Ricardo Villar é un armador de volanta cuxa familia é propietaria de cinco embarcacións e que está acampado ante o edificio da Xunta en Santiago. Asegura que a frota volanteira non ten futuro se a Administración non aumenta as posibilidades de pesca.

-Cal é a situación actual dos 31 volanteiros galegos?

-Penosa. Levamos así xa tres ou catro anos. Con esta cota ridícula de pescada non hai saída posible.

-Teñen un cupo de 35 toneladas anuais de pescada por barco, non?

-Si, e a tres euros o kilo so hai que facer unha multiplicación: Con cen mil euros de ganancias non chega para cubrir os gastos da embarcación e pagarlle aos sete ou oito tripulantes.

-Vostede declarou que a situación leva ao sector a mentir na declaración das capturas. Dende cando se fai isto?

-Facémolo durante todo o ano dende 2010, cando se repartiron as cuotas da pescada. É algo que fan todas as flotas pero non o din.

-A Xunta afirma que descoñecía o voso descontento e que a acampada que estades a realizar é ilóxica. Que opina?

-Nós solicitamos o luns a reunión. Pero a conselleira reuniuse con todos os patróns maiores novos despois das eleccións e Lucía Villar trasmitiulle o noso problema. Disto xa fai máis dun ano. En Xaneiro tamén tivemos unha reunión co secretario general de Pesca, Andrés Hermida, para tratar este tema.

-A Administración retiroulles os permisos para cambiar de modalidade. Como lles afectou esta medida?

-Permitíanos adicarnos á pesca de rascos (ao rape) durante un ou dos meses máis. E iso polo menos dábanos para ir tirando un pouco máis. Pero este ano, por primeira vez, denegáronnolo sen dar máis explicacións.

-Denuncian unha presión inspectora excesiva. Vostede declarou inclusive que os seus fillos vixiaban no porto para evitar os controis. Como se pode chegar ata esos límites?

-Invito a quen quiera a que vaia a calquera porto de Galicia pola tarde e xa se da conta de todo. Nuns van mulleres, noutros primos, fillas o que sexa. Cada un fai como pode.

-Como ve o futuro da volanta?

-En Cedeira acabouse. Isto se non cambia non hai futuro.

-Ata cando acamparán frente á Xunta?

-Ata que o corpo aguante e ata que nos den unha solución.