Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Carta abierta del presidente de las cofradías gallegas ante el amarre y protesta del sector pesquero

Jose Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías, amosa a súa preocupación polo sector pesquero

Jose Antonio Pérez Sieira, presidente de la Federación Galega de Confrarías

Jose Antonio Pérez Sieira, presidente de la Federación Galega de Confrarías / Sasemar

José Antonio Pérez Sieira

Vigo

Despois dun comezo de ano máis que complicado, gustaríame expresar con palabras sinxelas, pero aclaratorias, o panorama co que a pesca artesanal e o marisqueo se atopan nestes momentos e, sobre todo, o panorama de futuro moi próximo a curto ou medio prazo.

Eu son un home do mar, un mariñeiro feito a min mesmo que cada día aprendo máis do que significa o meu traballo e cada día, igual que moitos homes e mulleres que asumimos tarefas de representación, érgome coa principal misión de procurar que os nosos profesionais poidan saír a traballar neste medio hostil que é o mar e volvan á terra co sustento de miles de familias.

Todos sabemos que estamos a asistir a un disparate normativo que vén como consecuencia da aprobación dun regulamento, non nos esquezamos, apoiado cos votos dos nosos representantes en Europa, representantes cos que xa no ano 2021 nos reunimos para anunciarlles as consecuencias da súa implantación, así como a imposibilidade de cumprimento dadas as especiais características das nosas rías e da nosa flota de pequeno porte.

Dicir que se conseguiron períodos de carencia na implantación da normativa non é suficiente; dicir que nos entenden e nos apoian pero logo votar a favor non foi solución e, por iso, todos somos conscientes do que di a expresión castelá «de aquellos polvos... estos lodos».

Recordo, e non hai máis que buscar na hemeroteca, todas as actuacións que a federación que represento levou a cabo no ano 2021, actuacións en coordinación coas federacións provinciais de confrarías de Galicia e que elevamos non só ao Ministerio, senón a todos os partidos políticos con representación en Europa. Dende a miña opinión, todos os eurodeputados da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo eran coñecedores das casuísticas da flota artesanal galega; non quedou ningún que non recibira escritos, non quedou ningún partido español con representación europea sen atender na sede da Federación Galega de Confrarías; polo tanto, non quedou ninguén sen saber as consecuencias que a aprobación traería para o sector.

Mais hoxe non é o momento do «xa cho dixen»; é o momento de aliñarse cos compañeiros de toda España, apoiar os acordos acadados no seo da Federación Nacional de Confrarías e, todos ao unísono, esixir aos que permitiron semellante barbaridade que adapten a normativa e que aproben excepcionalidades que permitan á flota artesanal seguir sobrevivindo e seguir traendo peixe á terra.

Á xente que non é do sector quero dicirlle que, ás veces, o nome dos regulamentos induce a erro, e este é o caso. Cando o sector se posiciona en contra do denominado regulamento de control non significa que nos opoñamos ao control; ao que nos opoñemos é á inxustiza e á imposición dunha normativa que nos aboca ao abandono da actividade e, queirámolo ou non, ao abandono da cadea socioeconómica que mantén Galicia.

O luns asistirei á reunión do Ministerio xunto cos compañeiros de toda España, apoiando a postura común de solicitar a exención do preaviso da flota artesanal, así como a eliminación da anotación exacta das capturas dende o barco antes da entrada a porto; teño as miñas esperanzas postas na sensibilidade da Secretaría Xeral de Pesca porque é o noso último recurso e espero que sexa quen de posicionarse ao lado do sector.

Así e todo, e por desgraza para o sector, isto non acaba máis que de comezar... todos sabemos que «de aquellos polvos... estos lodos» e queda moito lodo que roer, así que apelo á unidade e á solidariedade para aunar forzas e defender o noso sector.

Tracking Pixel Contents