José Villaverde recibe esta mañá, ás 12.30 horas, o premio da Asociación Veciñal de Berducedo e Piñeiro pola súa labor socio-cultural. Trátase do único premio deste tipo que se entrega en Moaña.

-Como recibiu a concesión deste premio?

-Non me puiden escapar (risas). O certo é que me fixo moita ilusión o premio, porque a todo o mundo lle gusta que recoñezan o seu traballo. Pero sobre todo me gusta porque ven dunha asociación moi activa e que se preocupa polos aspectos culturais. Ademais non podo negar a miña vinculación con Berducedo. Levo 50 anos parando todos os días no barrio onde teño moi bos amigos.

-Por que pensa que lle deron a vostede este premio?

-Supoño que será porque a miña vida sempre estivo adicada a traballar de cara ao público, pois fun concelleiro durante varios anos e levo case 30 como xuíz de Paz titular. Comecei neste posto por facer un favor e sen cobrar un duro, e de momento aínda non o deixei, ainda que a esta idade xa me vai cansando.

-Está pensando en deixalo?

-En casa me din que o faga, pero conto co apoio dos catro funcionarios do Xulgado de Paz e aínda non decidín se me volvo a presentar ás eleccións que teñen lugar dentro de tres meses. Debo meditalo.

-Atende moitos casos en Moaña?

-Bastantes, cada ano hai uns 180 xuízos de falta, e a isto hai que sumarlle os actos de conciliación. Ademais, os casos se duplicaron dende que eu comecei como xuíz de Paz, porque penso que a xente non está preparada para vivir en comunidades grandes. A medida que aumentan os edificios aumentan os xuízos, e sempre son por parvadas como os ruídos, ou a roupa tendida. Na urbanización do Rosal, por exemplo, xa se produxeron varios casos.

-Como ve o futuro dos Xulgados de Paz?

-Son moi útiles, sobre todo porque é un alivio moi grande para os Xulgados de Instrucción e de Primeira Instancia. En Cangas están moi saturados, e penso que Moaña xa ten suficiente poboación como para ter un Xulgado de Primeira Instancia propio e así desatascar o de Cangas.