Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alejandro Guillán "Baiuca" - Compositor e DJ

"Teño respecto pola tradición pero coa música no ordenador fago o que me peta"

"En Vigo, ofrecerei un concerto máis electrónico e bailable", defende o artista de Catoira que actuará en Italia e México ademais de colaborar no novo álbum do británico El Búho

Alejandro Guillán, "Bailuca", hoxe en Vigo. // Adrián Canoura

Baiuca, como proxecto musical do catoirense Alejandro Guillán, leva dous anos e dous discos no mercado, os suficientes para que produtores de diversos países fagan cola para que colaboren con el, o BBK Bilbao o levara no seu cartel ou actuara nas festas de San Isidro en Madrid ante milleiros de persoas. Todo isto grazas ó atinado xeito de fusionar música tradicional galega con electrónica. Esta noite, ás once, actúa na Mondo Club en Vigo na programación de Ciclicka despois de Caldo.

Á cidade olívica, chega tras dar a coñecer hai un par de meses a súa colaboración con Nita, a cantante de Fuel Fandango, a canción "Caravel" con letra de Rosalía de Castro e apoio de Estrella Galicia.

"Eu quería que, con Nita cantando na súa lingua, o castelán, aparecese unha conexión con Galicia máis alá do que eu podía ofrecer. Ocorréuseme este poema de Rosalía e a ela gustoulle moito. Ela é unha cantante espectacular, cunha voz increíble".

O resultado tamén é abraiante, exquisito, como o que busca transmitir nos seus directos nos que conta co xogo audiovisual do realizador Adrián Canoura, que tamén estará en Vigo esta noite. "Ofrecerei un concerto nun formato máis electrónico e bailable que cando imos coa banda completa", promete.

"A min, engade, sempre me interesou facer música de baile, facer que a xente se mova". Sen embargo, de pequeno, o referente non era "Febre do sábado á noite". O primeiro instrumento que tocou foi o clarinete e o segundo, a gaita. Aprendeu na Escola de Música de Catoira, vila da que procede este licenciado en Maxisterio Musical que descubriu que o de dar aulas non era o seu. "Non sentía que fora o que quería facer. Eu quería ser músico e chegar ó lugar no que estou agora", resume.

Neses primeiros anos de vida, escoitou moita música tradicional na casa para chegar un momento no instituto no que todo "cambiou. Empecei a escoitar música doutros lugares -especialmente indie- que me fixeron afastarme do folc. Na universidade, empecei a conectarme con outros sons", lembra.

A virada cara a música electrónica chegou de xeito "natural": "Empecei a escoitar ós 15 a música indie e o que me chamaba máis a atención era o sintetizador. Despois, pensei que me gustaban o sons electrónicos pero tamén os galegos e decidín mistura-las dúas cousas".

Baiuca defende a universalización do son galego. "Pode pasar -reflexiona- que certos proxectos estean destinados á xente máis cercana a ese tipo de música. Por exemplo, cando un grupo saca disco e pensa que o seu obxectivo son só os galegos porque é galego. No meu caso, non é así, calquera galego pode disfrutalo pero tamén o pode facer xente de fóra".

De feito, o produtor británico El Búho -especializado en misturar sons andinos ou latinoamericanos con dixitais- argalla un proxecto con Baiuca. "El tiña moita interese por coñecer que era Galicia, que música había aquí. A través da música, conectamos", engade.

Guillán recoñece que non está "viciado. Eu non estaba metido nun circuito xa existente ou concreto inda que empecei no folc, tocando a gaita. Ó alonxarme de Galicia, ó mudarme a Madrid, vin todo dende unha perspectiva nova. Na simpleza, moitas veces, está a maxia".

Sen embargo, o nacemento de Baiuca non se pode separar do sello discográfico Raso Estudio -integrado por un arxentino e un galego entre Donosti e Madrid- que lle editou no 2018 o seu debut, "Solpor"; e no 2019 o seu último álbum ata o de agora, "Misturas".

Este último supón unha reinterpetación ó xeito Baiuca dun traballo anterior en clave tradicional de Xosé Lois Romero e o colectivo Aliboria. "Intento estar ó día dos proxectos que van saíndo e atopei de casualidade a Aliboria. Dende o primeiro momento, engancheime o que facían. Empecei a seguir a Xosé Lois e falando vía Instagram el propúxome facer algo coa súa música, o que eu tiña na cabeza", lembra.

Calquera persoa que busque no YouTube sobre Baiuca (o seu tema "Olvídame" figura no podio de cancións en galego máis visualizadas na red social o pasado ano) decatarase de que o proxecto non só se atinxe á música. Os audiovisuais de Adrián Canoura para os vídeos tamén abranzan a experimentación e a fusión.

"Adrián entende o vídeo como eu entendo a música: buscar na tradición para darlle unha volta para, con técnicas novas, levar esa parte tradicional a outro punto. Ademais, vén ós directos e apórtalle algo especial".

Sobre os puristas que renegan da fusión, confesa que el ten "moito respecto pola tradición pero cando me sento diante do ordenador a producir esquezo iso e fago o que me dá a gana, o que me peta. Iso nótase na música que sae de forma natural e o respecto nótase en que busco que o son estea coidado, con elegancia".

Este mes, sae de xira por Italia, para despois actuar en México, facer misturas para produtores deste país, Colombia e Ecuador.

Compartir el artículo

stats