Entrevista | Cristina Pato Música, docente, produtora e escritora
«Nunca me sentín cómoda co que significaban as críticas»
«Fun moi afortunada na miña carreira como música» coa que «vivín moitas vidas á vez», expresa a artista, actualmente volcada na docencia universitaria e na escrita

Cristina Pato. / FdV
Con dezaoito anos rompeu estereotipos e converteuse na primeira gaiteira solista. Transitou pola música de cámara como virtuosa pianista e recalou en Estados Unidos, onde atopou a súa paixón pola docencia e traballa de profesora invitada para universidades como Harvard, Santa Bárbara o Nova York. Cristina Pato é unha artista poliédrica que ten tamén a súa faceta de escritora —a súa segunda novela sairá este ano— e produtora.
–Cal das súas múltiples facetas lle ocupa máis tempo na actualidade e como decide a cal delas adicarse en cada momento?
A verdade é que sempre estiveron moi ligadas todas elas, e dalgún xeito todas nacen da faceta de intérprete. Cos anos funme inclinando mais cara a docencia, a escritura, e a produción, por moitas razóns, entre elas o feito de que ía vendo como a paixón coa que exercía antes a miña profesión de música foi mudando, e canto máis me achegaba ao mundo da educación a través das artes, máis me fascinaba, e pouco a pouco fun facendo diso o meu camiño. Hoxe en día divido o meu tempo entre a educación e a escritura, con momentos puntuais como produtora de proxectos na intersección entre arte e sociedade.
–Como é a súa vida entre Estados Unidos e Galicia?
Vivo en Nova York, pero paso un trimestre (o inverno) ao ano na Universidade de California en Santa Bárbara, coma profesora invitada, onde me dedico a proxectos interdisciplinarios, relacionados coa conexión entre as humanidades e as ciencias a través das artes. Sigo tamén cun pé en Galicia, pois toda a miña familia, e parte da miña vida profesional está aí. Paso varios meses ao ano en Ourense, e a verdade é que desde hai algún tempo considero que son unha especie de cidadá de entremedias, pois levo máis de vinte anos vivindo e traballando entre os dous países, entre as dúas culturas, con todo o que iso supón a nivel persoal, pero tamén cultural.
–Por que se decantou pola ensinanza e a produción despois de 25 anos como música profesional de gaita e piano, con seis discos no primeiro instrumento o dous no segundo? Bota de menos algo desa época?
Hei de confesar que foi unha decisión orgánica e bastante meditada. No ano 2012 a organización para a que traballaba, o Silkroad Ensemble de Yo-Yo Ma, comezara unha iniciativa de educación a través das artes en colaboración coa escola de educación da universidade de Harvard, era un curso de verán anual orientado a artistas interesados na educación e educadores interesados nas artes. Alí coñecín a Steve Seidel e Tina Blythe, cos que tiven a honra de colaborar durante máis dunha década, e grazas a eles e ao Silkroad funme atopando cada vez máis cómoda na idea de traballar na intersección entre disciplinas. Comecei a facer residencias artísticas en diferentes institucións académicas, e canto máis colaboraba con profesionais doutras disciplinas, especialmente das ciencias e as humanidades, máis sinerxías xurdían. E coa miña natureza inqueda e curiosa, cada vez me apaixonaba máis por aprender como se conectan a música e a neurociencia, a memoria e as artes, as artes e a medicina... e pouco a pouco, cos meus colaboradores, comezamos a deseñar iniciativas nadas nesas interseccións. Se boto algo de menos da miña época coma música? A verdade é que intento non mirar atrás moito, vinte e cinco anos de profesión deron para moitas cousas fermosas e non tan fermosas, pero xa levaba un tempo intentando aprender como abrazar unha vida máis acorde cos valores que fun adquirindo cos anos, e iso implicaba unha vida un pouco máis lenta. Se cadra o que boto en falta sexa contacto coa xente, co público e con outros músicos. Pois a diferenza da docencia ou da escrita, a experiencia musical ten un efecto inmediato no ser humano.
