Vimos de entregar os Premio Alecrín-Alacrán 2005, na súa décimo séptima edición, no transcurso dunha céa na que a presencia dun importante número de mulleres con relevante traballo e posición política revela: por unha parte a importancia social que os galardóns teñen adquirido como crítica e medida correctiva das accións en contra as mulleres ou valoración e recoñecemento das actuacións positivas e a favor das mesmas; Por outro, patentiza a asunción cada vez maior das tarefas de goberno, de representación efectiva da cidadanía e de compromiso político que as mulleres estamos adquirindo progresivamente en Galicia, en España e en Europa. Ambas son razóns para felicitármonos e creo que todas nos recoñecemos en esto, e porque por uns instantes celebramos a situación agradable na que a muller non constitúe obxecto de agresión e non é noticia por esto, senón porque andan tempos nos que é protagonista e copartícipe de poder.

Na reunión de onte albiscáronse traducidos á linguaxe da realidade trinta anos de feminismo activo en Galicia e moitos máis de traballo escuro que lle precederon. Unha realidade que non é un agasallo de ninguén senón o producto dunha esixencia continua, teimuda de centos de mulleres traballando por gañar o seu espacio en todos os ámetos: nos parlamentos, no traballo, na xusticia, na cultura, nos dereitos individuais e colectivos ... pero debemos prestar atención e non descoidarnos; os dereitos son fráxiles, poden mudar en función de moitas variables, e se somos débiles no noso compromiso podemos ser víctimas de esa fraxilidade. Temos que trasladar as nosas pequenas ou grandes victorias civiles ás novas xeracións de nenas e nenos, á xuventude a través da educación, da formación social, da linguaxe cotiá; e temos tamén a obriga de trasladalas a todas as mulleres do mundo, porque todas as mulleres somos unha soa muller e cando unha muller sofre a violencia e a inxusticia no máis esquencido recuncho do mundo todas as mulleres do mundo estamos sendo víctimas do agravio, da violencia, da inxusticia.

Onte lembramos as mulleres de Ciudad Juárez e premiamos co Alecrín a unha asociación: "Nuestras Hijas de Regreso a Casa" -que nome tan sinxelo e tan claro- e a Marisela Ortiz no seu nome. Estes días vimos de enterarnos que en Guatemala se fala de perto de cinco mil mulleres desaparecidas nos últimos dez anos en circunstancias moi similares ás da cidade mexicana.

Ciudad Juárez, ao norte de México, moi perta da fronteira cos Estados Unidos de Norteamérica e lugar de arribada de milleros de mulleres que buscan traballo nas súas fábricas e talleres tamén escolleira de outros tantos milleiros de ilusións e de futuro. Marisela Ortiz, é mestra en Ciudad Juárez, e quería ser unha mestra común, ensinarlle ás criaturas as letras, a ser boas persoas, a entender a vida e a prepararse ela. Pero ten que ocuparse de outras labores: de que non secuestren, non violen, non mutilen, non maten e non tiren nas esterqueiras os corpos das súas alumnas. Marisela, co apoio de Norma Andrade nai dunha alumna asasinada, e de outras familias, crearon no ano 2001 a asociación Nuestras Hijas de Regreso a Casa, para denunciar o espantoso femicidio que se está producindo na súa cidade, para expoñelo ante o mundo, porque as autoridades mexicanas nada fixeron e pouco fan por aclarar un só dos máis de mil asasiñatos e desaparacións que se levan producido en Ciudad Juárez. Hoxe a noticia é universal, e eso obrigou ao governo mexicano a nomear unha comisionada especial para preveñer e erradicar a violencia contra as mulleres de Ciudad Juárez que, alomenos atreveuse a explicar que a propia policía vencellada a redes de explotación sexual podería estar detrás de esta atrocidade impune.

A administración municipal é sen dúbida a máis cercana á cidadanía, establece relacións de vecindade, de proximidade e por eso ten que cumprir con funcións educativas e exemplarizantes diante das persoas que administra; e administrar non é so dar boa conta dos bens materiais senón mirar tamén pola calidade moral do pobo.

O governo da corporación municipal de Porqueira (Ourense) este ano quixo compensar o presuposto municipal para actividades culturais botando man do patrocinio económico que, encantados, lle proporcionaron os proxenetas donos de clubs responsables do tráfico sexual de mulleres. Este governo municipal coa súa acción lexitima as relacións de subordinación entre homes e mulleres, fai desprezo da cultura, colabora na trivialización do rapto, do engano e da trata de mulleres e nenas en situación de pobreza materia prima do mercado prostitucional, cotidianiza e contribue á normalización da prostitución como un feito aceitable e unha saída económica para mulleres e xóves. A todo eso contribue consciente ou inconscientemente o governo de Porqueira.

A prostitución é unha das formas de violencia sexual máis brutais, extensas e perversas da sociedade actual. É a forma que máis evidencia o poder do varón sobre a mullar. Na prostitución non hai libertade, senón posesión; nútrese da pobreza, do desarraigo, da incultura y transmite a idea de que á muller sempre lle queda a saida de ofrecer o seu corpo nun mercado como escape as peores situacións económicas. A prostitución é a última forma de escravitude encuberta que opera unicamente en beneficio de mafias, que alimenta o tráfico humano de mullres e nenas, que reduce a condición humana a un simple obxecto de mercado. Non nos enganemos coa creación de situacións laborais reguladoras e reglamentaristas dunha práctica que se opón a calquera consideración de traballo digno. A prostitución é unha agresión trementamente machista (e admitideme este término que hoxe parace pouco correcto) a todas as mulleres.

O que na céa de Alecrín destacamos onte con premio ou con castigo está intimamente ligado, son dúas manifestacións do mesmo feito, a situación de Ciudad Juárez non é nin máis nin menos que a nefasta consecuencia lóxica do que se podería estar xerando en Porqueira.