Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Takekazu Asaka Primeiro tradutor de obras de Álvaro Cunqueiro ao xaponés

«En Xapón vai gostar moito a fantasía de don Álvaro»

Catedrático emérito de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku e académico de honra da Real Academia Galega, vén de publicar «Álvaro Cunqueiro. Obra escolleita», unha antoloxía bilingüe de textos do escritor mindoniense, que foi director de FARO

Takekazu Asaka, no IES Ramón Cabanillas de Cambados.

Takekazu Asaka, no IES Ramón Cabanillas de Cambados. / Noé Parga

Salvador Rodríguez

Salvador Rodríguez

Takekazu Asaka tamén traducíu ao idioma nipón obras de autores galegos coma, entre outros, Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas ou Uxío Novoneyra, e asemade as Cántigas de Santa María recompiladas por Afonso X.

—Cando e como descubríu o idioma galego e por que comezou a interesarse pola cultura de noso?

Cando estudaba castelán no ano 1977 en Madrid, un día fun á Praza de Cibeles, onde atopei o xornal semanal A Nosa Terra nun quiosco e merquei un exemplar movido pola curiosidade e porque me sorprendeu moito que non estivese escrito no mesmo idioma que outros xornais españois. Xa que logo, ben pode decirse que ese foi o primeiro contacto que tiven co galego escrito.

—E a partires desa descuberta...

A primeira viaxe que fixen a Galicia tivo lugar no verán do 1989, sendo profesor titular de castelán na Universidade de Tsudajuku de Toquio, para asistir ó XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas, que se celebrou na Universidade de Santigo de Compostela. Este congreso foi para min unha boa ocasión de coñecer a lingua galega, pois asistín a case tódolos relatorios da Sección IV Galego. Interesáronme moito os temas de filoloxía galega por ser unha das linguas europeas minorizadas. O congreso foi unha experiencia moi satisfactoria. O ano 1990 visitei de novo Compostela para participar na terceira edición dos cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia.

—E daquela topouse coa obra de Cunqueiro?

Si, no ano 1990, cando visitei a Editorial Galaxia, o meu grande amigo Carlos Casares regaloume Obra en galego completa de Álvaro Cunqueiro. Interesábame tamén ler Xente de deiquí e de acolá, pero daquela non tiña tempo de lelo con calma e tampouco de traducir as obras de Cunqueiro. Agora, despois de xubilarme da universidade, estou máis libre e por iso empecei a traducilo e editalo en xaponés.

—A que obras de don Álvaro pertencen os textos incluídos neste libro, prologado polo colaborador de FARO Armando Requeixo?

A Obra en galego completa, A cociña galega, Dona do corpo delgado, Herba herba deiquí e acolá e outros poemas mais.

—Que cre que máis lle vai a interesar aos xaponeses de obra de Álvaro Cunqueiro en xeral?

Nós gustamos moito da fantasía, e tamén nos chaman a atención os artigos sobre gastronomía galega, e máis se están escritos do xeito en que o fixo el.

—Coñece Vde. os artigos de prensa que publicou en FARO?

Teño lido algúns, e cónstame tamen que nunha intervención súa falou da cultura xaponesa nun programa de radio que, por certo, teño moito interese en atopar, para poder gravala e publicala.

—Persoalmente, que lle gusta máis: a sua su poesía ou a narrativa?

En narrativa, Merlín en familia é un libro que me fascina, pero se lle digo a verdade agora interésame moito Cantiga nova que se chama Riveira, que é neotrovadorismo, porque me encantan os troveiros medievais. De feito, o ano pasado editei un libro-CD musical dedicado aos «Tres xograres da ría de Vigo».

—Detecta algunha conexión entre a literatura xaponesa e a galega?

Non lle sei decir de certo, cada literatura é independente, pero o que si que é verdade é que hai unha tendencia, un fío que une máxicamente a toda a literatura universal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents