A serie de fotografías Mexillón ao calor, de Agostiño Iglesias, vén de gañar o III Premio de Fotoxornalismo Pablo Orosa, instituído pola Fundación Luzes e que será entregado este sábado. O traballo aborda unha das consecuencias do cambio climático, a suba da temperatura da auga do mar, e como afecta neste caso ao sector do cultivo do mexillón. O premiado (Lousame, 1984) acompañou para esta reportaxe á tripulación do balandro Monte Aguieiro, con base no porto de Moaña. O xurado valorou esta serie “polas súas calidades técnicas e artísticas e por incidir nunha problemática de actualidade, e por conseguir reflectir axeitadamente unha temática de difícil e pouco habitual descrición en imaxes”. Agostiño Iglesias recibirá o premio dentro das II Xornadas Tecendo Xornalismo, que se celebrarán na sede da Fundación Luís Seoane da Coruña.
