Que San Roque nos libre de enfermidades, epidemias e contaxios do corpo e da alma". Avogado das pestes e epidemias, este santo de procedencia francesa e berce aristócrata percorreu en tradición histórica e relixiosa case tódolos rincóns de Europa abandeirando a loita contra plagas que se sucederon unha e outra vez na historia contemporánea. Nacido ás portas do século XIV na localidade mediterránea de Montpellier, a súa figura preside un rincón reservado no altar maior da igrexa do Hío e é o protagonista da danza ancestral de San Roque que se baila cada 16 de agosto no adro da parroquia canguesa. A súa beleza está recoñecida por máis de catro séculos de historia e polas institucións ó declarala recentemente de interese turístico galego.

Roque, que foi probablemente o seu apelido, viviu arredor de 1300 entre abundancias até a morte dos seus pais cando, despois dun arranque de altruismo, decidiu ter a ben a máxima de "da os teus bens ós pobres e así terás un tesouro nos ceos". O seu século, o XIV, foi un dos máis dramáticos na nova historia europea. No medio dun continente ateigado de guerras, cismas e da peste negra -ou "morte negra"- Roque visitaba cidades apestadas e curaba, milagrosamente, a enfermidade que reduciu á metade a pobación de Europa.

Cangas tamén sufriu o azoute das enfermidades masivas, reducidas ó nome de "peste", o que a fixo pechar as súas murallas medievais -unha das portas estaba na actual rúa do Arco- á entrada de foráneos para evitar maiores propagacións. A parroquia do Hío tamén puido ter episodios epidémicos, se ben non hai fonte documental algunha que fixera ós cidadáns crear unha cerimonia para agradecer favores ao "Santo dos apestados" ou para pedir protección para un mal sen cura. Foi, se cadra, o inicio dunha danza xa ancestral que congrega cada ano a veciños e visitantes na parroquia canguesa.

A danza de San Roque do Hío é inusual no vestiario e nas formas. Cunha pasividade case cerimonial nos pasos, cinco damas e once galáns pasean a ritmo de gaita e tamboril sobre as pedras do adro. As damas visten ó xeito dos antigos peregrinos: saión con capela, sombreiro de á erguida e pequena vara testemuñal co cabazo. Os once galáns, dez que "pasean" as damas e o guía, visten pantalón e camisa brancos, chaqueta e sombreiro azuis e unha gravata verde. Chama á atención, ademáis da cuncha de vieira en tódolos sombreiros e nos pasadores das gravatas, que as vestiduras son excepcionalmente luxosas: terciopelo, sombreiros, detalles dourados e cunchas de prata eran a testemuña de familias poderosas ou organizacións de gran poder económico e social.

A escenificación íntegra das partes da danza ten unha duración aproximada duns vinte minutos. Os galáns son os encargados de arrodear os pequenos mozos, -que fan o papel das damas ante o impedimento que apartaba ás mulleres de calquera evento público como as danzas ou a farándula-desfacendo filas e levando, por parellas, a cadanseu peregrino por entre as demáis ringleiras da escenografía.

Historia, relixión e tradición enlazan aquí as súas influencias ó compás do son da gaita e dun vello tamboril de pel de cabra, arrodeando unha e outra vez as damas e baixo a atención da pequena imaxe de San Roque, milagreiro e fonte de devoción para cristiáns de tódalas épocas e lugares do mundo.