Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Desvelar os silencios

Unha interesante estrea

Desvelar os silencios

A primeira novela de Pablo L. Orosa, Fálame do silencio, é toda unha sorpresa. Unha sorpresa en canto á súa capacidade para describir ambientes, unha sorpresa ao demostrar como se poden acabar fundindo varias tramas nunha e unha sorpresa cando o lectorado vai descubrindo que o autor o convida a visitar diferentes escenarios que o levan da Coruña, a Londres, pasando por Sidney ou recalando en Bos Aires. Contada fundamentalmente en dous tempos (aínda que non só), a proposta de Orosa pasa por presentar en primeira plana a Samuel Eirís, un xornalista que se ocupa de cubrir conflitos internacionais, e que volve a Galicia a principios dos primeiros 2000 para pescudar na historia de Daniel Gluckmann, falecido cinco anos antes. Este personaxe convértese no verdadeiro leiv-motiv da narración, o que fai que sigamos as súas pegadas e que coñezamos, entre outras cousas, a Coruña do barrio das Atochas, de ambiente portuario e movemento político, en plena Transición. Mais isto tamén nos levará máis atrás, ao tempo sombrío do 36, cando os Gluckmann foran unha familia represaliada. Como se pode comprobar, os fíos que manexa o autor de tempos e de espazos, son variados e diversos, o que pode propiciar que a un certo tipo de receptor lle custe encaixar unhas pezas que, porén, acaban por cadrar ao xeito. Só compre un pouco de paciencia para descubrilo, dado que o principio da narración ten un pouso lento e un tanto desconcertante -que emprega misivas, correos electrónicos ou cambios de voz narrativa diferentes-, coma un cubo de rubik que é complexo de comezar a colocar.

En consonancia con isto, é esta unha novela coral, porque son moitos os caracteres que Orosa emprega para axudar a construír e recrear as diferentes atmosferas que manexa. Algúns deles, responden en ocasións a certos arquetipos dun tempo e dun lugar, o que lle dá consistencia e coherencia á narración. Outros, como a apaixoante e libre Carolina, a sorprendente Silvia ou mesmo Soledad (nai de Gluckmann) (e das que non desvelaremos nada para non romper o misterio), ben merecerían unha precuela ou unha secuela porque parecen deixar aínda moitos puntos cegos por descubrírmonos. Aínda así, o que mellor semella manexar o autor son as descricións, ás veces quizais demasiado minuciosas, si, mais tamén moi suxestivas e atractivas, sobre todo as encamiñadas a volver percorrer A Coruña traballadora e case revolucionaria do tempo da Transición. Estas demostran, sen dúbida, o estilo propio de Orosa que agardemos reapareza en vindeiras creacións porque resultan todo un acerto. Asemade, lembran un tanto ás mellores páxinas que posiblemente teñamos lido de recreación literaria da cidade herculina: as de Manuel Rivas. Hai algúns treitos, amais, que son tamén unha fermosa homenaxe aos libros e a como estes nos acompañan a pesar de que, inexorablemente, muden o tempo e as circunstancias.

Fálame do silencio é dalgunha maneira, outra das obras que reivindican o poder da memoria: da memoria colectiva, mais tamén da individual, porque son eses pequenos anacos de nós, do noso pasado, os que reconstrúen a historia común. De feito, o propio autor ten confesado que a idea de escribir a novela xurdiu dun manuscrito que enviou o seu propio bisavó dende Bos Aires, de onde nunca volveu. Un anaco de intrahistoria persoal que serviu neste caso para querer profundizar nos silencios e conseguir que estes, definitivamente, falasen, aínda que fosen tras o velo, imprescindible, da ficcionalización.

OROSA, Pablo L., Fálame do silencio, Ed. Xerais, Vigo, 2018, PVP. 17, 50 ?

Compartir el artículo

stats