José Fervenza - Candidato do PP á alcaldía de Moaña
"Temos que correr máis que ninguén porque os outros só pensan en que non gobernemos"
O voceiro do PP incidirá en campaña na necesidade de crear emprego e reducir o impacto da crise
fran g. sas - Moaña
José Fervenza é dende o sábado o candidato oficial do PP á alcaldía de Moaña e como tal se presentará ás eleccións locais do vindeiro mes de maio.
-A xulgar polo seu discurso diante de Feijóo e Louzán inicia con gañas a carreira cara a alcaldía. Qué obxectivo se marca?
-O Partido Popular ten que correr máis que ninguén porque o resto de partidos só pensan en que nós non gobernemos, polo tanto temos que buscar a maioría absoluta para gobernar. Ademais creo que é o que a xente quere. Os veciños non queren pagarlle a dous alcaldes, senón a un que xestione e lles faga caso, e que non vaia ao peto dos cidadáns cada vez que hai un problema. Temos opcións porque agora só estamos a dous concelleiros desa maioría absoluta.
-Durante a súa presentación como candidato incidiu moito en que reducirá o desemprego se chega a ser alcalde. Que medidas pensa tomar para logralo?
-Agora mesmo temos un gabinete a traballar na campaña electoral e de aí sairán as medidas que se reflexen no programa. Pero sobre todo irán enfocadas ás familias. Temos claro que hai xente que o está a pasar moi mal. Moaña ten 2.200 parados e é un dos Concellos máis endebedados de Galicia. Comezaremos por ser austeros e sacar adiante políticas de emprego, non malgastaremos os cartos dos veciños.
-Pero semella que os Concellos teñen poucas competencias nesta materia. Iso non limita a súa capacidade de acción?
-Non se trata de ter máis ou menos competencias. Un alcalde ten que facer xestións con outras administracións. Se un alcalde ve que no seu pobo hai 2.200 parados terá que abandonar o sillón e ir a outras administracións que si teñan competencias a solicitar medidas para a creación de emprego. Entendemos que infraestructuras que fagan outros organismos como o desdobramento do Corredor do Morrazo anunciado por Feijóo vai xerar emprego na comarca. Vai ser unha actuación moi positiva porque creará postos de traballo en 2011.
-Agora contan cun goberno autonómico da súa cor. Sen embargo hai medidas da Xunta que están a ser moi contestadas. Acabará por beneficiarlle ou perxudicarlle a xestión da Xunta?
-A xente vota aos partidos que fan xestión. A Xunta é independente de calquera partido e debe tratar a todos por igual. Pero Feijóo demostrou que está comprometido con Moaña. Estou convencido de que vai aprobar o PXOM e de que si se lle remiten os terreos para o centro de saúde e para a ampliación do IES Paralaia levará a cabo as obras, e así evitaríamos que os chavales da comarca se teñan que desprazar ata Vigo e Pontevedra para estudar moitos ciclos.
-A crise será unha grande baza electoral para vostedes?
-Queremos reducir o seu impacto en Moaña o máis posible. A crise é culpa do Zapatero e tamén do BNG, que apoiou durante sete anos os seus orzamentos no Congreso. Os veciños miran quen os meteu nesta situación económica e apostarán polo cambio.
-Acusarán electoralmente as polémicas levantadas dentro do partido polo edil Nahur Currás e o ex vicepresidente José Souto?
-No PP moañés non houbo polémica ningunha, o que había eran dúas persoas que non estaban de acordo coas decisións adoptadas pola maioría dos concellerios ou da xunta local. En Moaña hai 20.000 habitantes e non todo o mundo vai comulgar coas miñas ideas, non creo que iso nos perxudique. Ademais eu creo na Xustiza, que será a que teña que decidir neste tema.
-Vostede se ausentou na votación do PXOM por ser un dos promotores do polígono. Trátase dunha postura difícil de explicar, non?
-O PP de Moaña votou a favor do PXOM e a súa tramitación vai adiante grazas ao noso apoio incondicional. Outra cousa é que eu, seguindo o informe xurídico solicitado polo partido, opte por non votar para que ninguén poida impugnar o pleno e retrasar máis todo o proceso. E temos constancia de que había xente coa pistola cargada para recurrir o acordo plenario.-O polígono industrial de Cruz da Maceira será unha realidade a curto prazo?
-Estou convencido de que si e de que a Xunta axudará para que vaia adiante. Creo que para que Moaña medre e as empresas poidan ser competitivas precisamos dun polígono industrial. O futuro de Moaña está na atracción de empresas, porque ademáis son as que colaboran con entidades deportivas e culturais. Pese a crise uns 180 empresarios do municipio están facendo un grande esforzo ao apostar polo polígono.
-Terán que remodelar á lista electoral á forza. En que nomes pensa?
-Primeiro apostarei polo equipo de xente que xa está conmigo no Concello. Falarei con eles e os que queiran continuar van facelo. Despois lle trasladaremos a decisión á xunta local e entre todos buscaremos aos novos aspirantes a concelleiros.-Vostede asegurou que aportaría unha alternativa para ubicar a subestación eléctrica. Como van as xestións?
-Seguimos traballando para atopar unha solución. O problema é que Millán nos enganou negociando coa Xunta do bipartitro a ubicación da subestación en Trigás. O PP sempre dixo que non era o lugar idóneo, pero se lle ocultou todo o proceso aos veciños. Agora o Concello debería traballar por atopar outra ubicación e non aceptar o que Fenosa di. Espero que o alcalde se comprometa a tratar de que a subestación non se constrúa neste barrio porque sería hipotecalo para toda a vida.
-Fixeron bandeira do mantemento do transporte de ría. Mellorará o servizo?
-A campaña “Embárcate con nós” da resultados pero ten que dar máis a longo prazo. Se temos responsabilidades de goberno trataremos de enlzar os barrios do rural coa estación marítima mediante liñas de autobuses e promocionar o barco en Vigo. Esa é a única forma de garantir o mantemento do servizo.
- Fernando Costas: «En mi coche llevo manta ignífuga y extintor de polvo»
- El sol le ciega y atropella a un ciclista en Meira
- La lancha de Salvamento de Cangas recupera una boya de tres metros de diámetro a la deriva
- Vecinos de la avenida de Vigo piden bajar a 30 km/h el límite de velocidad
- Un mar de arte joven sobre Moaña
- Malestar de los comuneros de Coiro con el PP en relación con las piedras de Ojea
- El jefe de la Policía de Cangas se despide de la plantilla tras casi 40 años de servicio
- La distancia de los molinos a núcleos frena el parque eólico de O Morrazo