–En que consisten o proxecto interdisciplinar sobre memoria e o seminario sobre saúde que leva a cabo en universidades americanas?
De 2017 a 2023 impartimos unha clase interdisciplinaria na que estudantes das ciencias e das humanidades se xuntaban para reflexionar sobre a Memoria, a perda da memoria cognitiva e a perda da memoria cultural, a través de diferentes disciplinas, entre elas a neurociencia, a arte pública, a antropoloxía ou a literatura. Este ano comecei con outras dúas clases, unha co departamento de teatro e danza, onde estamos a traballar o que significa estar entremedias (entre disciplinas, entre culturas...), e outra co meu colega o neurocientífico Ken Kosik, onde nos centramos na relación entre a neurociencia e a literatura, a través das artes. O seminario que levo a cabo coa pediatra Lisa M. Wong, co-directora da Arts and Humanities Initiative da escola de medicina de Harvard, está enfocado en analizar a complexa e complementaria relación entre as artes e as ciencias, e o rol das artes na medicina, a través de lecturas, inmersión artística, conferencias e aprendizaxe experiencial.
–Como foi mudando a súa visión da música dende que rompeu estereotipos e converteuse na primeira gaiteira solista ata o seu último proxecto, ‘Invisible(s)’ con Mazz Swift?
Non sei se rompín estereotipos, e tampouco quero pensalo moito, pois era difícil fuxir deles... En 1999, cando saíu o meu primeiro disco, simplemente era unha rapaza de dezaoito anos facendo música cun instrumento que naquel momento tiña un peso cultural difícil de definir. Crecín co instrumento como música e como persoa, e polo camiño funme interesando por outras culturas, outras temáticas, outras músicas... e polo camiño fun aprendendo os xeitos que teñen os músicos de estar no mundo, desde os que asumen unha responsabilidade social, até os que se centran só na súa arte, abrazando a ambigüidade. O que ía ser o meu último proxecto, que quedou colgado pola pandemia no ano 2020, ía precisamente da responsabilidade que supón ter unha plataforma para dar voz ás cousas que son importantes para cada artista, ía de abrazar a idea do artista como xerador de cambio social, de aí nacía a colaboración con Mazz Swift. Pero por desgraza, a pandemia deixou o proxecto no aire logo da súa presentación en xaneiro do 2020, e eu xa tiña claro que o 2020 ía ser o meu último ano en activo como música.
–Ten feito colaboracións como artista invitada en varios discos, un deles premiado cun Gramy e outro de tributo a Miles Davis en español. Como selecciona as súas colaboracións?
Fun moi afortunada na miña carreira coma música. Non só tiven a sorte de coincidir con músicos xeniais senón tamén de que todos eles foran incriblemente xenerosos. O Silkroad Ensemble de Yo-Yo Ma, co que colaborei durante máis de quince anos, levoume a aprender unha infinidade de cousas con respecto ao rol da música na sociedade, con respecto ao papel do artista como catalizador, e sobre todo con respecto a como a cultura nos conecta. Traballar con músicos de China, Corea do sur, Xapón, Israel, Rusia, Palestina, Siria, Irán e os EUA durante tantos anos é unha escola de vida incrible, e grazas a eles fun abrindo os ollos aos moitos xeitos que temos de expresarnos, e aos moitos xeitos que temos de emocionarnos a través da música. E con respecto ao tributo a Miles Davis, coido que dá para outra entrevista, pero cando no ano 2010 me chamaron para ese disco, cos músicos que traballaran con el, para facer unha versión do seu Panpiper, que curiosamente está inspirado nunha gravación dun tocador de chifre da terra do meu pai, a miña vida cambiou radicalmente, e comecei a abrazar o jazz desde as raíces do meu instrumento...
