Retrouso pecha os concertos didácticos cunha clase de música e baile galego en Ardán

Redacción / BUEU

A asociación cultural Retrouso celebrou onte a terceira e última tanda de concertos didácticos desta tempada e o fixo ante medio centenar de alumnos da escola de Ardán, en Marín.

Os profesores de canto e baile da entidade, Rubén Bastón e Débora Pena, foron os encargados de introducir ós rapaces nos instrumentos e nos ritmos tradicionais máis básicos. Ensináronlles como se toca a gaita, o tamboril, o bombo, a pandeireta, a pandeira, o pandeiro e varias percusións miúdas.

Os alumnos colaboraron en todo momento e non dubidaron en probar os instrumentos ou poñerse en pé para dar uns pasos básicos de muiñeira e xota.

Clases de baile

Retrouso ofrece este curso a actividade de baile tradicional na escola de Ardán, tódolos luns á tarde, de 16.30 a 18.00 horas. Por este motivo, dende a asociación confían en que o concerto desenvolvido onte sirva para achegar ós nenos ao mundo da música galega, así como para motivalos a introducirse de cheo no eido do baile tradicional.

Tracking Pixel Contents