos como Jesse James ou Billy "The Kid" e a "febre do ouro negro" desátase ao aparecer petróleo en Ohio (non confundir con O Hio).

O Corpo de Cangas cumpre 125 anos

O Corpo de Cangas cumpre 125 anos

En España, a restauración monárquica na figura de Afonso XII viría a aportar estabilidade política e económica ao se simplificar o sistema en dous partidos: o conservador e o liberal. En Pontevedra, os representantes máis carismáticos desta situación serían Montero Ríos e Eduardo Vicenti (ambos perpetuados en ruas de Cangas) do partido liberal de Sagasta. Outros partidos como os republicanos federais (Ricardo Mella) ou o recén fundado PSOE, apenas son testemuñais nestas datas.

Contodo, estes anos, ecuador da Restauración monárquica, enclávanse nun periodo de bonanza e dinamismo económico.

Galicia beneficiaríase da bonanza económica existente pero a sua estrutura económica apenas vai sufrir evolución. A focalización das industrias en Cataluña e na cornixa cantábrica e a condena á subsistencia do campo no noso país o que propiciaba unha man de obra barata e a emigración conseguinte aos focos industriais ou a países de ultramar. Nestas datas, as obras importantes, apenas se circunscriben á expansión das cidades (A Coruña, Vigo) e aos trazados do ferrocarril, inaugurándose no ano anterior (1881) o de Vigo a Ourense e propoñéndose levar ata Marín o de Carril - Pontevedra. As crises que se producen neste periodo van afectarlle principalmente aos sectores anteditos e ao da pesca e salgazón cuxas empresas, sen cobertura de capital, vense abocadas ao peche.

Este ano vai ser moi conflitivo na Deputación Provincial pois os liberais accederan ao poder no ano anterior (1881) obtendo nas eleccións deste ano 1882 a maioría no organismo provincial a base de destitucións de deputados conservadores, sustituíndoos por outros afíns de libre designación.

Neste ano tamén se ratificarían as novas leis provinciais que estarían vixentes ata 1925. O periodo previo ás eleccións deste ano había ter uns protagonistas destacados nos xornais "Faro de Vigo" (fundado no 1853 por Ángel de Lema) e defensor de Elduayen e "La Concordia" (republicano) que manteñen unha tirapuxa retranqueira con lindezas desta guisa que publica o último: "El Faro, periódico que aunque parezca fábula, se publica en Vigo...". A isto, respóstalle o Faro: "La Concordia, periódico que para desgracia del país gallego, se publica en Vigo...". Como se ve, a parte política estaba nun segundo plano e o que realmente lle preocupaba á competencia era a estrea da nova máquina do Faro, "La Minerva", a sua ampliación de caixa e a sua saída como diario matinal: Cuestión de competencia..

A Garda Civil, popularmente chamada Benemérita, é o primeiro Corpo de seguridade pública de ámbito nacional xurdido en España. É un Instituto Armado de natureza militar que forma parte das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Como Corpo de Seguridade do Estado, a Constitución, no seu artigo 104, fíxalle a misión primordial de protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades dos españois e garantir a seguridade cidadá, baixo a dependencia do Goberno da Nación. Actualmente conta cuns 84.400 efectivos distribuídos en máis de 2.600 cuarteis e outras dependencias.

Despois da segunda guerra carlista o estado de inseguridade pública no ámbito rural, leva en 1844 a que o ministro da gobernación, marqués de Peñaflorida, lle propoña ao presidente do goberno Luis González Bravo, a creación dun corpo de seguridade que cubra esta situación. O corpo da Garda Civil constituíuse a iniciativa e baixo o control do Ministro da Guerra, Manuel Mazarredo, mediante un Real Decreto de 28 de marzo do mesmo ano. Cando no dia dous de maio seguinte, asume a presidencia o marechal de campo Ramón María Narváez, encárgalle a organización deste corpo ao tamén marechal Francisco Javier Girón e Ezpeleta, II Duque de Ahumada e V Marqués das Amarelas, que ostentaba o cargo de Inspector Xeneral Militar. Xa que logo, e polo decreto promulgado o seguinte dia 13 de maio fúndase a Garda Civil como un novo corpo de natureza militar suxeito ao Ministerio da Guerra no concernente a organización, persoal, disciplina e percibo de haberes, e ao de Gobernación en canto a servizo e movementos.

Inicialmente establecéronse 14 Terzos, integrados á súa vez por 39 Compañías de Infantería e 9 Escadróns de Cabalería, estando composto o seu primeiro persoal por 14 xefes, 232 oficiais e 5.769 números de tropa.

A organización centralista fixo que o recentemente creado Corpo fósese despregando por todo o territorio nacional, quedando estruturado por orde descendente desde a Dirección Xeral ou Inspección Xeral -denominación segundo épocas- en Terzos, Comandancias, Compañías, Liñas e Postos ou Destacamentos, chegando así co paso do tempo a todos os puntos de soberanía española, incluídas as posesións de África e de Ultramar.

Na sua distribución, a Galicia correspóndelle o 5º Terzo, formado por duas compañías de infantería e medio escadrón de cabalería. Primeiro concéntranse na Coruña e logo van distribuíndose polas demais capitais de provincia.Cumprindo a orde de 1847 comeza a repartirse polas cabeceiras de partido contando xa no 1852 con forzas de infantería e cabalería en proporción ao número de habitantes. En 1861, a zona de Galicia mudaría o nome polo de 6º Terzo e dous anos despois pasa a integrar a 4ª Brigada co 9º e 10º terzos ubicados en Asturias, León e parte de Castela, diseñada para casos de guerra. Durante a Restauración borbónica adscríbense a Garda Civil e os Carabineiros ao Ministerio de Guerra, "dándolles carácter militar mediante a Lei Adicional á Constitutiva do Exército o 19 de xullo de 1889, que era unha concreción das funcións das Forzas Armadas a realizar tras a Constitución de 1876.

Ao finalizar a Guerra Civil, xa baixo a ditadura de Franco, preténdese eliminar este corpo pero finalmente decídese a sua continuación medianta a Lei de 15 de marzo de 1940 na que se unificaba co Real Corpo de Carabineros de Costas e Fronteiras, fundado o 9 de marzo de 1829, asumindo, ademais das que posuía, as misións de vixilancia de costas e fronteiras e a represión da fraude e o contrabando. Durante a guerra civil, a Garda Civil reparte os seus efectivos, metade por metade, entre ambos bandos. A comezos do franquismo plantéxase a sua disolución que quedaría sen efecto, empregándose basicamente ata 1952, na loita contra a guerrilla antifranquista coa que tería numerosos enfrontamentos (1.826) con 256 mortos e 308 feridos.

En anos posteriores crearíanse novas seccións, destacando a de Tráfico e as do Seprona, de Medio Ambente; Salvamento, Subacuática ou Mar, estas máis recentemente. Na loita contra ETA, a Garda Civil sería a que levase todo o peso, pagando por isto un alto prezo en vítimas.

Tracking Pixel Contents