–Co Silkroad Ensemble recorreu medio mundo, actuando en escenarios tan icónicos como o Carnegie Hall, o Hollywood Bowl ou o Gran Teatro Nacional de China. Que recordos garda desas experiencias e que diferencias atopa entre o que sinte unha intérprete actuando neses templos da música respecto aos seus concertos en escenarios máis populares, menos ‘sacros’?
Tiven moitas vidas á vez, pois ao mesmo tempo que traballaba con Yo-Yo e o Silkroad neses escenarios icónicos, tamén traballaba coa miña banda americana e co meu trío galego en escenarios moito máis pequenos, máis accesibles. Pero para min a responsabilidade da experiencia era a mesma, quizais nuns lugares sentías máis presión pola exposición que supuñan, pero a relación coa experiencia en si era igual.
–Que proxectos lle despertan o seu interese como produtora independente? Ser independente é o único xeito que atopa de facer o que realmente quere?
O meu último proxecto en Galicia foi unha iniciativa chamada Esenciais 20/50, que levamos a cabo entre Ugia Pedreira, Marina Oural, Xaime Fandiño e Cecilia Carballido. Era un proxecto interxeracional e interdisciplinar sobre o idadismo, unha reflexión pública sobre as súas consecuencias a través da voz de artistas e persoas diversas de diferentes ámbitos da sociedade. Ese tipo de proxectos que nacen na intersección entre arte e sociedade son os que despertan o meu interese. Ser independente significa moitas cousas para min. Por unha parte a liberdade de poder levar a cabo proxectos cos que conecto profundamente, e por outra asumir a responsabilidade do que significa ter a capacidade de sacalos adiante.
–O seu poderoso estilo ten sido aclamado por publicacións como The New York, The Wall Street Journal e Downbeat Magazine. Que sinte ao verse eloxiada polas críticas?
Hei de confesar que prefiro non mirar para elas. Tanto as boas como as malas.. As críticas son o que son, unha perspectiva máis sobre o teu traballo, e ás veces esa perspectiva (para ben e para mal), segundo onde se publique pode cambiarche a vida, e a pesar de que son necesarias, nunca me sentín cómoda co que significaban.
–A escrita é outra das súas facetas, a súa primeira novela ‘No día do seu enterro’ (Galaxia) vai pola terceira edición en tres anos. Quefoi o que lle animou a aventurarse na literatura?
Hai dez anos que comecei coas miñas colaboracións como columnista en prensa galega. Escribir sempre foi unha parte de min. Con respecto á literatura, coido que comecei a escribir historias a raíz do comezo da enfermidade da miña nai, hai agora doce anos. Naquel momento e por algunha razón a música deixou de axudarme a expresar todas aquelas cousas que ás veces eran inexpresables, e pouco a pouco funme refuxiando na escrita. A miña primeira novela é unha historia que levaba moito tempo na miña cabeza, e que non fun capaz de contar até que tomei a decisión de cambiar de rumbo. E a segunda novela... espero que se publique a mediados deste ano tamén con Galaxia, e é unha historia de ficción que bebe das experiencias dunha artista que se retira da súa profesión no mellor momento da súa carreira.
Suscríbete para seguir leyendo
- Alberto Carral, oncólogo gallego: «Hay un aumento de cáncer de colon en personas más jóvenes por los hábitos de vida»
- El pediatra Carlos González, molesto con la obsesión de muchos padres: «Qué más da...»
- Esta es la ciudad española que «no merece la pena» según los turistas
- Ryanair estrena una ruta a Marruecos con una ocupación del 9% después de cerrar doce en España por las tasas de Aena
- Tensión a bordo de un vuelo de Iberia parado más de tres horas en la pista del aeropuerto de Santiago
- Rescatada la conductora de un bus que quedó colgando sobre el Lagares
- «Está demostrado científicamente que tener un perro aumenta los niveles de oxitocina, la hormona de la felicidad»
- El último alijo del puerto de Vigo: 150 kilos de cocaína en el casco de un mercante