Distintos colectivos e institucións do Morrazo comezan este mesmo fin de semana os actos para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se celebra este martes 17 e que este ano ten como figura central ao poeta monfortino Lois Pereiro. Recitais de poesía, presentación de libros e o concerto do gaiteiro Xosé Manuel Budiño ás 22.00 horas no auditorio municipal de Cangas, foron os primeiros actos dunha semana adicada á ensalzar a importancia acadada pola literatura producida no idioma propio de Galicia.

Os actos arrincaron en Moaña, onde a Asociación de Mulleres encárgase de organizar as actividades máis importantes co gallo desta celebración. O Centro Cultural de Quintela acolleu unha conferencia sobre o propio Lois Pereiro, poeta de estética punk que conectou a literatura galega cos movementos europeos de fins do século XX. Ao final da charla celebrouse un recital poético no que puido participar calquera veciño. Colaborou o colectivo de poetas "A porta verde do séptimo andar". Tamén houbo unha proxección audiovisual realizada por alumnos do IES As Barxas.

Previamente o Orfeón Moaña, a Coral do Colexio de Avogados de Pontevedra, a Coral Moañesa e a banda Airiños do Morrazo protagonizaron un concerto na igrexa do Carme.

En Cangas, a sala de exposicións do auditorio foi o escenario da presentación do libro "Os Morenos de Lavadores", de Xerardo Fernández Santomé e Miguel Pérez Lorenzo. Trátase dunha recompilación de fotografías, partituras e imaxes, acompañada dun DVD, onde se da conta deste cuarteto clásico de Vigo. Os Morenos de Lavadores disolvéronse en 1973, despois de participar nun milleiro de festas, romarías e bailes. No acto de onte resaltouse a pegada que deixaron nas seguintes xeracións de gaiteiros.

O recoñecido gaiteiro Xosé Manuel Budiño puxo a guinda a unha xornada cargada de actos cun concerto no que despregou o mellor do seu repertorio.

Hoxe continúan as actividades. A partires das 12 do mediodía o adro da capela de Samertolaméu convírtese en centro neurálxico de Moaña. Multitude de disciplinas artísitcas e artesanais se xuntan para celebrar a feira ARTEnaILLA.

A música coral será hoxe a protagonista en Bueu cun concerto ás 20.00 horas no Centro Social do Mar. O luns Comediantes Anónimos representa a obra "Morra o conto", ás 21.00 horas no IES Johán Carballeira.

Romaría en Sanamedio

O martes no adro de Sanamedio celébrase a XIV Romaría das Letras Galegas, cunha misa solemne ás 11.30 horas. O pregón correrá a cargo da escritora Asún Estévez e antes da comida campestre actuará a banda de gaitas manxadoira. Pola tarde haberá xogos populares e actuacións das pandereteiras "A quinta Ferreña" e do grupo "Anxuiña" e "A ghaita do Avó".

En Cangas o martes haberá un encontro de escritores que debaterán sobre o estado da lingua e unha festa da cultura.