Como cada mes de agosto comezan os actos da asociación cultural canguesa Memoria Histórica 28 de agosto. Este ano o inicio vén dado polos cen anos do nacemento de José Oliveira Avendaño. Mañá preséntase a súa biografía revisada co títtulo "Memorias dun mariño republicano". O acto celébrase no salón de plenos do concello á unha da tarde. De seguido terá lugar un coloquio no que participará a súa filla, Nieves Oliveira, Camilo Camaño en representación do colectivo organizador, membros de A Cepa e o presidente de Aetinape, Xosé Manuel Muñiz.

A vida do cangués José Oliveira Avendaño sempre estivo vencellada ao mar. Entre as súas experiencias cóntase ter dado seis voltas ao mundo a bordo do buque Juan Sebastián Elcano entre os anos 1928 e 1934, ser o primeiro capitán do buque oceanográfico Cornide Saavedra, que pertencía á Escola Náutico-Pesqueira de Vigo, e navegar ás ordes do xefe da flota republicana, Luis González de Ubieta, durante a Guerra Civil.

Mais no seu legado tamén existe unha importante labor nos eidos do asociacionismo laboral e na fomación marítima. Oliveira Avendaño participou na primeira organización profesional de titulados náutico-pesqueirosde España, Atimpe. Este colectivo hoxe en día xa non existe, pero no ano 1982 fundouse Aetinape, que aínda se mantén activa e que tamén presidiu. A organización estará representada no coloquio por Xosé Manuel Muñiz.

Con respecto ó seu legado na educación, Oliveira Avendaño contribuiu a poñer en marcha a Escola Náutico-Pesqueira de Vigo e aintroducir titulacións superiores.

Pero ademais da presentación e honra a José Oliveira Avendaño, as actividades da Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto continúan ata finais de mes.

O próximo sábado 21 proxectarase no auditorio municipal o documental "Crónicas da Galiza mártir". O filme será presentado polo seu director, produtor, guionista e realizador, Xan Leira, a partir das 20:30 horas.

O salón de plenos do Concello de Cangas será sede doutra presentación o xoves 26 de agosto. Dolores Seijas Soto presenta o seu libro "El maestro de Zaín" e os asistentes ao acto terán oportunidade de participar nun coloquio coa autora.

Peche dos actos

A programación pecha o día 28 de agosto coa tradicional ofrenda floral aos mártires de Anguieiro. Celébrase no monolito ubicado na estrada entre Cangas e Bueu, a partires das sete da tarde. Unha hora despois, a Casa do Pobo de Cangas –frente a gasolineira– acolle o peche final cunha cerimonia no recordo dos represaliados, trátase de "Música e palabra pola memoria".