A raíz de tódalas obras
Mar Mato / CANGAS
Pódese intentar defini-lo mundo a través dun cadro conceptual? Na obra "Táboa dos Elementos" de Rosalía Pazo, sí. A artista válese do seu discurso e da súa experiencia como escultora e pintora para envolver ó espectador nunha exposición interesante e nada anodina. A través das distintas pinturas, lévanos ó miolo da natureza nunha viaxe simbólica polo sangue das árbores e da terra para posarnos nas claves culturais de distintos pobos.
O obxectivo da artista, que expón estes días na galería canguesa A Carón do Mar, é facer pensar. Aínda que plasma a natureza nos seus cadros, non esperen ver paisaxes pero sí sucesión de formas, textos e verbas. "Para min, ten moita importancia a estética, pero ten que vir acompañada dalgún xeito dalgo máis que reflicta o meu pensamento", explica.
O seu facer é un xeito peculiar de entender a arte que a levou a mostrar a súa obra na feira Arco de Madrid anos atrás. Daquela experiencia, Pazo asegura que "significou moi pouco. Ir a Arco non é unha meta. Só é unha feira de arte. A miña vida non cambiou nada. O mercado da arte en Galicia é mínimo".
A Rosalía Pazo, crecida entre as pinturas do seu padriño Carlos Maside, interésalle a natureza pero desde as estructuras. Por iso, as raíces son constantes. Nos seus cadros, repítese a trama orgánica e nervaturas de follas, raíces e, tamén, a forma dos vasos sanguíneos. Todo misturado coa alusión ós elementos básicos da química, dos que parte a vida e o mundo que nos rodea a partir do osíxeno, o chumbo ou o magnesio. Estes aparecen nos seus cadros ben en títulos, ben nas súas abreviaturas do latín.
A Pazo, góstalle partir do principio de todo, do máis minúsculo para ir desenvolvendo o cadro e o seu pensamento. De aí que bote man da retícula. "Simboliza a relación entre tódalas cousas. Todo está relacionado a distintos niveis". Chegado este punto, non estraña atopar contraposición de termos para explicar o mundo mesmo.
- Rescatan el cuerpo sin vida de un marinero sobre un barco en Cangas
- Una familia de cinco generaciones en Aldán
- El frío también llega con manto blanco a la comarca
- Un marinero de O Hío muere en su barco cuando recogía nasas frente a Punta Couso
- Irene «de Fermina», centenaria por San Amaro
- Vecinos de la avenida de Vigo piden bajar a 30 km/h el límite de velocidad
- Un mar de arte joven sobre Moaña
- El jefe de la Policía de Cangas se despide de la plantilla tras casi 40 años de servicio