O apelido galego Cancelas naceu en Moaña. Onde adquire a forma plural nos descendentes dun veciño de Coristanco chamado Joseph Cancela del Villar que viviu en Tirán. Este apelido espallouse por todo o Estado, pero Moaña mantén o 45,8% de todos os Cancelas de Galicia. Unha descendente, Matilde Cancelas, foi a primeira muller divorciada no municipio, en 1933.

En 1780, chega a Tirán un mozo chamado Joseph Cancela del Villar procedente da parroquia de Xaviña no actual concello de Coristanco, na bisbarra de Bergantiños. Tiña 16 anos e en 1785 casa cunha moza chamada Christina Nogueira Caamaño, dunha familia que levaba arraigada nas parraquias de Tirán e Moaña dende 1530 cando menos segundo consta na documentación dos libros sacramentais das respectivas parroquias.

Joseph e o seu irmán Antonio, que era "soldado del regimiento de las órdenes militares" chegaron a Tirán en circunstancias para min descoñecidas e participaron activamente na vida da parroquia. Proviñan dunha familia amplia de Poceyro en Xaviña, os seus bisavós paternos, Antonio Cancela e Elena Pose, casáronse en 1688 e na partida de casamento di que os pais de Antonio eran Domingo da Cancela e Dominga Pastoriza e os de Elena eran Domingo de Lamela e Antonia Pose.

Joseph e Christina tiveron un só fillo, chamouse Domingo e naceu no lugar do Prado, cercano ao Igrexario de Tirán onde residía toda a familia. Este casaría en 1816 con Josefa Costas, moza de pai "incógnito", como se dicía naquela época aos fillos de solteira, e emparentada tamén cos Nogueira pola familia da nai. Tiveron seis fillos e catro deles déronlle vintetrés netos. A maioría seguiron vivindo en distintos lugares da parroquia como o Igrexario, Vilela, Conselleiros (que deu lugar a un apodo familiar) e moitos no Con, pero outros foron a vivir a distintos puntos de Moaña, e incluso a outros sitios de Galicia.

A cuarta xeneración dos Cancela en Moaña xa pasaba dos 50 membros e curiosamente a partir de 1871, e coincidindo co primero ano das inscripcións nos rexistros civís, o apelido por algunha razón que eu descoñezo empeza a inscribirse como "Cancelas" ben sea nos rexistros civís ou relixiosos.

Os tres Juan Manuel

En 1848, Leonardo Cancela (fillo de Domingo e Josefa) e Benita Camiña

teñen o seu primero fillo e póñenlle o nome de Juan Manuel, segundo figura nos libros de nacementos da parroquía de Tirán. O cativo durou poucos días con vida e xusto trece meses despois tiveron un segundo fillo, que como era costume na época puxéronlle o mesmo nome, si ben a este último chamábanlle familiarmente "Manuel". En 1864 voltarían a ter outro fillo que tamén está inscrito co nome de Juan Manuel si ben a este chamaríanlle familiarmente "Juan".

O segundo fillo coñecido como Manuel, casou con Josefa Graña, e tiveron dez fillos dos que sobreviviron e tiveron descendencia cinco, posteriormente enviuva non sei en que circunstancias e queda coxo dunha perna. Cando un dos seus fillos, Ventura ten que ir a facer o servizo militar a Cuba, encárgalle á súa moza Agustina Iglesias que cuide do seu pai que está impedido. Cando Ventura chega de Cuba despois dunha longa campaña tópase con sorpresa que o seu pai está casado con Agustina e está está preñada. Deste novo matrimonio nacerán oito fillos dos que cinco terán sucesión.

Unha muller do seu tempo

En 1883 nace en Tirán Matilde Cancelas Collazo, filla de Antonio Cancela e Rosa Collazo, o primeiro de xaneiro de 1910, casa con José Benito Boubeta e este ao pouco tempo de matrimoniar emigra para América. Matilde pasa vinte anos sin ter noticias do seu home e aconsellada e axudada económicamente polo seu irmán Manuel que residía en New York acóllese á lei de divorcio aprobada durante a II República en febreiro de 1932, e por mor dunha sentencia da Audiencia Provincial do 26 de xaneiro de 1933 (non facía un ano da aprobación da lei) , Matilde pasa a ser a primeira muller divorciada en Moaña.

Apelido nacido en Moaña

Aínda que orixinariamente o primero Cancela veu da comarca de Bergantiños, foi en Moaña onde se cambia a plural e convírtese este apelido netamente galego e que ten outros equivalentes tales como Cancelo- Cancelada no resto de Galicia, en único "Cancelas".

A partir dese cambio Moaña pasa a ter un 45,8% de todos os Cancelas que vivimos en Galicia según datos do INE e do ILG, ao tempo que en Galicia vivimos o 75% de todos os do Estado, o 25% restante están fóra de Galicia por mor da emigración.