Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Biblia en galego xa voa no ciberespazo

O vindeiro martes preséntase en Compostela a edición online das Sagradas Escrituras (abiblia.gal) na lingua vernácula de Galicia

Acto de presentación na Casa do Libro de Vigo da Biblia en galego (22 de maio de 2002). Na mesa, o arcebispo da Diócese de Tui-Vigo José Diéguez, o emérito José Cerviño, o teólogo Xulio Andión e o presidente de Galaxia (que tamén fora o primeiro presidente da Sept), Xaime Illa Couto. En pequeno: o libro na súa edición de papel, revisada en 2021.

Acto de presentación na Casa do Libro de Vigo da Biblia en galego (22 de maio de 2002). Na mesa, o arcebispo da Diócese de Tui-Vigo José Diéguez, o emérito José Cerviño, o teólogo Xulio Andión e o presidente de Galaxia (que tamén fora o primeiro presidente da Sept), Xaime Illa Couto. En pequeno: o libro na súa edición de papel, revisada en 2021.

Salvador Rodríguez

Salvador Rodríguez

A presentación do 3 de xuño, na Aula Magna do Instituto Teolóxico Compostelán, da edición online da Biblia en galego representa un paso máis no desenrolo da difusión das Sagradas Escrituras na lingua vernácula de Galicia, un proceso que xurdiu trala celebración do Concilio Vaticano II, a asamblea de bispos de todo o mundo convocada polo papa Juan XXIII en 1959 e clausurada por Pablo VI en 1965, cuxas conclusións plasmáronse na modernización da Igrexa Católica e a procura dunha melloría na relación desta institución coa sociedade contemporánea. Resultou que dentro desa aposta polo achegamento da Igrexa á sociedade, incluíase o fomento da participación activa dos fieis na liturxia e, polo tanto, a democratización lingüística da Misa, aspecto que culminaba coa aprobación, o 6 de outubro de 1963, do dereito a oficiar a Misa non só e latín, ata o daquela obrigatorio, senón tamén en cada unha das linguas vernáculas vivas do planeta.

Ao longo do século XX, Vidán Torreira, Precedo Lafuente, Morente Torres ou Espiña Gamallo ofreceran edicións parciais de tradución da Biblia ao galego, pero non foi ata o pulo do Concilio Vaticano II cando se abordou a tradución íntegra. Nos anos 80, cunha diferenza de cinco anos, saíron á luz dúas versións diferentes (a primeira foi a de Avelino Gómez Ledo e Manuel Casado Nieto, que se completou en 4 volumes en 1984 da man da editorial Bibliófilos Galegos).

Aquela apertura lingüística do Vaticano non tardou en chegar a Galicia, e concretamente a círculos achegados ao posgaleguismo cristián que emerxían malia o estado aparentemente máis «suave» dunha ditadura que aínda se atopaba xa non só en vixencia, senón tamén, e iso era o peor, con pleno vigor. Sen embargo, algo comezaba a se mover neses círculos cristiáns galegos, maiormente integrados por laicos. Ao longo de 1965 celebráronse varias reunións en Vigo e Santiago que, ao ano seguinte, afloraron, a significativa data do 25 de xullo, na fundación da editorial Sept (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), nacida co obxectivo de «editar e difundir publicacións de carácter relixioso, cultural, informativo, social e económico». Esta pluraridade de ámbitos axiña se unificou nun obxectivo primordial, se ben poderíase dicir que naquela altura era, alén dun obxectivo, mais ben unha esperanza: a da tradución completa da Biblia ao galego. E para conseguilo, axiña se constituíu un grupo de traballo coordinado por Xosé Fernández Lago e Andrés Torres Queiruga, do que formaban parte Martín María Díaz, Xesús Ferro Ruibal, Anxo González Núñez, Emilio Losada Castiñeiras, Xosé Antón Miguélez Díaz, Francisco Pérez Santalices, Manuel Regal Ledo, Xosé Rodríguez Carballo, Xoán Carlos Rodríguez Herranz, Xosé Manuel Rodríguez Pampín e Xosé Antonio Salgado Agromartín, equipo que, xa en 1980, permitiu que saíra do prelo a tradución do Novo Testamento. Para a edición completa da Biblia habería que agardar ata 1989.

E foron moitos os anos percorridos, si, mais hai que entender que, ás dificultades económicas, políticas e incluso relixiosas (procedentes da liña oficialista e conservadora da Conferencia Episcopal Española) para poder levar o proxecto adiante, houbo que engadir un propósito autoimposto polos seus propios impulsores en 1973: a versión completa da Biblia debería estar baseada nas linguas orixinais, é decir, tomada diretamente do hebreo, o arameo e o grego. Na promoción, xestión e edición, que durou dezaseis anos, implícáronse de maneira directa o Presidente e o Director de Sept, Alfonso Zulueta de Haz e Francisco Domínguez, respetivamente. A editorial cubriu os gastos de adquisición de textos de referencia, fotocopias, revisión e outras tarefas de apoio. Para afrontar estes gastos creouse un grupo de cotizantes que mensualmente atendían un recibo.

Agasallo a Juan Pablo II

Rematados os traballos de tradución, a Xunta de Galicia financiou a primeira edición en 1989, con 5.000 ejemplares. Posteriormente realizáronse dúas edicións máis co mesmo número de exemplares, publicándose un total de 15.000. Esa primeira edición coincidiu co a visita do papa Juan Pablo II a Santiago de Compostela, e o daquela Goberno galego agasallou ao Pontífice cun dos seus exemplares, protocolaria e detallisticamente encadernado en pel branca.

Francisco Domínguez, presidente da editorial, sinalaba daquela que «A Biblia SEPT utiliza un galego adecuado ao rigor científico da tradución e ao mesmo tempo accesible ao pobo en canto a vocabulario e expresións: a aplicación pastoral requeríao así. Tamén se coidou moito a dignidade da edición en papel bíblico e con encadernacións en polipel e letras douradas estampadas. E non se pasou por alto a dignidade da nosa lingua. Temos unha edición que nada ten que envexar á doutros idiomas». Unha aseveración coa que coincidía o escritor e ex presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, quen nun dos seus artigos salientaba que «a Biblia galega de SEPT é superior, en todo, en calidade literaria e rigor, ao que por aí se ofrece en castelán». De feito, a versión galega recibiu o Premio Nacional de Tradución e, segundo contaba o citado Domínguez, «os bispos de Galicia solicitaron o uso da tradución nos lecionarios das palabras das misas, editados posteriormente».

Trinta e tres anos despois, o 12 de xullo de 2022, presentábase, tamén en Santiago, a cuarta edición revisada lingüísticamente por un equipo de filólogos galegos que, como fixeran os anteriores, traballaron de balde. Esa é a Biblia en galego actualmente vixente en papel, mais desde a SEPT anúnciase agora xa non só a posta en marcha da edición online, senón tamén dunha nova edición na que, dalgún xeito, se reflictan os cambios habidos nestes últimos anos na aplicación da normativa do galego escrito.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents