José Blanco deixou a presidencia da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia o pasado mes de maio. Destes seis anos que estivo á fronte de Acerga, Blanco resalta a capacidade de supervivencia dos cerqueira logo duns anos complicados. "Fomos capaces de aguantar unha frota que estaba totalmente perdida", sinala Blanco. A pesar disto, aínda quedan cousas que facer, como a implantación de cupos por tripulante.

-Hai seis anos que se creou Acerga e que presidía a asociación, como os resumiría?

-Fixemos moito traballo entre todos, pero sobre todo houbo moita satisfacción porque coñecemos a moitos amigos. Dentro do que pasamos fago un balance positivo porque o máis importante é que fomos capaces de aguantar unha frota que estaba totalmente perdida. Tanto é a si que as embarcacións están a aumentar dentro da asociación. Agora somos 107.

-Despois deste tempo deixa de a presidencia, que lle levou a tomar esta decisión?

-Seis anos é tempo suficiente dirixindo unha asociación. Se neste tempo non se encamiña unha organización ou un negocio aínda que se bote máis anos non o vai a conseguir. Dentro do que puidemos facer marcamos un rumbo e o mantivemos. A frota ten agora moita máis estabilidade, está máis relaxada e tranquila a traballar. Ademais a min os cambios gústanme, son necesarios. Tamén tiven uns problemas persoais e antes está a familia. Pero sigo aquí xa que teño un barco na asociación.

-Grazas ao reparto de cupos entre os barcos da asociación van subsistindo?

-Dentro do que hai os cerqueiros agora viven todo o ano. Se non nos houberamos xuntado o 80% da frota desaparecería. Agora temos cotas porque levamos seis anos loitando, porque se veñen para Acerga tamén o fan para os que non forman parte da asociación, cousa que antes non había. Agora as embarcacións teñen 200 toneladas de xurelo, incluso hai algúns que pasan das 300. Pero isto é grazas ao traballo que se está a facer dende a asociación xa que traballamos para todos, para os que repartimos todo e para os que non quixeron compartir cota. Nós regulamos a pesqueira e temos 750 quilos diarios de xurelo por tripulante, mentres que os outros barcos teñen vía libre. Por iso pedimos que o máximo de descargas sexa por tripulante xa que é o máis xusto.

-A intención é que todo o cerco teña unha regulación nas capturas?

-O normal, para respectar á xente que está a traballar polo sector, sería que se fixera. Por maioría na Federación Galega de Confrarías os patróns maiores ratificaron que se quere 750 quilos de cupo por tripulante e o que tiña que facer o resto da frota, polo menos, é respectar aos compañeiros e traer todos esa cantidade. Así o peixe véndese máis caro e tamén hai que coidar o caladoiro. Moitos patróns non o están pensando, pero se falla o xurelo na costa galega, o cerco baixe ao tacho. Antes era a sardiña, agora é o xurelo o que aguanta ao 90% da frota. Por iso nós dicimos que hai que regular o caladoiro. A xente darase conta cando non haxa remedio.

-O ano pasado Acerga constituíse como organización de produtores (OP). En que favoreceu este cambio?

-Tivemos que constituírnos como OP porque nós queremos vender o noso peixe. Tanto é así que temos unha vendeduría na Coruña e estamos mirando para poñela tamén en Vigo. Pero queremos ir pouco a pouco porque non queremos dar pasos en falso. A OP que fixemos foi máis ben para ter dereito a facer isto e para poñer cotas de captura diarias.