Muiñeiras, fados, maneos, xotas e "vira-viras" da Lusitania. Cunha heteroxeneidade propia dun concurso multiétnico de caché, os festivais folclóricos do estío son quen de acoplar, enriba das mesmas táboas dun escenario, todo tipo de expresións culturais manifestadas no baile e na música. O mérito esta vez é para a agrupación Ximalveira de O Hío, organizadora dun VIII Festival da Amizade que unirá as diverxencias de galegos e portugueses baixo o mesmo teito e sobre a mesma táboa de representación.

Este evento, herdeiro do certame internacional organizado pola extinta organización "Cruceiro do Hío" e que acollía actuacións de grupos de toda Europa, ten unhas pretensións máis humildes pero sen renunciar ao factor espectacular de deleitar ao "numeroso público asistente que nos visita cada ano", como afirma Carmiña Pérez, profesora do grupo Ximalveira. Ademáis da actuación dos anfitrións, o adro da igrexa do Hío terá aos nenos do colexio da parroquia que escolleron o baile galego como actividade extraescolar e baixo un monopolio instructor de Carmiña Pérez. Para completar a axenda dos cangueses, a banda de gaitas Mazaroca e un cuarteto musical chamado Rabuñaldes.

O aturuxo galego tamén poderá ser berrado por dúas agrupacións do país que acoden á cita como invitadas: os grupos "Delicias de Valladares", de Vigo, e "Airiños da Lagoa", de Baiona. O toque internacional o porán as melodías portuguesas do conxunto bracarense "Fafe", habitual en eventos do seu país veciño e cun acompañamento musical e vocal sempre numeroso e potente.

A cita agardará, un ano máis, ampliar as cotas de público que acadan ano tras ano, entre veciños do Hío e visitantes que ateigan a parroquia canguesa nos meses de verán. O espectáculo está a piques de comezar.