O actor moañés Santiago Cortegoso Calvar foi galardoado co XIV Premio Rafael Dieste de teatro, que outorga anualmente a Deputación da Coruña. A obra coa que obtivo tal recoñecimento é "0, 7% Molotov". O veredicto do xurado deuse a coñecer durante a mañá de onte. O premio está dotado con 6.500 euros e coa edición e posta en escea da devandita peza teatral, que percorrerá varios concellos da provincia coruñesa.

No concurso participaron un total de 36 obras orixinais, pero o xurado se decantou pola de Santiago Cortegoso porque, a xuizo do seu voceiro Manuel Areoso, "trátase dun home de teatro dende hai moito tempo". O voceiro cualificou o texto do moañés como unha "interesante reflexión, cunha estrutura moi contemporánea, que é tamén unha crítica dos valores que se empregan como produto comercial".

"0, 7% Molotov" é unha obra que se desenvolve en torno a dúas personaxes centradas en tópicos como a biodiversidade ou o emprego de enerxías renovables, "pero cada tópico é un paso máis cara a súa despersonalización", explica Areoso.

Sobre a linguaxe da obra o xurado destacou o seu alto nivel poético e dramático, e valora moi positivamente a súa crítica dunha solidariedade tópica "creada para conciencias ben instaladas nunha sociedade do benestar".