13 de abril de 2020
13.04.2020
Faro de Vigo
ficha persoal

Elías Knörr/Portela: "As medidas en Islandia son moi light, pero os afectados fan corentena real"

Por sospeitas de contaxio estivo illado dúas semanas: "Á miña cabeza veulle moi ben"

13.04.2020 | 02:09
Knörr, na entrevista por videoconferencia.

Recoñecido en Galicia e tamén en Islandia como un dos poetas más abraiantes desta xeración, Elías Knörr sufriu en primeira persoa a crise do coronavirus en Reiquiavik, onde reside. Á volta da súa última visita á familia polo Nadal -tamén para presentar o seu libro "O prezo do inverno" (Tulipa 2019)- tivo que acudir a un doutor islandés por unha doenza menor. Mais o médico deu positivo en Covid-19 e os seus pacientes foron chamados polo servizo de saúde á seguir unha corentena estrita. Tras dúas semanas, Elías voltou ao traballo con normalidade.

-Tiñan sospeita de estares infectado, confirmaron ese diagnóstico?

-Fun ao médico cunha sinusite, tiven debilidade e dor de cabeza, pero non tusín nin houbo febre. E resulta que o doutor que me atendeu deu positivo. Chamáronme de Sanidade e dixeron, vai para casa e íllate 15 días. Non me deixaban sequera ir ao supermercado.

- Unha corentena estrita.

- Tecnicamente non podes saír da casa, aínda que che deixan se non vas coincidir con ninguén. Aquí a maioría das vivendas están illadas e case non hai xente na rúa. Mais eu vivo nun edificio e non podía saír, só por compartir a escaleira. Pasei a corentena no meu cuarto, cando saía del ía con máscara. Dixéronme que tiña incluso que usar un prato e cubertos propios. E lavar a roupa a 60 graos ou máis. Foi un tempo complicado loxisticamente, mais á miña cabeza veu-lle moi ben, porque tiven un descanso que doutro xeito non podería ter. Eu son unha persoa que sempre está ocupada, entón nesta corentena, unha corentena real, non me daba o tempo para pensar, tiña tanto que facer...

- Islandia está a conter o virus, con oito mortes recoñecidas e uns 1.700 casos activos, sobre unha poboación de 350.000 persoas. Que medidas tomou o goberno?

- Son moi light en comparación coa maioría dos países occidentais. Seica está indo bastante ben, mais aínda non chegamos ao máximo. As autoridades din que o número de infectados é menor do que pensaban, pero os casos graves, os que precisan UCI, son máis do que tiñan previsto. Iso si, se vés do estranxeiro ou estiveches con xente afectada, póñente en corentena. As restriccións de movemento que ordea o goberno, as prohibicións de xuntarse na rúa, non son unha corentena real. Coido que en Galiza e no estado español estas diferenzas non están tan claras.

-Islandia foi un dos primeiros países en facer test masivos. Disque iso axudou a controlar a epidemia.

- En números relativos fixo máis controis que a maioría dos países. Pero só lle fan a proba á xente con febre e outros síntomas. A análise é moi detallada, directamente do ARN do virus e fan a tipoloxía, recoñecen as cepas e saben de onde proceden. Iso non quere dicir que moita xente se queixe de que non lles deixen facer a análise. Unha semana houbo un problema tremendo porque non había bastoncillos para as probas, e logo apareceron. Aquí pasan cousas estrañas: alguén, non se sabe quen, doou quince respiradores ao hospital nacional. Quen ten escondidos na casa ou nun almacén quince respiradores?

-- E agora como levas o teu día a día trala corentena?

- Estou nunha situación que me fai sentir rarísimo. Aquí na oficina onde traballo chegaron dúas persoas sen gardaren as distancias de seguridade, e teño posibilidades de ser portador! Por outra banda, eu como renegado e bohemio nesta sociedade tan xenófoba, o feito de que haxa menos xente pola rúa e se garden as distancias sociais, hoho, é marabilloso!

- Por mor do virus albíscanse cambios nas relacións sociais, na economía, mesmo na nosa visión do mundo. Cres que podemos sacar un futuro mellor desta crise?

- Eu son dunha xeración que apela á democracia real, á educación e a transparencia. Creo moito no sistema de benestar, e dalgún xeito, no "socialismo" e na erradicación da pobreza a nivel mundial, porque a pobreza noutro lado, ou unha guerra, termina afectándonos neste. Nestas circunstancias, véxoo cunha luz enorme. Agora, tamén están eses organismos de capitalismo de vixiancia, que nos están tomando o pulso, apretando as torcas; é o momento deles para ter máis poder sobre nós e sobre os gobernos. Ou comezamos a lexislar ao respecto, ou estamos fodidos.

- A volta á intimidade forzada polo confinamento, consideras que é inspiradora, ou cómpre a sociabilidade para ser creativo?

-O ser humano é un animal político, dixo Aristóteles [recita a frase en grego]. É bó que as ideas flúan, é así como se fai a cultura e tamén a lingua. Esa comunicación, esa transmisión tamén axuda a paliar as diferencias sociais. Claro, que agora ten que facerse por medios dixitais. O problema é que vivimos nun feudalismo tecnolóxico. Pasamos dun capitalismo tanxible a un feudalismo dixital, con ese Big Brother que é Google, Facebook ou Amazon, que pola súa influencia se comportan como deuses gregos xogando coa humanidade. É algo tremendo. Isto vai condicionar moito a nosa cultura, a nosa capacidade de consumila e tamén de creala.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook