Unha boa parte do patrimonio oral de Moaña, incluíndo, lendas, cancións ou vivencias dos veciños, estará pendurado da internet dentro de pouco, evitando así a súa perda definitiva co paso do tempo. Para conseguir isto distintos escritores e ata 60 veciños de Moaña déronse cita onte no centro cultural Daniel Castelao, de Quintela, para participar na actividade titulada "Polafía" que a Asociación de Escritores en Lingua Galega leva trasladando por distintos municipios de Galicia dende 2007.

No acto participaron, ademais dos veciños interesados e convidados, o músico Xavier Blanco que acompañou os relatos con música tradicional, e escritores e nomes da cultura como Isidro Novo, Xosé Vázquez Pintor, Xosé Manuel Millán, Soledad Ríos ou o propio coordinador da iniciativa, Antonio Reigosa.

A intención desta iniciativa é impedir que a tradición oral caia no esquecemento así como divulgar o patrimonio cultural propio dunha zona. Asimesmo, Reigosa explica que tratan de poñer en valor a vía oral como método de transmisión do coñecemento e da cultura.

En Moaña os veciños explicaron dende oficios tradicionais, que sempre se transmitiron a través da palabra, ata contos, romances, lendas ou simplemente experiencias da súa vida, "recollemos todo o que entendemos que merece a pena contar ou transmitir", sinala Antonio Reigosa.

Esta actividade foi gravada e será subida á páxina web da Asociación de Escritores en Lingua Galega en diversos videos que teñen a intención de preservar estas vivencias para as xeracións futuras. "Non sei se internet será a salvación da oralidade, pero si que é unha ferramenta inmensa para ela. De todos os xeitos estamos seguros de que a transmisión oral segue a ser vital no coñecemento das persoas", indica o responsable da iniciativa.

Primeira vez na comarca

Moaña é o muncipio número 14 no que se realiza esta actividade, e o primeiro do Morrazo, sucedendo á parroquia de Xanceda, no concello coruñés de Mesía. Agora as historias narradas polos veciños que participaron –había 8 convidados pero as portas estiveron abertas á participación de máis xente– e incluso o seu xeito de interpretar a música, agardan xa polos vídeos para poder ver como as súas vivencias se comparten ao longo de todo o mundo.