A santiaguesa Berta Dávila Fernández foi elixida gañadora da decimoquinta edición do Premio de Poesía Johán Carballeira, que se fallou onte trala deliberación dun xurado composto por Carlos Solla, Alfonso Láuzara e Héitor Mera, e no que actuou coma secretario o técnico Xabier Framil.

A resolución do xurado foi unánime, e se xustificou pola "mensaxe, o ton, a boa estruturación e en definitiva a sensibilidade que amosa o poemario no seu conxunto". Asimesmo, destacou especialmente o feito de atoparse diante dun poemario "limpo de artificio, carente de adobíos innecesarios".

Berta Dávila Fernández é unha xove aínda que prolífica escritora, que xa ten publicadas dúas obras de poesía (Corpo baleiro e Dentro), así como outras tantas en narrativa (Bailarei sobre a túa tumba e A arte do fracaso).